Obradoiro trimestral de Interpretación para Actores e Actrices Profesionais. Impartido por Víctor Duplá.

Coa inestimable colaboración da Fundación AISGE, presentamos este obradoiro de 60 horas duración repartidas en 12 sesións de traballo, unha semanal todos os luns, en horario de 15:00h a 20:00h. do 23 de xaneiro ao 10 de abril de 2017:

A actriz creadora / O actor creador. O carácter, a acción e o conflito.

Este obradoiro é exclusivo para socias e socios da AAAG e/ou AISGE.

Contidos:

O carácter do personaxe

Contar un personaxe con veracidade é unha das tarefas máis complexas para un actor ou unha actriz. Unha cousa é entender intelectualmente o personaxe e outra é darlle vida a ese personaxe. Como é a súa estrutura mental, como pensa, como se relaciona coas súas emocións, como se relaciona co seu instinto, como se relaciona co intanxible ou espiritual, como actúa, como se move, cales son as súas virtudes e os seus defectos, as súas luces e sombras. Na medida en que coñeza cal é a miña personalidade expresiva, condicionada pola miña idade, sexo, lugar de procedencia, educación, cultura e experiencia vital, poderei comprender e expresar outro comportamento diferente ao meu. Moitas veces, cando lemos un texto e lemos o personaxe que nos toca interpretar estamos léndonos a nós mesmos dunha maneira inconsciente e iso impídenos estar libres para crear ese personaxe. Ao abordar os ensaios atopámonos con dificultades para expresar o conflito, ou quedamos en "eu faría isto" ou "eu non faría isto outro", porque non nos damos de conta de como a nosa experiencia interfire de forma inconsciente e nos limita á hora de expresar o personaxe na súa xusta dimensión. Outra das tarefas que un actor ou actriz debe facer para ser máis libre e creativo é liberar o xuízo. Se na vida estamos todo o tempo xulgando, como non imos emitir un xuízo de valor sobre o personaxe? O asunto é que se non nos facemos cargo deste xuízo, xa sexa positivo ou negativo, estarei a pór barreiras de maneira inconsciente para encarnar este personaxe. Tamén na medida que poida liberar o xuízo poderei empatizar co meu personaxe. A empatía e compaixón son sentimentos imprescindibles para un artista e na medida que teñamos compaixón cara a nós mesmos terémola cara aos demais, por moi terribles que sexan os seus actos. Polo tanto, coñecer ou explorar a miña personalidade expresiva axudarame a baleirarme de min mesmo para encherme doutro ou outra que non son eu. E así estar ao servizo da historia que o autor quere contar. O actor debe ser un instrumento libre e afinado que canaliza o personaxe para contar a historia. No curso profundaremos no abano de caracteres do ser humano e faremos exercicios prácticos de roles e rexistros.

O conflito

Para que haxa historia, ten que haber algo en perigo, iso que está en perigo é o conflito. En toda boa historia hai dúas forzas que se opoñen. Unha forza que está en movemento, normalmente antes de empezar a historia e outra que aparece para oporse á primeira forza. Esas forzas poden estar representadas por un ou varios personaxes e mesmo por un obxecto ou elemento externo. Como actores temos que saber en cal das dúas forzas está o meu personaxe ao comezo da historia. Hai un factor desencadeante que desequilibra a orde ou a desorde establecida e dende ese momento ambas as forzas loitan por ese obxecto de conflito, iso que ambas as forzas queren ou que unha das forzas non quere que o outro consiga. Ese obxecto de conflito pode ser dende un simple obxecto, até o goberno dun país ou pode ser algo interno como a liberdade, o amor, o perdón ou a sabedoría. Todas e todos sabemos cando un actor ou actriz fai un bo traballo. E é cando vive o conflito e se converte en canle da historia sen interferir. É dicir, xógase algo, arríscase, lánzase ao baleiro da experiencia. Para poder xogar esa experiencia diferente á miña experiencia necesito saber, comprender e imaxinar os antecedentes, a relación entre os personaxes, a acción dramática e a necesidade do personaxe. No curso profundaremos na vivencia e a expresión do conflito e poremos de relevo as dificultades de cada unha e cada un á hora de abordar determinados conflitos para facer desta dificultade o noso aliado.

Ferramentas para o traballo do actor

· Traballos de relaxación e concentración, corpo, vulnerabilidade. Exercicios concretos para estar aberto, vulnerable e dispoñible para comezar a actuar e ensaiar.

