Presentación, por Andrea Quintana
A orixe do meu traballo parte de entender a diversidade corporal como a potencia principal do movemento e da creación, fuxindo da idea de normalizar e unificar os corpos. Confío na mestura de prácticas e disciplinas para a creación dun método de traballo persoal que bebe de todo o aprendido ao longo da miña traxectoria. Considero a danza un modo de estar no mundo, unha práctica chea de fortalezas que achegan coñecemento e escoita do noso propio corpo, así como do que nos rodea, dotándonos de capacidades de interacción diversas.
O obxectivo destes encontros é propoñer o adestramento no que o corpo forme parte inseparable da nosa conciencia escénica. Un achegamento ao movemento co que adquirir coñecemento e presenza física, tanto desde a práctica como desde a teoría, creando un espazo no que explorar o noso movemento persoal, as posibilidades físicas e as capacidades de expresión infinita de cada corpo.
Partiremos do estudo da nosa estrutura e anatomía corporal, de como esta se relaciona co espazo e cos corpos que nos rodean. Traballaremos a experiencia como fundamento para a aprendizaxe, pasar polo corpo a teoría para activar preguntas que nos axuden a descubrirnos desde outras perspectivas e linguaxes. Activaremos a través de exercicios de improvisacións os noso propios imaxinarios e desexos, cos que alcanzar a poética dun movemento propio que nos axudará a conectar e expresar a nosa creatividade individual e colectiva. Intentaremos comprender o corpo como un mapa, un vehículo co que viaxar a través do movemento, permitíndonos transitar dun estado a outro, afinando a nosa escoita e atención dun corpo presente, no aquí e agora. A presenza e a experiencia física revélanse como fontes de coñecemento e creación onde converternos en todo aquilo que xa non precisa palabras.
Sairemos á procura dun corpo dispoñible, seguro, aberto e preparado para o imprevisible co que, sobre todo, gozar e compartir o pracer que implica poñerse en movemento. O desexo como motor do movemento”.
A docente
Artista multidisciplinar, interesada nas fendas, no imprevisible, na rebelión dos corpos escénicos e na danza como detonante de imaxinarios posibles. Diplomada en danza clásica e formada en danza contemporánea en Madrid, Barcelona, Bruxelas e nos Países Baixos. Estuda Anatomía Aplicada ao Deporte en Euskadi, en Bélxica estuda debuxo, escultura e Historia da arte na Academie de Beaux Arts de Saint JooseNode, en Málaga estudia ilustración na Escuela de Arte de San Telmo.
Cunha longa traxectoria como intérprete en compañías como Daniel Abreu, Voadora, Lipi Hernandez, Pablo Esbert, Igor Calonge, Asier Zabaleta, Pisando Ovos, Teresa Navarrete, Hika Teatro, Carmen Werner, Patricia Ruz, Arrieritos ou o CDG. Colabora en proxectos de colisión artística con Janet Novás, Alberto Cortés, LaMacana, Félix Fernández, Licenciada Sotelo, Matrioska teatro ou Mujer6ojos, proxectos nos que participa na coreografía, na dirección ou na dramaturxia.
Desenvolve as súas propias creacións escénicas desde o ano 2005 cun total de seis solos de danza e cun especial interese nos espazos de intersección entre disciplinas artísticas. No 2012 recibe o Premio INJUVE á creación pola peza Garabato. Actualmente conforma o colectivo VACAburra, xunto a Gena Baamonde, onde estrea o seu último solo de danza O raro é que bailar sexa raro, peza recomendada pola Rede Nacional de Teatros e Auditorios.
Traballa en proxectos de mediación cultural practicando ao outro lado da creación escénica e impulsando propostas en relación ao territorio e os seus artistas na procura de lugares nos que afectar(nos), nutrir(nos) e desbordar(nos). Impulsa La Buena Aventura, espazo de formación e colisións artísticas en Málaga, foi socia fundadora do colectivo RPM e traballou no deseño do programa e mediación do TRCDanza.
Datas e duración:
Do luns 9 ao mércores 11 de setembro en horario de 10h a 14h.
12 horas
Lugar:
Salón Teatro. Rúa Nova, 34. 15705 Santiago de Compostela MAPA
Prazas e selección do alumnado:
Este taller ten 20 pazas activas. A selección farase por sorteo entre as persoas inscritas.
Prezo:
Socixs AAAG e/ou AISGE: 60 euros
Se levas en paro 6 meses o traballaches 10 días ou menos nese tempo, o prezo será de 40 euros Terás que presentar documentación que xustifique a situación para acceder a este desconto, exclusivo para o corpo asociativo da AAAG
Non socixs: 90 euros
Inscrición:
Dende o 29 de xullo, luns, até o 5 de setembro, xoves mediante o formulario que figura na parte superior desta páxina.
Si es membro da AAAG, so tes que iniciar a túa sesión na páxina e premer “inscribirme” no formulario. O taller aparecerá no apartado “inscricións” do teu espazo privado.
Reserva de praza e forma de pago
A admisión será por orde de chegada da solicitude. Na mesma comunicación de admisión indicarase a forma e datas de pago. No caso de houber máis solicitudes que prazas constituirase unha lista de agarda.
De non acadar solicitudes suficientes, a organización poderá suspender a realización do taller.