Volver

Aberta a 1ª fase de votación para a elección dos XIV Premios de Teatro María Casares entre 34 espectáculos e 379 profesionais candidatos

Os profesionais do sector asociados, así como os nominados e premiados nas edicións anteriores, terán que escoller o mellor das artes escénicas en 2009 Os nomes dos nominados nas trece categorías daranse a coñecer na primeira semana do mes de marzo e os premios entregaranse o vindeiro 24 de marzo

Estes galardóns están promovidos pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), que este ano cumpre 25 anos da súa creación

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2010.- A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) ven de abrir o proceso que culminará na elección dos gañadores dos Premios de Teatro María Casares, que este ano chegan á súa decimo cuarta edición nunha gala que se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o vindeiro 24 de marzo. Unha edición que terá, ademais, un carácter moi especial, xa que coincide coa celebración do 25 aniversario da constitución da AAAG. Así, desde este luns, 7 de febreiro, a AAAG ven de comezar a distribución das papeletas de votación entre os máis de 450 asociados, que inclúen profesionais do audiovisual e das artes escénicas, programadores da Rede galega de teatros e auditorios, ademais dos nominados e premiados nas edicións anteriores. Eles terán a difícil tarefa de escoller entre 34 espectáculos e 379 profesionais que se presentan nos diferentes apartados representativos do traballo. As categorías sobre as que deberán decidir son trece: mellor espectáculo, dirección, actor protagonista, actriz protagonista, actor secundario e actriz secundaria, escenografía, texto orixinal, adaptación ou tradución, música orixinal, iluminación, vestiario e maquillaxe. Ademais, a Xunta Directiva da AAAG será a encargada de entregar o Premio de Honra “Marisa Soto”, que se outorga a unha traxectoria ou labor, persoal ou colectiva, a prol da promoción do teatro galego. A primeira fase deste proceso rematará o vindeiro 19 de febreiro, data en que se pechará esta primeira rolda de votación e da que se obterá o máis destacado da tempada teatral que ven de rematar. Os nominados daranse a coñecer nunha festa que se desenvolverá na primeira semana de marzo. Coñecidas as nominacións, o censo de votantes volverá ter un prazo de dúas semanas para elixir entre os mellores.

Finalmente, os premiados, obtidos da segunda rolda de votacións, daranse a coñecer na gala final que se levará a cabo, como xa é tradicional, no Teatro Rosalía Castro da Coruña o vindeiro 24 de marzo, coincidindo coas datas nas que se celebra o Día Mundial do Teatro. Os premios María Casares Creados en 1997, estes galardóns - bautizados en homenaxe da que foi a primeira actriz galega con proxección internacional - cumpren coa finalidade de servir de estímulo e recoñecemento ao labor desenvolvido pola profesión teatral en Galicia. O seu obxectivo é o de promocionar e situar ao teatro no lugar que se merece dento das artes e da cultura do país. Outorgados no ámbito da Comunidade Autónoma con carácter anual, distinguen ás producións escénicas galegas feitas en lingua galega que foron estreadas o ano anterior á súa concesión así como a todos os profesionais que nelas tomaron parte. A AAAG Nesta edición en que se cumpre o primeiro cuarto de século da constitución da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, constituida en 1985, este organismo está inmerso nun proceso de renovación que inclúe, ademais, a estrea dunha nova sede, situada no Polígono de Novo Milladoiro. Durante este tempo a AAAG consolidouse como interlocutor de referencia entre as administracións públicas e o sector empresarial escénico e audiovisual, contribuíndo a defender os dereitos do sector e traballando para xerar emprego entre os seus asociados.