Volver

MANIFESTO GALEGO DO DÍA MUNDIAL DO TEATRO 2011

Etiquetas:

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) escolleu o historiador e académico Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, para ler o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro

Por Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega

Dicían os autores clásicos e lémbranos, de cando en vez, algún filósofo actual, como Emilio Lledó, que a singularidade da especie humana fúndase na memoria e na palabra. Na memoria, que é quen de recordar alén do instinto; e na palabra, que é quen de comunicar eses recordos. Sen lle querer levar a contraria aos clásicos, habería que engadir que unha das formas más prístinas e elaboradas da condición intelectual da humanidade é xustamente o teatro, porque se funda no diálogo, que é palabra partillada; e porque combina a presenza do real e aparente con aquela parte da realidade que non vemos: o que entre nós chamamos “trasmundo”. Que a palabra persoa derive da inevitable “máscara” que ten a función teatral é toda unha confesión dese valor central que o teatro acadou nas altas culturas desde os tempos máis recuados. E nesas estamos, diría eu que por fortuna...

Agradezo, pois, esta ocasión que me dades para estar con todos vós neste Día Mundial do Teatro. Non é porque sexa un día de celebración, que non pasa de ser un exorcismo contra o esquecemento que tamén é consubstancial da especie humana. É porque se trata do teatro, desa outra forma de entender a vida ou, dito sen ánimo transcendente, de explicar o misterio e o enigma da existencia da especie humana. Porque o teatro é unha forma superior de expresión social e de creación patrimonial dunha comunidade humana e, por tanto, é unha das formas de tecer o discurso explicativo da nosa existencia.

Sei que sería comenente enfiar algunhas reflexións deste estilo, pero non me sinto de todo capaz para esa tarefa. De modo que, en termos máis modestos, vou orientar este manifesto cunhas referencias precisas ás dúas coordenadas que marcan o meu traballo profesional de historiador, que son o tempo en que vivimos e o lugar onde estamos, cunhas reflexións finais sobre o presente e o porvir do teatro.

É unha feliz casualidade que nos atopemos hoxe na cidade d’A Coruña. Porque na súa condición de ser a primeira cidade galega con cultura propiamente urbana, de “polis”, apreciou e gozou do teatro desde hai séculos. Teatro vido de fóra, traído por compañías de sotaque italiano, e teatro escrito e representado por autores nosos. Pois aquí, hai case cento trinta anos, tivo lugar a primeira representación en Galicia da peza teatral en galego, A fonte do xuramento, escrita por Francisco María de la Iglesia, unha obra pioneira na tradición teatral construída en lingua galega.

Nesta cidade naceu e viviu os seus primeiros anos, nunha infancia feliz de ceos azuis que se viraron de chumbo na súa primeira mocidade, a máis universal das nosas actrices, que foi María Casares, nome que con xustiza levan os premios que hoxe se entregan. Malia ter triunfado na Comédie Française durante moitos anos e ter a sorte de partillar a súa vida con figuras como Jean Vilar, Albert Camus ou mesmo Jean-Paul Sartre, nunca deixou de ter saudades da súa infancia coruñesa, das súas xentes e do trasmundo habitado por meigas e bruxas. Dito coas súas propias palabras escritas para o libro de memorias Résidente privilégiée, sempre tivo presente a Galicia natal como unha “viúva que docemente canta coa chuvia a saudade do Alén”.

E nesta cidade traballaron e moraron algúns dos máis resoltos defensores do teatro galego, como foron os membros das Irmandades da Fala e, nomeadamente, Antón Villar Ponte, o autor con Ramón Cabanillas da “lenda tráxico-histórica” que foi O Mariscal, aínda hai ben poucos anos estreada por primeira vez nesta cidade.

Antón Villar Ponte, utópico en tantas cousas da cultura e da política galegas do século xx, sempre viu no teatro unha peza esencial para a formación dunha conciencia nacional, un instrumento de expresión literaria de obras, “coas que podemos chegar –e cito literalmente– ao proselitismo máis extensivo e eficaz, cun teatro galego no que a nosa lingua vernácula se terá afianzado para sempre”. O Mariscal foi o exemplo.

