Volver

Resolución da Xunta directiva da AAAG

Etiquetas:

O 28 de decembro do 2009 (día dos Santos Inocentes), o Conselleiro de Cultura e o Director da AGADIC mantiveron unha reunión coas organizacións profesionais das Artes Escénicas, entre elas a AAAG, na que asumiron, entre outros, o compromiso de recuar na anunciada rebaixa do orzamento para o 2010. Conselleiro e Director asumiron en privado e en público incrementar en 200.000 euros o presuposto.

Este compromiso reflectiuse na convocatoria de axudas para este ano.

O 30 de abril último, coincidindo coa data de remate de presentación de proxectos, lemos con estupor no DOG unha “corrección de erros” da devandita convocatoria, que é nin mais nin menos que unha rebaixa de 190.000 euros

A mesma manobra é aplicada para rebaixar as axudas para o audiovisual convocadas pola AGADIC en 80.000 euros, nas partidas de curtas e desenvolvemento.

Consideramos que se trata dunha vulneración das normas que rexen na Administración e que converten o recurso neste caso de “corrección de erros” en ilegal.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia denuncia esta manobra absolutamente indefendible e esixe anular inmediatamente esa “corrección de erros”. Non facelo así sería unha mostra de desprezo, ou de incapacidade, para cumprir o pactado.

De non darse unha urxente resposta, que non é mais que o respecto ó compromiso adquirido, a AAAG estudará as iniciativas a emprender para que tanto o Conselleiro, como o Director da AGADIC, deixen os seus postos.

Xunta Directiva da AAAG 8 de maio de 2010