Obradoiro de voz con Núria Inglada Cardona, profesora de voz do Centre Artistique International Roy Hart Theatre. 18, 19 e 20 de Outubro / Vigo

Co patrocinio da fundación AISGE, presentamos este obradoiro dirixido a toda persoa que queira facer unha exploración atenta da súa voz, con ganas de xogar e investigar as súas posibilidades.

Presentación

Podemos achegarnos ao traballo da voz dende moitas perspectivas distintas. Dende a vontade de control máis absoluto desta á inconsciencia e descoñecemento absoluto do que estamos emitindo. Entre estes dos puntos máximos hai todo un mundo. O traballo que nós ofrecemos crea distancia entre os dou extremos. Non ofrece control mental pero traballa a consciencia da voz.

Tentar controlar a nosa emisión vocal tecnicamente dende una aproximación só de coñecemento anatómico é una batalla perdida, o cerebro é incapaz de ter en conta todas a variables que influencian na emisión da voz. Son tantas que é imposible, o mesmo que pasa co corpo nunha actuación. Nin o corpo nin a voz son instrumentos descontextualizados da persoa, malia iso atopamos moita retórica sobre como educar a voz como instrumento. Deixar claro que o coñecemento da práctica vocal é imprescindible para un profesional do canto o da actuación, pero a cuestión é como chegar a ese coñecemento. Un instrumento pódelo gardar nunha funda despois de tocalo, coa nosa voz non podemos facer iso. A nosa voz vai connosco sempre, e calquera cousa que nos aconteza vai modificala, sexa un proceso hormonal ou un acontecemento emocional. Por iso o proceso de coñecemento da nosa voz e como responde a situacións distintas é o proceso de coñecemento da nosa persoa.

A voz e tan rica como podemos selo nós. Só necesita permiso para amosar toda esa riqueza. “Escollemos” unha voz para o noso día a día, unha parte da nosa voz coa que nos sentimos cómodas e aceptadas no noso entorno, pero esta é, só iso, una parte.

Gústanos entender a voz como un camiño, coma una paisaxe que pode cambiar en función das necesidades. Non fabricamos outras voces exploramos a nosa, que ten moitas máis posibilidades das que estamos feitos a utilizar. Aínda que teñamos tendencias vocais, zonas onde estamos máis cómodos o familiarizados, o abano tímbrico da nosa voz é moito máis amplo do que semella.

No obradoiro practicaremos exercicios para soltar a voz, darlle permiso para existir e convidala a visitar novas paisaxes sonoras. A través do xogo, da imaxinación, da conexión co corpo abriremos portas a sons descoñecidos.

Cando libero a miña voz libero todo o meu ser. Cando amplío o rexistro da miña voz, amplío a miña personalidade, a miña perspectiva. Estar nun rexistro vocal ou noutro ofrécenos a posibilidade de estar dun xeito ou outro no mundo. Poder coñecer máis posibilidades expresivas da miña voz, comporta a ampliación do meu camiño creativo.

Recuperamos a experimentación vocal das crianzas que non teñen prexuízos sobre os rexistros vocais e poden pasar por todos eles con divertimento, curiosidade e aprendizaxe. Nós, engadimos a iso a consciencia para poder sentir que é o que sostén ese son (imaxes, metáforas, sensación físicas...) para poder volver a el, sabendo que nunca vai ser o mesmo, pero estará nas mesmas cores.

Contidos

Os exercicios propostos inclúen os seguintes puntos:

• Conciencia corporal. Sensorial. Percepción.

• Desbloqueo das tensións corporais

• Traballos específicos de respiración.

• Escoita empática.

• Ton, timbre, vibración da voz.

• Resonancias vocais.

• Dirección e movemento da voz.

• Relación imaxinación-corpo-voz.

• Intensidade e volume.

• Os rexistros “clásicos” e a súa extensión. Pontes entre rexistros.

• Improvisación e musicalidade.

IMPORTANTE: A metodoloxía do curso é totalmente práctica e os contidos trabállanse conxuntamente e están interrelacionados, xa que a voz é un todo. Farase máis fincapé nun tema ou noutro dependendo das necesidades e dinámica do grupo

