Volver

Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro 2021

Por Evaristo Calvo

Hoxe vimos de rematar outra volta ao redor do Sol e, outra vez, celebramos o Día Mundial do Teatro. E outra vez, neste lugar do mundo, alguén escribe un Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro. O que escribe, nesta ocasión, é un actor que prefire chamarse intérprete. Así, sen máis explicacións. E este intérprete, dun tempo a esta parte, sofre pesadelos ao soñar cunha sala case baleira, con contadísimos espectadores cos ollos abertos pero sen boca e sen a musculatura facial que a circunda. Rostros illados, distantes e inexpresivos. Ao saír a escena, o intérprete comeza a falar e moverse polo escenario e ao reparar na platea paralízase e enmudece, o tempo pásalle lento, pesado, espeso e esquece que é o que fai nese lugar, e fáltalle aire e sóbralle cobertor e acorda angustiado e vai tomar café para non volver ao soño desacougante. Celebramos o Día Mundial do Teatro nun contexto presuntamente provisorio, no que está restrinxida a razón da existencia do teatro, que é a congregación, o encontro en lugar e tempo das persoas que toman parte no fenómeno artístico da función teatral.

E aínda que este restrinximento non viñese dar na precariedade das intérpretes do teatro, aínda que non significase o empobrecemento material das protagonistas da función teatral, así e todo podería dicirse que supón un golpe mortal infrinxido na parte máis sensible desta arte. Mortal pola dor que provoca na xente da escena e mortal polas ocasións perdidas de comuñón da obra coas espectadoras. O que perdemos, as intérpretes do teatro é o sentido da nosa esencia como tales. Esta peste imprevista vén a sumarse a outras pestes que parecen formar parte indisociable do noso oficio; o desemprego e a baixa consideración social dos/das artistas.

O Teatro é unha arte inmortal, mais esta arte inmortal ten a súa cara viva no agora, no tempo dos vivos que non somos inmortais. Esta xente de agora, está a soster ferida a arte que a humanidade se deu a si mesma para se recoñecer. As intérpretes somos un órgano vital no corpo desta arte inmortal. O teatro non vai morrer, pero hoxe sofre cando este órgano adoece de fame e medo.

As intérpretes do teatro vense impotentes para dar unha vida de calidade a esta arte inmortal no medio desta peste. Choramos na casa e cando nos deixan pisar o escenario, impostamos o que cómpre impostar coa determinación de sempre pero inmersas no pesadelo das butacas deshabitadas e as espectadoras sen rostros. Todo ollos que parecen ollar desde outro mundo.

Hoxe celebramos o Día Mundial do Teatro tras dun ano que quixeramos esquecer pero que nunca se borrará das nosas memorias. Agora comezamos unha volta máis deste planeta doente ao redor do Sol, e cando remate esta volta volveremos celebrar que o teatro existe, e con el existimos nós. Será, posiblemente outro ano cunha realidade semellante a un mal soño, pero cando acordemos, o Teatro seguirá aí.