O corpo poético. Taller de Teatro Danza con Noemí Rodríguez e Amaya Galeote. 24 e 25 de xullo / Ribadavia

En colaboración coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e co apoio da Fundación AISGE convocamos este taller impartido pola directora de escena e dramaturga galega Noemí Rodríguez e a coreógrafa e bailarina madrileña Amaya Galeote,dirixido a profesionais da interpretación, a danza, a dramaturxia e a dirección de escena.

O corpo é para o actor o medio que permite involucrar fisicamente a emoción, a imaxinación, o xogo e a complicidade necesarios tanto para dar forma e crear un espectáculo como para desenvolver a personalidade creadora dos individuos. Entender as posibilidades poéticas do corpo e ser capaz de analizar e dar forma ao movemento en escena son dous elementos fundamentais para a construción e a creación de pezas dramáticas.

Neste taller exploraremos principios esenciais do movemento que se atopan presentes no comportamento humano (emocións, paixóns), as dinámicas da natureza (materiais, elementos) e a arte en xeral (música, pintura, poesía).

Traballaremos principios como: acción-reacción, equilibrio-desequilibrio, tirar e empuxar, niveis de tensión e estruturas dramáticas. A exploración física destes principios seranos útiles para construír, ordenar, sistematizar e experimentar a acción dramática desde o punto de vista do espazo, o ritmo e a imaxe.

Obxectivos

• Redescubrir a relación actriz/actor, dramaturgo/-a, director/-a e reformular os roles no proceso creativo.

• Implementar a autonomía creativa do grupo e os individuos, o seu compromiso, responsabilidade e xenerosidade.

• Desenvolver a capacidade de xogo, imaxinación e intuición artística.

• Xerar disparadores creativos a partir de eixos temáticos e xestionar a información xerada polos mesmos.

• Integrar nocións dos procesos de creación colectiva e do traballo en grupo.

• Estudo da expectativa e tensión dramática como ferramentas fundamentais na construción de historias.

• Coñecer desde o punto de vista do corpo en movemento os principios de construción dramática.

• Practicar a relación entre movemento e imaxinación e a súa aplicación na creación escénica e artística.

•· Estudo do tempo, ritmo e espazo como elementos fundamentais no texto escrito e a posta en escena.

•· Que o alumnado sexa capaz de vincular o seu traballo co seu contexto, a través da observación precisa da contorna.

•· Recoñecemento do corpo voz e da personalidade creadora.

• Desenvolver a capacidade de relacionarse cun público no “aquí e agora”.

• Os diferentes modos de relacionarse co espazo, percibilo, movelo e moverse nel.

Amaya Galeote

Nada en Madrid, titulada en Danza Clásica polo Real conservatorio de Madrid, Licenciada en Hª del Arte pola universidade Complutense de Madrid, estudia danza clásica e contemporánea en escolas como Víctor Ullate, Carmen Roche, Carmen Senra e en Nova York, Viena, San Francisco.

Como coreógrafa crea pezas de moi diferentes estilos como La niña farola (Teatro Español) e In the grass ,para o Ballet de Carmen Roche, Des/envolturas para a Fundación Psico-ballet/ Fritsch company, peza seleccionada para Frinje Madrid 2014 , Destino/ destino co colectivo Casidanza ( nave 73) e pezas curtas como Lego’s(Kursaal, Donostia) e Oídos Sordos para o laboratorio de danza 180 ( Nave 73).

É responsable do movemento escénico e a coreografía de varias producións do Centro Dramático Nacional (CDN): La rosa tatuada dir. por Carme Portaceli, (teatro María Guerrero) Sénecadir. Emilio Hernández (teatro Valle Inclán) Elogio a la pereza dir. Gianina Carbonariu (Teatro Valle Inclán), Man Up dir. Teatro en Vilo. (teatro Valle Inclán), La Distancia dir. Teatro en Vilo. (teatro Valle Inclán), Siglo Mío Bestia Mía dir, Marta Pazos. (teatro Valle Inclán), El bar que se tragó a todos los españolesdir, Alfredo Sanzol. (teatro Valle Inclán).

Destacan os seus traballos para montaxes como: Miss Mara quien se reserva no es artistadir. Teatro en Vilo (teatro circo Price ) a ópera Je suis Narcissiste, dir. Marta Pazos, Coprodución (Teatro Real-Teatro Español) Finalista mellor espectáculo Max 2020 e finalista nos International Opera Awards 2020, Hoy puede ser mi gran noche(teatro Fernán Gómez) dir. Teatro en Vilo. Agua Azucarillos y Aguardientedir. Amelia Ochandiano, (Teatro de la Zarzuela), Sombra y Realidad, dir. Pilar Almansa (teatro Español), Terceiro Acto, dir. Teatro en vilo (C.D.G.).

