Volver

Cristina Moreira dirixirá a gala dos XXIV Premios de Teatro María Casares

O elenco estará conformado por Déborah Vukušić, Arantxa Treus, Antía Costas e Rocío Romero. Laura Iturralde encargarase da dirección de arte e a música correrá a cargo de Nacho Muñoz

A actriz, directora e cómica Cristina Moreira será a encargada de dirixir a Gala dos XXIV Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o xoves 26 de marzo, véspera do Día Mundial do Teatro. Moreira adianta que o espectáculo que o público poderá ver durante a entrega dos galardóns será “unha homenaxe á profesión, facendo un especial fincapé no que significa ser actor e actriz”, mais sobre todo a gala porá o foco nas “particularidades, dificultades e esixencias que se lles impón ás actrices para exercer este oficio”. Con ese obxectivo, a directora contará cun equipo eminentemente feminino. Así, o elenco estará formado por Déborah Vukušić, Arantxa Treus, Antía Costas e Rocío Romero. Por outro lado, Laura Iturralde encargarase da dirección de arte. A música correrá a cargo de Nacho Muñoz.

Ademais, a gala deste ano afondará no sentido e no significado da profesión sen perder de vista os espectáculos e os traballos que se desenvolve no contacto máis próximo co público: o pequeno formato, as actuacións en bares, o microteatro ou o cabaré. Estes elementos serán algunhas das pezas clave da gala dos XXIV Premios de Teatro María Casares que, dende 1997, organiza a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) a través do patrocinio de diferentes institucións e entidades. Neste ano 2020, os patrocinadores dos galardóns do noso teatro son a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, Fundación AISGE, Fundación SGAE e Gadisa.

CRISTINA MOREIRA

Cristina Moreira iniciou a súa carreira desenvolvendo monólogos cómicos con 18 anos e formouse posteriormente tanto en teatro coma en danza. Na Escola de Teatro de Narón afondou na súa preparación artística, ampliando a súa formación en diversas disciplinas artísticas (performance, clown, improvisación e cine) con profesionais como Marta Carrasco ou Adolfo Simón. Grazas á súa vertente de cómica, Moreira gañou ao longo da súa traxectoria diversos galardóns. Destacan neste sentido, o premio no Certame Monolobar, organizado pola Deputación da Coruña, ou o galardón do concurso de humor Os humorosos, organizado pola Televisión de Galicia, coa formación Tres de Trasancos e a raíz deste galardón creouse a compañçia 3DTrans e o espectáculo Ride, Ride. Ademais, participou na peza De Revista, antimusical cómico da compañía Amargo Sueco, espectáculo que se converteu no gañador do premio do público en Sevilla no certame Noche de Repálagos. Moreira é creadora, directora e coordinadora do Festival Fóra do Mapa, que se celebra anualmente en Ferrol cunha programación de artes escénicas contemporáneas, que procura resaltar ao tempo o patrimonio artístico e arquitectónico da cidade.

16 espectáculos finalistas

A Gala dos XXIV Premios de Teatro María Casares celebraranse no Teatro Rosalía Castro o xoves 26 de marzo, véspera do Día Mundial do Teatro. Esa noite, competirán un total de 16 espectáculos por facerse co galardón nalgunha das catorce categorías nos que se dividen os premios. Liberto, montaxe de Marelas Producións aspira a gañar en sete categorías, mentres que Fariña, de Ainé, Undodez e Oqueteño Media; e Bernarda, de Malasombra, optan a cinco. Estes tres espectáculos competirán polo premio ao mellor espectáculo.

Seis espectáculos concorren como finalistas en tres categorías: Hemos venido a darlo todo, de Voadora; MedidaxMedida, de Producións Teatráis Excéntricas e FIOT Carballo; Despois das ondas, de ButacaZero; Vida de Cans, de Talía Teatro; O empapelado Amarelo, da Quinta do Cuadrante, e Neorretranca e Posmorriña, do Centro Dramático Galego. A única montaxe que aspira a dous premios é O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, que acadou dous finalistas.

Cun finalista, atópanse outros seis espectáculos: Idiota, de Redrum Teatro; A compañeira de Piso, de Contraproducións e o Centro Dramático Galego; Karelu, de Os Náufragos; Cartoóns, de Producións Teatráis Excéntricas e de Teatro de Adro; Lambetadas, de Talía Teatro, e Ummm! Unha comedia musical… para chupar os dedos, de Teatro Avento Producións. Estes tres últimos espectáculos competirán polo premio ao espectáculo infantil.