Volver

A Sala Nasa, Premio de Honra Marisa Soto 2012

A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia decidiu conceder o galardón á Sala Nasa por: “Ser unha sala alternativa independente de referencia en Galicia e no estado español; converterse nunha Sala de exhibición imprescindible na vida teatral e cultural de Santiago de Compostela; provocar unha xeración de profesionais da escena que se criaron e medraron a carón da Sala, converténdoa nunha auténtica `escola de rúa’; e por ser un proxecto diferenciado e innovador, sempre á procura dunha linguaxe propia e dunha particular maneira de achegar as artes escénicas á cidadanía”.

Vinculada dende os seus inicios ao Grupo Chévere, a Nasa tivo as súas portas abertas no barrio compostelán de San Lourenzo dende 1992 ata o verán do 2011. Xesús Ron, “voceiro da comandancia da Nasa”, apunta que este galardón “é un epitafio inesperado que nós non soubemos escribir. Valorámolo moito por chegar dunha asociación profesional e do teatro. A Nasa tivo o seu momento e é unha aventura cun final, e este premio non o podemos tomar como algo persoal senón que é algo a compartir con toda a xente que traballou e se arriscou en distintas tarefas e momentos nela e, especialmente, coa súa tripulación, eses espectadores cuxa implicación e existencia explica que foi a Nasa”. Apunta Ron que “o bo da Nasa foi o seu papel coma esforzo colectivo aínda que podemos destacar a 2 persoas que a marcaron nos seus inicios: Pepe Sendón e Fran Pérez, malia que logo se desvinculara”. Por último “a nivel moito máis persoal, e pasados uns meses, serve para botarlle un terrón de azucre que compensa ese regusto a café amargo que foi o seu final”. O Premio de Honra Marisa Soto naceu no 1997 como galardón que distinguise a especial traxectoria de persoeiros ou entidades no marco dos Premios de Teatro María Casares. A cerimonia de entrega dos XVI Premios María Casares será o vindeiro 3 de abril, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e será retransmitida pola TVG. Os XVI Premios María Casares contan coa colaboración, entre outros, da AGADIC, Concello da Coruña, Fundacion AISGE, Concello de Ames e TVG.