Volver

O sector escénico en Galicia conta dende este mes cunha guía de recomendacións fronte á Covid-19 que inclúe cribados e/ou probas ao elenco artístico

O Comité de Saúde Laboral do Convenio de Actores e Actrices de Galicia , conformado polos sindicatos CCOO, CIG e UGT co asesoramento da Asociación de Actores e Actrices de Galicia por parte dos traballadores e Escena Galega e Axencia Galega das Industrias Culturais, acada un documento de consenso froito da colaboración colectiva

O sector escénico en Galicia conta dende este mes cunha guía de recomendacións fronte á Covid-19 para a actividade específica. O documento acordouno por consenso o comité de Saúde Laboral do Convenio de Actores e Actrices de Galicia, integrado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Comisións Obreiras (CCOO), Unión Xeral de Traballadores (UXT) e Confederación Intersindical de Galicia (CIG) como parte dos/as traballadores/as e a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas-Escena Galega e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Neste documento, aprobado finalmente o 16 de novembro tras diferentes sesións de análise e debate, inclúese a recomendación de que “a acción preventiva inclúa a realización ao elenco artístico de cribados e/ou as probas necesarias para a detección da Covid na forma e periodicidade determinadas polos Servizos de Prevención de Risco Laboral”.

As medidas e recomendacións xerais desta guía deberán servir para orientar a redacción dos plans específicos de calquera empresa produtora que realice unha actividade escénica, e tamén para os que deban elaborarse para a produción, ensaio e exhibición dun espectáculo concreto.

Esta recomendación explícita sobre probas atinxe os elencos artísticos, conformados por profesionais cunha especial exposición a riscos de contaxios; xa que no ámbito dos actores e actrices, así como bailaríns/as e profesionais do circo, polas particularidades dos seus oficios, resultan dificilmente asumibles as medidas básicas de protección, nomeadamente a chamada distancia social e o uso de máscara.

Esta guía está suxeita a posibles actualizacións como consecuencia de futuras normativas que podan aprobarse sobre medidas de protección e prevención ante a Covid-19 e, en todo caso, remítese sempre ao cumprimento da normativa de seguridade e saúde laboral vixente, así como ás disposicións gobernamentais e sanitarias establecidas para evitar o contaxio do virus.

Ademais, o texto consensuado en Galicia recolle que a produción do espectáculo, a dirección do mesmo e o seu persoal artístico detallarán de forma conxunta as condicións nas que se desenvolverá o espectáculo para que os Servizos de Prevención de Riscos Laborais poidan realizar a súa avaliación e propoñer as medidas necesarias, tomando en conta diferentes variables: momento do proceso (ensaio ou exhibición), distancia, máscara e/ou direccionalidade das accións, tempo de exposición, tamaño do espazo e a súa ventilación, número de intérpretes en escena ou as características específicas do elenco.

Deste xeito, o sector conta xa en Galicia cunha guía de recomendacións propias e actualizadas a situación actual para garantir que a seguridade no eido das artes escénicas cubra tanto ao público coma o conxunto dos seus traballadores/as. Unha guía propia que é, ademais, froito da colaboración entre as diferentes asociacións profesionais, sindicatos e institucións públicas reunidas no Comité de Saúde Laboral do Convenio de Actores e Actrices de Teatro.