Volver

A MIT Ribadavia celebrará a súa 37ª edición entre o 16 e 25 de xullo cunha vintena de compañías e baixo o lema 'A arte marca a diferenza'

A AAAG e a Mostra de Ribadavia coorganizan un curso de formación impartido por Amaya Galeote e Noemí Rodríguez.

Voadora, o Centro Dramático Galego, Sarabela Teatro, Redrum, Aporía ou Pista Catro forman parte dun cartel que recupera a presenza internacional coa estrea da compañía belga de Jan Lauwers ou coa presentación do coreógrafo grego Christos Papadopoulos

A Mostra Internacional de Ribadavia celebrara, baixo o lema ‘A arte marca a diferenza’, a súa 37ª edición entre o 16 e o 25 de xullo cunha vintena de compañías e recuperando o contacto co teatro internacional grazas á estrea da prestixiosa compañía belga de Jan Lauwers, que protagonizará a xornada inaugural co espectáculo Billy’s Violence, ou a presentación do coreógrafo grego Christos Papadopoulos. As fake news, a desmitificación do amor romántico, o feminicidio, a dramaturxia contemporánea e as versións a partir da obra de Shakespeare serán os núcleos temáticos e conceptuais que estruturan esta 37ª edición, que ademais ofrecerá un curso de formación coorganizado pola Mostra de Ribadavia e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia impartido por Amaya Galeote e Noemi Rodríguez, que traballarán arredor do movemento escénico, a dramaturxia visual e a coreografía para corpos e formacións diversas.

Na carteleira desta 37ª edición figuran estreas de compañías galegas como é o caso de Redrum Teatro, que presentará a súa obra '#2Pilgrims, dirixida por Alex Sampayo, escrita por Fernando Epelde e protagonizada por Guillermo Carbajo e Sheyla Fariña. Pola súa banda, Voadora representará o seu Otelho en coprodución coa propia MIT Ribadavia, Teatro de La Abadía e Teatro Nacional São João; Sarabela Teatro chegará coa súa obra A Lingua das Bolboretas; Aporía en coprodución coa MIT presentará Soga e cinsa, e o Centro Dramático Galego levará unha función de Terceiro Acto. Ademais, da escena galega, tamén haberá obras de Larraitz, Javier Martín, Traspediante ou Pistacatro.

Na carteleira desta 37ª edición figuran, así mesmo, coñecidas formacións da escena estatal, como Zum Zum Teatre (Comunidade Valenciana), Teatro del Barrio (Madrid), Compañía Señor Serrano e Cía. Manolo Alcántara (Cataluña), Atalaya (Andalucía) ou o Centro Dramático Nacional, que terá en Ribadavia Querido Capricho.

Este ano a MIT desenvolverase en numerosos lugares de Ribadavia, a meirande parte deles ao aire libre, coa incorporación de espazos singulares, como A Franqueirán e as súas vistas ao val do Avia. A Casa da Cultura, o Castelo, a igrexa da Madalena e a Alameda completan o conxunto de emprazamentos nos que se exhibiran espectáculos de moi diferentes xéneros e para todo tipo de públicos

A reserva de abonos para todos os espectáculos do Castelo rematará o día 30 de xuño e a partir do 1 de xullo poderanse mercar as entradas de todos os espectáculo na wen www.ataquilla.com ou na propia oficina do festival, na entrada da Praza Maior de Ribadavia. O prezo varía entre os 5 e os 10 euros.

A programación completa pódese consultar na páxina web da propia Mostra: https://mitribadavia.gal/