· A improvisación como ferramenta para chegar á situación e ao texto.

· Improvisacións de relación: Para afondar nos conflitos entre persoas con diferentes relacións e en diferentes situacións. Crear unha relación veraz e xenuína é unha das tarefas máis difíciles e que máis se descoida nos traballos que vemos nos diferentes medios. Xa que moitas veces caemos nos tópicos. Ao improvisar a relación co outro estamos a crear un comportamento máis xenuíno e interesante.

· Improvisacións sobre escenas: Achegamento a textos concretos xa escritos e achegamento ás circunstancias, á acción dramática no desexo e á necesidade do personaxe.

· Traballo práctico sobre escenas. Traballarase con escenas de cine e/ou teatro de distintos autores.

Obxectivos:

· Aprender técnicas novas e adestrar o xa coñecido para ampliar as posibilidades de xogo á hora de preparar cada proxecto.

· Adestrar a improvisación como ferramenta para chegar á expresión do texto e reforzar a historia que queremos contar.

· Desenvolver, liberar e ampliar a imaxinación

· Gañar confianza. Confiar nun mesmo, confiar no compañeiro, confiar no director, confiar na historia, confiar no ensaio erro e no traballo meticuloso. Confiar no proceso creativo.

· Deixar de actuar para que apareza a esencia.

· Coñecer e comprender as propias virtudes e limitacións para que estas interfiran o menos posible no proceso creativo. É dicir, coñecer a personalidade expresiva de cada un para poñela ao servizo do personaxe e da historia.

O docente

Actor, profesor e director de teatro de orixe cántabra, formado na Escola de Arte Dramática de Santander e na Escuela Internacional del Actor Juan Carlos Corazza onde termina a formación de catro anos (1999/2004).

Durante eses anos de formación realiza varios traballos profesionais en teatro; La Cocina (2003) dirixida por Sergio Peris- Mencheta , Despertar de Primavera (2004) dirixida por Juan Carlos Corazza, El Gordo y el Flaco (2008) de Juan Mayorga e máis recentemente Tempestad tamén de Sergio Peris-Mencheta e MBIG de Jose Martret. Tamén traballou en cinema; La noche del hermano (2004), El club de los suicidas(2006), Outro Mais (2010) e en televisión; El Síndrome de Ulises (2007), Hospital Central (2006), El Círculo Rojo (2008) e Crematorio (2010), Amar es para siempre (2013), Hospital Real (2015) e Carlos V: Rey Emperador (2015).

Ao terminar a formación compaxina o seu traballo como actor, profesor de interpretación e director en diversos proxectos; a Escola de Arte Dramática de Las Rozas, onde estivo sete anos impartindo clases; a dirección de varias obras de teatro como Sonata a Strindberg (2007) de Emilio Williams e Si yo fuera Ángel Gonzalez (2010) de creación propia. A coordinación e dirección da area de teatro do Festival Artes No Camiño (2008) e a dirección da agrupación teatral La Luciérnaga da ONCE de Madrid onde dirixe varias montaxes de teatro. Desde o 2014 vén colaborando coa Asociación de directores e realizadores de Galicia (CREA) impartindo varios talleres intensivos de dirección de actores.

Actualmente segue formándose en diversos cursos e talleres de investigación teatral e en Psicoloxía Integradora no Programa SAT de Claudio Naranjo.

Prezo:

150 euros para socixs da AAAG e/ou AISGE, coa posibilidade de facer o pago fraccionado. Se levas no paro 6 meses ou traballaches 10 días ou menos nese tempo, tés unha redución do 50% no prezo. Terás que presentar a tarxeta do paro selada ou copia da túa vida laboral para accederes a este desconto.

Prazas e selección de candidatos:

Este obradoiro ten 16 prazas. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición e, segundo se vaian cubrindo, comunicarémonos coa persoa inscrita para acordar o pagamento.

Inscrición:

Do 26/12/2016, ás 16:00h ao 12/01/2016 ás 14:00h, a través do formulario que figura na parte superior desta páxina. Se és socix da AAAG e tes iniciada a túa sesión só tes que premer “inscribirme nesta actividade” e aparecerá no apartado “inscricións” do teu espazo persoal.

No caso de non acadar solicitudes suficientes a organización poderá suspender a realización do obradoiro, reintegrando os pagos feitos de ser o caso.