A docente, Núria Inglada Cardona

Nada en Barcelona, 1968. Investigadora e pedagoga teatral. Mestra en Artes Escénicas, Universidade de Vigo e Titulada Superior en Arte Dramática, Institut del Teatre de Barcelona. O seu interese polo teatro non convencional lévaa a formarse e investigar no que se podería chamar teatro “vivencial” ou da experiencia, colaborando co grupo irlandés Artslab dirixido por Chrisie Poulter, formándose en distintos ámbitos artísticos, sociais, pedagóxicos e terapéuticos con xente como Roberto Romei (biomecánica), Odin teatret (adestramento actoral e creación de espectáculos), Atro Kahiluotto (dirección), Judi Wilson (corpo e movemento), Cie. du passeur (presencia escénica), Kirill Yurievich Yarko (osteopatia biodinámica) Tere Puig (formación Ser Cuerpo) entre outros, e cursando dos posgraos en estudos do feminismo da diferencia sexual no Centro de investigación Duoda. Universidade de Barcelona. En 2001 coñece o traballo vocal do Centre Artistique International Roy Hart Theatre que lle abrirá o camiño a unha maneira de entender o teatro moito máis conectada coa intelixencia corporal, co xogo, coa propia experiencia e decide formarse ata chegar a ser profesora especialista en 2011.

No campo profesional, malia ter traballado como actriz e clown, dirixido obras, as dúas últimas “Educador social en Alaska" e "Alaska 2099" coa cia. Factoría Los Sanchez ou ser axudanta de dirección no Teatre Nacional de Catalunya e o Teatre Lliure de Barcelona ao carón de Joan Castells, Josep Maria Mestres, Helena Pimenta e Ariel García-Valdés, dende hai máis dunha década o seu principal interese é a investigación e a docencia enfocándoas dende a relación e a experiencia vivencial. No campo da pedagoxía foi profesora de dirección escénica na Esad de Galicia durante 8 anos, é profesora do Centro Artístico Internacional Roy Hart Theatre (Occitania) e da cursos e seminarios internacionalmente como por exemplo en Teatterikorkeakoulu (Finlandia, 2016) ou no VI y VII Simposio Internacional de Performance Wolfsohn e Hart (Brasil, 2017-18).

O seu último traballo de investigación foi presentado na conferencia “Transitando por el Pont Flotant” dentro do Ciclo Miradas, Teatros del Canal, Madrid, febreiro 2020.

Escrita do prólogo á edición da obra “Eclipse total” da compañía Pont Flotant en 2023.

Actualmente sigue ofrecendo clases regulares de voz na escola de teatro Tracart de Vilanova i la Geltrú, fai asesorías escénicas a distintos grupos de teatro e vive unha vida máis tranquila..

Datas e duración:

Do 18 ao 20 de outubro, 18 horas coa seguinte distribución das sesións:

Venres 18 de outubro: de 17h a 20h

Sábado 19 de outubro: de 10h a 14h e de 15:30h a 19:30h

Domingo 20 de outubro: de 10h a 14h e de 15:30h a 18:30h

Lugar:

Escola A Artística. Rúa de Barcelona, 35, Freixeiro, 36203 Vigo, Mapa

Prazas e selección do alumnado:

Este obradoiro ten 12 prazas. A admisión realizarase por sorteo entre as persoas inscritas.

Os participantes deberán traer roupa cómoda (nada que aperte o corpo como vaqueiros elásticos ou cintos), unha manta para poder traballar no chan, auga. É importante manter unha boa temperatura corporal recomendamos vestir a “capas” para poder sacar e por roupa segundo as necesidades.

Por outra banda, un texto perfectamente memorizado que lles guste (poesía, narrativa, teatro, letra dunha canción) de entre sete e dez liñas e un par de estrofas dunha canción.*

*Este material ten que estar perfectamente memorizado, se non non vai servir para o traballo. Poderase utilizar ou non en función das necesidades a traballar e a dinámica do curso. Prégase vir sen expectativas respecto este punto para evitar frustracións

Prezo:

Socixs AAAG e /ou AISGE: 90 euros

Se levas no paro 6 meses ou traballaches 10 días ou menos nese tempo, o prezo será de 60 euros. Terás que presentar documentación que xustifique a situación para acceder a este desconto, exclusivo para o corpo asociativo da AAAG.

Non socixs: 120 euros

Inscrición:

Desde o 13 de setembro ata o 8 de outubro ás 12h. a través do formulario que figura na parte superior desta páxina

Se es socix da AAAG, só tes que iniciar a túa sesión na páxina e premer “inscribirme” no formulario. O obradoiro aparecerá no apartado “inscricións” do teu espazo privado.

Reserva praza e forma de pago

Comunicarase a listaxe de admisión o 9 de outubro. De haber máis solicitudes que prazas constituirase unha lista de espera.

Na mesma comunicación de admisión indicarase a forma e datas de pagamento. No caso de que algunha das persoas admitidas non o efectúe nas datas indicadas, a súa praza será adxudicada á seguinte persoa na lista.

De non acadar solicitudes suficientes, a organización poderá suspender a realización do obradoiro.