Volver

O Goberno central aproba o acceso extraordinario á prestación por desemprego para artistas

>> O Consello de Ministro aprobou hoxe a través de Real Decreto Lei un paquete de medidas de apoio ao sector cultural cun valor orzamentario de 76,4 millóns

>> A duración da prestación por desemprego para artistas será dun máximo de 180 días e calcularase empregando como referencia os períodos de ocupación cotizados o ano anterior. Así, se se realizaron entre 20 e 54 días de traballo, a duración da prestación será 120 días. Se se realizaron 55 días ou máis de traballo, a duración da prestación será de 180 días.

O Consello de Ministros aprobou hoxe a través de Real Drecreto Lei un paquete de medidas destinadas a apoiar o sector cultural para facer fronte a situación derivada da COVID-19 e cuxo valor orzamentario ascende aos 76,4 millóns. Este conxunto de medidas, que chega 50 días despois da declaración do estado de alerta e tras a inicial e asombrosa inaccción do ministro de Cultura e Deporte, recolle un conxunto de medidas tanto para o sector do audiovisual coma par o ámbito das artes escénicas. Dende o punto de vista das persoas traballadoras, o decreto garantirá o acceso extraordinario á prestación por desemprego do colectivo de artistas en espectáculos públicos encadrados no Réxime Xeral da Seguridade Social, proposta que se recollía nas coñecidas ‘52 medidas urxentes...’, documento consensuado no sector das artes escénicas e musicais grazas á colaboración de máis de trinta asociacións profesionais, incluída CONARTE, confederación de entidades sindicais na está incorporada a AAAG.

A duración da prestación será dun máximo de 180 días e calcularase empregando como referencia os períodos de ocupación cotizada o ano anterior.

-Así, se se realizaron entre 20 e 54 días de traballo, a duración da prestación será 120 días.

-Se se realizaron 55 días ou máis de traballo, a duración da prestación será de 180 días.

Estas axudas serán incompatibles con outras percepcións ou rendas concedidas por calquera administración pública. Deste xeito, recoñécese a intermitencia laboral e a especial vulnerabilidade dos traballadores e das traballadoras do sector cultural. Segundo destaca o Ministerio de Cultura e Deportes, a medida afecta ao 45% dos contratos de traballo do sector artístico, que son por obra ou servizo.

Medidas en artes escénicas.

No tocante ás artes escénicas, o Real Decreto-Lei aprobado hoxe recolle as seguintes medidas sectoriais:

1- Establécense liñas de crédito específicas para as PEMES do sector escénico, así como para a industria musical e para audiovisual, ademais doutras empresas culturais doutro sectores, dotadas cada unha dun importe mínimo de 40 millóns de euros.

2- Destínanse 38,2 millóns de euros ao sector escénico e musical, dos cales 23,7 corresponden a axudas extraordinarias con carácter excepcional, que se unen aos 14,5 millóns previstos na convocatoria ordinaria de subvencións.

3. Adiantos e pagamentos do sector público de contratos de interpretación artística e de espectáculos non superiores a 50.000 euros. O estado de alarma implicou o peche inmediato de teatros, salas e auditorios, provocando a suspensión ou resolución de contratos. Con esta decisión recollida no Real Decreto, segundo o Goberno central, procúrase fomentar a posibilidade de adianto de até o 30% do prezo de contratos cando se acorde a modificación ou suspensión para ser executado noutra data posterior. Ademais, foméntase a posibilidade de indemnización de entre o 3 e 6% do prezo do contrato cando se acorde a resolución do contrato.

4. Aumento das deducións fiscais da Lei de Mecenado. Elévase a un 5% as porcentaxes de de dedución previstos para as doazóns efectuadas por contribuíntes do IRPF.

MEDIDAS AUDIOVISUAL

No caso do audiovisual, o Real Decreto Lei dispón:

1. Coa meta de garantir liquidez de produtoras que recibiron axudas, adiantarase o 50% da subvención antes de que inicien as rodaxes. Ademais, flexibilizaranse os prazos e as obrigas ás películas beneficiarias de axudas xerais e selectivas, tanto para a produción de longas coma de curtas sobre proxectos, concedidas entre os anos 2016 e 2019.

2. Establécense liñas de crédito específicas para as PEMES do sector escénico, así como para a industria musical e para audiovisual, ademais doutras empresas culturais doutro sectores, dotadas cada unha dun importe mínimo de 40 millóns de euros.

3. Por outra banda, increméntanse os incentivos fiscais á produción cinematográfica e audiovisual de series de ficción, animación ou documental, así coma as producións estranxeiras. Poderase deducir o 30% do primeiro millón de euros da base de dedución e o 25% do restante.

3. Inclúese unha excepción temporal até o 31 de agosto do presente ano para que as fitas que teñan problemas para estrear nas salas segundo o tiñan previsto, poidan optar por fórmulas de comunicación audiovisual e plataformas sen que iso afecte a súa condición de película cinematográfica.

4. No tocante as salas de cine, créase un Fondo Social Extraordinario cun montante de 13.252.000 euros para apoiar a exhibición cinematográfica nas salas de escena. Buscarase financiar con esta medida os gastos que sexan consecuencia das medidas sanitarias adoptadas e dos gatos destinados a favorecer a visibilidade sobre reaperturas dos cines.

Estes son as principais liñas que anuncian o Goberno Central no referente ás artes escénicas e audiovisuais a espera da publicación no BOE do Real Decreto-Lei ao completo.

FOTO: HERNAN PIÑERA