Volver

O escritor Cesáreo Sánchez Iglesias lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro nos XVII Premios María Casares

Etiquetas:

Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), será o encargado de ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro durante a cerimonia dos XVII Premios María Casares. Deste xeito, o escritor subirá o próximo 27 de marzo ao escenario do Teatro Rosalía Castro para ler un texto propio no que destacará a relevancia das artes escénicas no desenvolvemento social e cultural do país.

A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia escolle este ano ó presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega como “compañeiro de viaxe” nun momento en que a “lingua galega xoga un papel fundamental”. Ademais a xunta directiva subliña a importancia da “colaboración entre entidades vencelladas á cultura nun momento complicado para todos os ámbitos do sector” e agradécelle a Cesáreo Sánchez que acepte o convite para encargarse do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. Deste xeito, o presidente da AELG únese á lista de ilustres persoeiros que, nos últimos anos, redactaron o Manifesto do Teatro na gran festa da escena galega. O ano pasado o encargado fora o ex presidente da Real Academia Galega, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín e, na edición de 2011, o historiador Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, leu o documento ante os centos de profesionais do gremio que, cada ano, acoden á cerimonia de entrega. “O teatro é testemuña e actor-activista da realidade cultural e social da Galiza. É unha arte enchoupada da alma colectiva”, explica Cesáreo Sánchez, quen sinala que no seu manifesto reivindicará o papel da escena no desenvolvemento do país. “O sector sempre participou na identidade de Galicia. Na biografía do teatro está a biografía cultural e social galega”, sinala Cesáreo Sánchez, quen lembra que “toda agresión ao teatro” supón unha “agresión contra a cultura”. Ademais, o escritor incluirá no manifestos referencias ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, quen será homenaxeado no Día das Letras Galegas. “Este 17 de maio será a celebración do teatro galego”, adianta. Con estas premisas, Cesáreo Sánchez furará na consolidación identitaria do teatro no seu manifesto, que se poderá escoitar na cerimonia duns María Casares nos que colaboran diversas entidades e institucións, demostrando a relevancia pública e social do sector. Este ano, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, GADISA, a Fundación AISGE ou a Fundación Autor (SGAE) implícanse nos Premios María Casares co seu apoio. PERFIL CESÁREO SÁNCHEZ Cesáreo Sánchez Iglesias naceu en Dadín, Irixo, en 1951. É autor dunha ampla obra, principiada en 1978 con Silencios e conversas de inverno. Estudou Arquitectura Técnica e Socioloxía e Ciencias Políticas en Madrid. Formou parte do grupo de fundadores da Agrupación Cultural Lóstrego, colectivo de dinamización social e cultural que chegou a presidir. Non foi o único paso que o escritor deu no incipiente tecido asociativo do país, xa que durante a transición tamén colaborou na formación da Agrupación Cultural Avantar do Carballiño. Foi director de Edicións A Nosa Terra e presidente do histórico semanario do mesmo nome. Traballa na Oficina Técnica de Arquitectura da Xunta de Galicia. A poesía de Cesáreo Sánchez caracterízase pola súa austeridade formal, pola súa relación coa natureza e a súa exploración da memoria mítica dun pobo. Outros trazos esenciais para entender as súas creacións proceden dunha elaboración en chave simbolista e evocativa, manifestada habitualmente nos versos breves. A crítica literaria considérao un dos nomes máis relevantes da xeración de poetas da década dos oitenta, momento frutífero e moi celebrado nas letras do país. A súa ampla obra, cultivada ao longo de máis de trinta anos e cun bo feixe de poemarios, presenta tres grandes eixes creativos que se poderían englobar en: as orixes ou o esquecemento (Antonte das salamántigas, Ortigas da memoria e A árvore das sete palabras); a auga (O cántico da fonte, Mar da fin da terra, Do olvido o río) e a luz. Precisamente, sobre este terceiro referente poético, Cesáreo Sánchez realizou unha obra central da súa poesía amorosa: Evadne: A escrita da Luz e en 2006 saíu publicada unha antoloxía en versión bilingüe galego-castelán baixo o título Escrita Luz. Nese libro reuníranse os versos do autor na editorial Eneida e a tradución corría a cargo do escritor Xoán Abeleira. Finalista no Premio de Poesía Leliadoura en 1989 por A árvore das sete palavras, A súa escrita poética foi varias veces premiada e cómpre salientar a concesión do Premio Esquío no 2000 pola súa obra O rumor distante. Na actualidade, Cesáreo Sánchez é o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), entidade que reúne a máis de 415 autores da literatura galega en todas as súas manifestacións: poesía, narrativa, teatro, ensaio, traducións ou escrita científica. O poeta ocupa dende 2007 a presidencia dunha institución fundada en 1980. A AELG vén dende aquela traballando a prol da dignificación do oficio de escritor/a, así como da promocións dos/as autores/as e das súas obras, do fomento da interconexión e intercambio entre eles, da interrelación con outras profesións, promocionando foros para o debate de ideas cunha perspectiva monográfica, mais tamén transversal. A asociación encabezada por Sánchez Iglesias vela polas inquedanzas e intereses dos autores e autoras en lingua galega, poñéndoos en conexión coa sociedade e reclamando a atención, tanto dos medios de comunicación como das institucións, sobre a produción literaria galega.