Ten disfrutado de varias residencias de creación na Compañía Nacional de Danza (C.N.D.) é nos Teatros del Canal.

A súa última montaxe La incapacidad de exprimirterecibiu as axudas á creación do Concello e a comunidade de Madrid.

Noemí Rodríguez

Noemí fórmase na ESAD de Galicia (onde recibe unha matrícula de honra polo seu proxecto final de carreira) e despois realiza un Máster en Artes Escénicas na Universidade de Vigo e un curso de posgrao na London International School of Performing Arts grazas ao Programa de Becas no Extranxeiro da Fundación Barrié de la Maza, un dos programas de Becas de Excelencia máis destacado a nivel estatal e internacional.

Noemí traballou extensivamente en distintos países como Francia, Portugal, España, Inglaterra, Estados Unidos e India. Como actriz e bailarina traballou para institucións de prestixio como o Centro Dramático Nacional, o Centro Dramático Galego, o Núcleo de Experimentação Coreográfica do Porto, a English National Opera, ou Cuarta Pared e reputadas compañías europeas como Blind Summit ou Improbable Theatre, entre outras.

Ademais, creou e dirixiu varias obras de teatro entre elas "Terceiro Acto" producida polo Centro Dramático Galego, "La distancia" e "Man Up", ambas as dúas producidas polo Centro Dramático Nacional, "Interrupted" (comedia xestual), "Escenarios de Chamberí" (teatro comunitario), "Malena, llena eres de gracia" (teatro documental), "Locxs de Amor" (teatro inclusivo), "Miss Mara, quien se reserva no es artista" (teatro - circo) e fai a dirección de movemento en “The Canary Girls” (teatro físico).

Tamén impartiu cursos e conferencias sobre Interpretación, Creación Teatral, Creación Colectiva e Movemento en diferentes universidades como as de Oxford, Bolonia, Puna, Calcuta, Liceo Francés de Istambul o LISPA. Ademais de ensaios, Noemí é autora de oito obras dramáticas amplamente representadas en Europa. Entre os seus premios e recoñecementos como autora destacan as súas candidaturas aos Premios Max na categoría de Mellor Autoría por "Man Up", Mellor Autoría Revelación en 2015 e 2018 por "Interrupted" e "Generación Why" e como actriz foi finalista a Mellor Intérprete Feminina nos Premios Fernando de Rojas 2019 e 2020, ademais dos múltiples premios que recibiron polos seus propios espectáculos como o Premio do Público do Fringe de Praga (por Canary), Premio do Público e do Xurado do Festival Presente Futuro de Palermo (por Generación Why), entre outros. En 2019 recibe xunto a Andrea Jiménez o Premio Ojo Crítico de Teatro.

Datas e duración:

24 de xullo, sábado de 10h a 14: 30h e de 16:30h a 18:30 h e 25 de xullo de 2021, en horario de 10h a 14:30h. 11 horas.

Lugar:

Sesións Sábado: Igrexa de Santa María Magdalena, Praza da Madalena,2. 32400 Ribadavia MAPA

Sesión domingo: Auditorio Manuel María de la Casa da Cultura de Ribadavia. Rúa Redondela s/n 32400, Ribadavia MAPA

Prazas e selección do alumnado:

Este obradoiro ten 20 prazas. A admisión realizarase mediante valoración por parte das docentes do currículo da persoa inscrita que teredes que anexar á vosa solicitude.

Prezo:

Socixs AAAG e /ou AISGE: 90 euros

Se levas en paro 6 meses o traballaches 10 días ou menos nese tempo, tes unha redución do 50% no prezo. Terás que presentar a tarxeta do paro selada ou copia da vida laboral para acceder a este desconto.

Non socixs: 135 euros

Inscrición:

Dende o 5 de xullo, luns, até o 15 de xullo, xoves, ás 15h. a través do formulario que figura na parte superior desta páxina.

Se es socix da AAAG, só tes que iniciar sesión na páxina e premer “inscribirme” no formulario. O taller aparecerá no apartado “inscricións” do teu espazo privado.

Reserva de praza e forma de pago

Comunicarase a lista de admisión o luns 19 de xullo. De haber máis solicitudes que prazas se constituirá unha lista de agarda.

Na mesma comunicación de admisión indicarase a forma e datas de pago. No caso de que algunha das persoas admitidas non efectúe o pago nas datas sinaladas, a súa praza será adxudicada á seguinte persoa na lista.

De no ter solicitudes suficientes, a organización poderá suspender a realización do taller.