Nesa tarefa, nin Cabanillas nin Villar Ponte estiveron sós. Abondará evocar, en rápida referencia, a devoción polo teatro que tiveron os membros da xeración Nós, nomeadamente Otero Pedrayo e Alfonso Castelao, e algúns dos seus epígonos, como os homes do Seminario de Estudos Galegos, entre os que poderiamos escoller os nomes dalgúns os mais novos, como Álvaro Cunqueiro e Luís Seoane, que na Galicia territorial e na de alén mar escribiron –non sempre co beneficio da súa estrea– obras pensadas no ronsel de Villar Ponte, isto é, concibidas para “golpear ideas”.

Felizmente, o teatro formou parte central do proceso de construción da cultura galega e, tamén, da súa recuperación nos tempos da ditadura. A representación da emblemática obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse, un 25 de xullo de 1961 –vai facer axiña o seu cincuentenario–, nunha ateigada praza da Quintana, por parte dun panel de actores voluntarios dirixidos por Rodolfo López Veiga, forma parte desa recuperación. Como o forma o activismo que diversas asociacións culturais dos anos sesenta (O Galo, O Facho) desenvolveron a favor dun teatro en galego que, logo, había de callar a partir de 1973 na mítica Mostra do Teatro de Ribadavia.

Nestas breves alancadas históricas chegamos aos tempos presentes. E xa que estamos no día do teatro, cómpre botar unha ollada á situación actual e, se posible, enfiar algunhas reflexións cara ao futuro, colocando o teatro no contexto da cultura galega de hoxe en día.

O teatro, ao igual que o conxunto das actividades e industrias culturais, é unha fonte de riqueza material e de valor inmaterial. Trátase dun quiñón importante da actividade cultural que cada día se celebra en Galicia. Abonde pensar nos centos de compañías teatrais que actúan no noso país (267 no ano 2009), alén do papel central que desempeña o Centro Dramático Galego e, como entidade formadora, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

Non se trata esta noite de abusar das cifras, pero si pagará a pena lembrar que cando falamos do teatro galego referímonos a varios milleiros de mulleres e homes que nel laboran cada día tanto nos escenarios como entre bambolinas. Falo de persoas, que non máscaras, que completaron preto de tres mil representacións en 2009, de acordo coas estatísticas culturais procesadas polo Observatorio da Cultura Galega. Por esa pescuda sabemos que nese ano contamos con 187 espectadores por representación, 62 festivais e 89 espazos escénicos estables. Preto de 3000 representacións ás que acudiron uns 550 000 espectadores que deixaron unha recadación media de seis euros por persoa.

Non quero reducilo todo á súa dimensión económica e cuantitativa, pero si creo preciso considerar esa variable como un factor básico para “dimensionar” –como agora se di– o papel central que están a adquirir tanto a industria cultural como as redes comunitarias e locais de creación de cultura, dunha forma viva, aberta e innovadora.

Penso que estes datos permiten soster que a actividade teatral non é un traballo superfluo, fundado no “amadorismo” e no voluntariado, nin tampouco un pasatempo que non mereza a atención dos poderes públicos e das organizacións da sociedade civil. O teatro é un sector que contribúe á creación de riqueza e, desde logo, de benestar material e inmaterial na Galicia actual. Certamente, ben se pode dicir que algunhas das utopías coas que soñaron Lugrís Freire, Villar Ponte ou Luís Seoane non caeron en terra erma.

Con todo, a situación actual das artes escénicas –e do conxunto do sistema cultural– non está exenta de problemas e mesmo de adversidades. Sei que o sector está a padecer unha crise moi forte, como acontece en moitos ámbitos da nosa vida colectiva. Tense denunciado a precariedade en que se traballa e as dificultades obxectivas para lograr unha auténtica profesionalización do sector. un manifesto non abonda, desde logo, para corrixir esta situación, pero non lembralo nun día coma hoxe sería táctica de avestruz.

