Volver

Paula Carballeira e Chiqui Pereira dirixirán a gala duns Premios María Casares que xirarán entre o festexo do seu 25º aniversario e a resistencia fronte a pandemia

A gala celebrarase no Teatro Rosalía Castro da Coruña o vindeiro 9 de setembro e contará cun elenco conformado por Casilda Alfaro, Nuria Sanz, Suso Cortegoso, Alba Bermúdez e Nelu Vermouth, coas colaboracións especiais de Carlos Santiago e Clara Gayo e a música de Nacho Sanz. Suso Montero encargarase da escenografía

A gala dos XXV Premios de Teatro María Casares celebrarase o vindeiro 9 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña e estará dirixida por Paula Carballeira e Chiqui Pereira. Neste 2021, outro ano marcado pola evolución da pandemia, os Premios María Casares acadan a súa 25ª edición, circunstancias que terán un importante protagonismo no espectáculo ideado para a cerimonia de entrega dos galardóns do noso teatro, organizados dende 1997 pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) co patrocinio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia a través da Agadic, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación ASIGE, a Fundación SGAE e Gadisa. Deste xeito, a gala xirará ao redor da conmemoración das vodas de prata dos galardóns e da resistencia presencial fronte a pandemia que golpeou especialmente tanto o sector das artes escénicas coma a conxunto dos/as seus/súas profesionais.

Paula Carballeira, quen tamén se encarga da dramaturxia, e Chiqui Pereira contarán cun elenco interxeracional formado por Casilda Alfaro, Nuria Sanz, Alfredo Rodríguez, Suso Cortegoso, Alba Bermúdez e Nelu Vermouth. Ademais, haberá diferentes colaboracións especiais, como as que protagonicen os dramaturgos Carlos Santiago e Clara Gayo, e a música de Nacho Sanz. A escenografía correrá a cargo de Suso Montero.

Paula Carballeira e Chiqui Pereira

Escritora, actriz e contacontos, Paula Carballeira é unha polifacética voz dentro da nosa escena. Cultiva a literatura infantoxuvenil, a poesía e, por suposto, o teatro. Entre os galardóns que recibiu ao longo da súa carreira, destacan o Premio Manuel María de Literatura Dramática infantil nos anos 2006 (por Boas Noites), 2011 (por O refugallo) e 2018 (Somos os monstros) ou o Premio Frei Martín Sarmiento no 2016 por A Burra Ramona. Como autora teatral, asinou –ademais dos xa amentados- textos como Pressing Catch ou Doppelgänger. Dirixiu pezas na súa compañía Berrobambán, fundada no ano 2000 xunto a Chiqui Pereira, pero tamén noutras formacións como Talía (Pequena ou Rosa Caramelo) ou para o CDG (A cabana de Babaigá).

Actor e director, Chiqui Pereira é graduado en Dirección de escena pola ESAD-Galicia e especialista en Arte Dramática pola Universidade de Santiago, onde tivo como profesores a Jacques Nichet ou a Thomas Leabhart. No ano 2016 dirixe o seu primeiro proxecto internacional Tráfico, unha coprodución das compañías portuguesas Baal17 e Al Teatro ao que despois se sumarían Doppelgänger en Colombia ou EGO de novo en Portugal. No sector audiovisual dirixiu seis curtametraxes paródicas sobre a política galega e foi director de dobraxe para o proxecto de animación en 3D Os sextos sentidos da Fundación Menela. Traballou como director artístico para a programación Circo-lar da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Trece espectáculos finalistas

Un total de 13 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos catorce galardóns que se entregarán durante a gala dos XXV Premios de Teatro María Casares. A obra A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, conta cun total de oito finalistas, polo que opta a outros tantos premios. Pola súa banda, Dreaming Juliet,de Elefante Elegante; a obra 32m2, de ButacaZero, e Bailar Agora, de Marta Alonso Tejada, compiten tamén por cinco galardóns. Micropectivas dun marica millennial, de Incendiaria, está como finalista en catro categorías, ao igual que Os nenos da varíola, de Pérez&Fernández, e O Premio, de La Quintana Teatro. O mozo da última fila, de Redrum Teatro, aspira a tres galardóns.

Por último, cinco obras optan a un premio: Poeta en Nova York, de Teatro Baixo da Area; A conquista da escola de Madhubai, de Teatro do Atlántico; O libro da selva, de Teatro Avento Producións; Lázaro de Tormes, de Pedras de Cartón, e Ris Ras, de Baobab Teatro.

Durante a gala dos Premios de Teatro María Casares, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas recibirá o Premio de Honra Marisa Soto. O cartel desta edición deseñouno Andrea López e o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro redactouno neste 2021 o actor Evaristo Calvo.