Volver

Mestre Mateo 2021: ' Ons' e 'A illa das mentiras' acaparan o maior número de finalistas

>> Melania Cruz, Isabel Naveira, Nerea Barros e Inma Cuesta son as finalistas á mellor interpretación feminina protagonista.

>>Monti Castiñeiras, Antonio Durán 'Morris', Tito Asorey e Darío Grandinetti son finalistas no apartado de interpretación masculina protagonista

>> Josito Porto, Milo Taboda, Tamar Novas e Xúlio Abonjo compiten na categoría de actor de reparto, mentres que as finalistas no apartado de interpretación feminina de reparto son Marta Lado, Isabel Garrido, Lidia Veiga e Victoria Teijeiro

A Academia do Audiovisual deu a coñecer hoxe no Teatro Colón da Coruña a relación de finalistas aos Premios Mestre Mateo que, neste 2021, chegan á súa 19ª edición. Ons, a longametraxe de Alfonso Zarauza, acapara trece candidaturas finalistas, mentres que a fita A illa das mentiras, dirixida por Paula Cons, doce. As dúas películas competirán aos premios á mellor longametraxe, dirección, dirección de arte, guión, interpretación protagonista e de reparto, dirección de produción, maquillaxe, montaxe e perruquería. As series El desorden que dejas, que aspira a oito galardóns, e Néboa, que competirá en seis apartados, optarán ao premio á mellor serie de televisión xunto a O sabor das Margaridas e Auga Seca. A listaxe de obras con máis candidaturas finalistas complétana tres longametraxes: Arima, de Jaime Camborda, conta con sete; Lúa vermella, dirixida por Lois Patiño, con catro, e 9 Fugas, de Fon Cortizo, tamén con catro.

En canto os galardóns de interpretación, o apartado á mellor intepretación feminina protagonista disputarase entre Melania Cruz, por Ons; Isabel Naveira, pola serie Néboa; Nerea Barros, por A illa das mentiras, e Inma Cuesta, por El desorden que dejas. En canto á mellor intepretación masculina protagonista, os finalistas son Antonio Durán Morris, por Ons; Monti Castiñeiras, por A lei de Santos; Tito Asorey, por Arima, e Darío Grandinetti, por A Illa das mentiras.

Josito Porto (por Arima), Milo Taboda (por A illa das mentiras), Tamar Novas (por El desorden que dejas) e Xúlio Abonjo (Ons) son os finalistas na categoría de actor de reparto, mentres que as finalistas no apartado de interpretación feminina de reparto son Marta Lado (Ons), Isabel Garrido (El desorden que dejas), Lidia Veiga (A lei de Santos) e Victoria Teijeiro (A Illa das mentiras).

A listaxe completa de finalistas por categorías pódese consultar na web da Academia nesta ligazón e todas as actividades que se desenvolverán ao redor dos premios nestoutra ligazón. As gañadoras daranse a coñecer no Teatro Colón da Coruña o 10 de abril, nunha gala presencial dirixida por Tito Asorey e presentada por Lucía Veiga.

FOTO: Aigi Boga