Alén diso, direi algo máis. Desta situación cómpre saír con novas ideas e novas propostas. Non chega con lamentarse, senón que cómpre pensar como afrontar o futuro. E neste sentido, o sector da cultura ten aínda moitas bazas que xogar e algúns retos que superar. O máis importante é tomar conciencia de que a cultura pode e debe contribuír a saír da crise ea que nos atopamos. Porque unha das nosas vantaxes ou fortalezas como pobo é xustamente posuír unha cultura propia, cunha lingua de seu e unha historia milenaria que nos facilita estar no mundo con personalidade propia.

“Ser diferentes é ser existentes” dixo en varias ocasións Vicente Risco e nunca máis acaída que agora se pode entender esta mensaxe do escritor ourensán. Porque un sistema cultural con personalidade é a mellor ferramenta para expresar valores e sentimentos propios, nunha lingua e nun código expresivo que sexa capaz de recoller todos os matices dunha colectividade como a galega.

Esta condición da cultura galega, no canto de ser vista como un problema no nome dun cosmopolitismo pitoño e estéril, debe ser entendida como unha das nosas grandes fontes de riqueza, como unha oportunidade para poñer en valor o mellor que nos legaron os nosos devanceiros: unha nación-cultura que constitúe a mellor tarxeta de visita para nos presentar no mundo.

A cultura non é soamente unha cuestión identitaria. É un sector que de forma transversal inflúe en toda a sociedade galega e que actúa como unha pasarela excelente para fixar unha imaxe externa de Galicia, esa “marca-país” pola que tanto devecen os peritos en márketing e plans estratéxicos.

Esta dimensión universal da cultura galega non enfraquece senón que nos fortalece, cara a dentro e cara a fóra. Por iso estou convencido de que o futuro do teatro non é un asunto privativo. Pasa por unha reconsideración do papel da cultura como un sector estratéxico da nosa economía, como unha fonte de creación de riqueza e de benestar, pola aceptación da cultura teatral como un elemento esencial para o deseño das nosas cidades e vilas, onde a carón de polideportivos e de superficies comerciais, de auditorios e de cinemas, se consideren os teatros como espazos de creación e difusión cultural.

O sociólogo norteamericano Richard Florida ten argumentado, sen que en Europa lle prestásemos moita atención, que o futuro será gañado polas sociedades e, concretamente, polas cidades máis “creativas”, aquelas que son capaces de acolleren xentes talentosas e innovadoras. Esta é a “arma secreta” da súa competitividade nunha sociedade global. Pois ben, a oferta cultural dunha cidade é decisiva para lograr ese carimbo e, nesa oferta, eu aposto por colocar a cultura e, dentro dela, todo o conxunto das artes escénicas.

Remato retornando ás primeiras palabras, para proclamar de novo a miña confianza no presente e no futuro da cultura, entendida como unha estratexia útil para o benestar da sociedade galega e como ferramenta que nos permite estar no mundo cun perfil de seu.

Amigas e amigos do teatro, grazas por me convidardes a partillar convosco esta máxica noite de festa, de premios e de aposta polo futuro. O teatro é tanto como a vida, luminosa e escura, feliz e adversa, pero sempre engaiolante.

Nos tempos que vivimos, de incertezas existenciais e de desconfianza nos modelos de sociedade que estamos a construír, o teatro pode contar o que doutro modo non sería posible. Pode contar as caras ocultas da realidade aparente e traguer a primeiro plano o trasmundo que poucas veces sentimos e menos veces ollamos. Fago votos para que así sexa hoxe e sempre...

Parabéns a todas as persoas que hoxe recibirán os premios que se entregan nesta festa, porque se algo gratifica o traballo da cultura é o recoñecemento por parte do público e dos pares da profesión.

Que suba o pano neste país noso “para regalía do pobo galego”, como dixera Castelao. E que comece unha nova representación...