Impro para actrices e actores con Antón Coucheiro. 28 e 29 de setembro / Santiago de Compostela

Co patrocinio da Fundación AISGE e a colaboración da fundación SGAE, presentamos este taller de impro para actores e actrices, aberto a profesionais doutras artes escénícas.

A impro é teatro, outra forma de facer teatro. Unha disciplina artística na que se crean escenas de forma instantánea, sen texto escrito nin ensaios previos. Esas historias improvisadas poden ser cómicas ou dramáticas, pero o obxectivo é que resulten emocionantes e memorables. Para iso, é necesario coñecer a técnica. Este curso é unha oportunidade para os actores e actrices que queiran practicar impro, adestrar a súa espontaneidade e aumentar a súa presencia escénica

Obxectivos

- Aprender as bases da técnica da impro

- Potenciar a espontaneidade

- Desenvolver habilidades narrativas

- Afondar no interese e na profundidade das escenas

- Aumentar a escoita e a presencia escénica

- Mellorar habilidades interpretativas

- Poñer en escena a creatividade

- Adestrar o traballo en equipo

Contidos

- Bases da técnica da impro

- Escoita e aceptación

- PROL

- Creación instantánea de personaxes

- Construír espazos e obxectos

- Dramaturxia improvisada

- Ferramentas básicas: estilos, estatus, edición, etc.

- Xogos e dinámicas da impro deportiva e do long form

O docente

Antón Coucheiro é actor, director produtor teatral e guionista, pero, ante todo, improvisador e pallaso. Formouse en interpretación en Espacio Aberto, Santiago de Compostela, en teatro non verbal no HAMU de Praga, e en circo na Fundiçâo Progresso de Río de Janeiro. Tamén ten un Máster en Guión por la URJC de Madrid, Diplomado en Improvisación Teatral pola Universidad del Bosque de Bogotá, e Mestrado en Dirección Teatral pola ESMAE de Oporto. Recibiu formación en clown e en impro cos mellores mestres a nivel internacional.

Traballou en teatro con compañías como A Factoría, Chévere, Matarile, CDG, CDN ou Pista Catro, da que foi fundador. En audiovisual, en series (Rapa, Clanes, Servir y Proteger, Aqui No Hay Quien Viva, Fariña, Vivir Sin Permiso, Matalobos, Asunta, Serramoura, Padre Casares, Pazo de Familia, etc) e programas de televisión (Luar, Mundo Verbena, Os Aspirantes, etc) . Tamén realizou as súas propias curtas (Katiuska, Carreiras Secretas, premio do xurado en Cans 2007). Produce e dirixe os seus propios espectáculos en solitario, (Cigâní, Psicópata, Múltiple, Smart, Sonámbulo, OldPlay, Home), cos que actuou nunha en máis dunha ducia de países, e tamén dirixe para outras compañías (Outono, Mezzo, Latexo, etc).

Foi director de festivais de teatro de rúa (D ́Gorra) e de impro (Imperdible, ImproMaxín), fundador da casa de microteatro A Regadeira de Adela, e das escolas Circo Nove e Espontánea. Organizador e docente do F!T USC, a primeira formación universitaria de impro en Europa, tamén deu clases de clown e de impro en festivais de países como Portugal, Brasil, República Checa, República Dominicana, Costa Rica, Cuba, Perú, Colombia, India, Mozambique, etc..

Datas e duración:

Sábado 28 e domingo 29 de setembro en horario de 10:30h a 14h e de 16h a 19:30h

14 horas

Lugar:

Sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela. Rúa das Salvadas 2A. MAPA

Prazas e selección do alumnado:

Este taller ten 16 prazas activas. A selección farase por sorteo entre as persoas inscritas.

Inscrición:

Dende o 5 de setembro xoves, até o 19 de setembro, xoves mediante o formulario que figura na parte superior desta páxina

Se es membro da AAAG, so tes que iniciar a túa sesión na páxina e premer “inscribirme” no formulario. O taller aparecerá no apartado “inscricións” do teu espazo privado.

Prezo:

Socixs AAAG e/ou AISGE: 75 euros

Se levas en paro 6 meses o traballaches 10 días ou menos nese tempo, o prezo será de 50 euros Terás que presentar documentación que xustifique a situación para acceder a este desconto, exclusivo para o corpo asociativo da AAAG

Non socixs: 95 euros

Reserva de praza e forma de pago

Comunicarase a lista de admisión o venres 20 de setembro. De houber máis solicitudes que prazas constituirase unha lista de agarda o que será así mesmo comunicado. Na mesma comunicación de admisión indicarase a forma e datas de pago.

De non acadar solicitudes suficientes, a organización poderá suspender a realización do taller.