Volver

Un total de 30 espectáculos inscríbense nos XXIV Premios de Teatro María Casares

A primeira rolda de votacións xa está aberta a un censo de votantes conformado por máis de 450 profesionais do sector escénico. O proceso de votación rematará o 17 de febreiro e del sairán os/as finalistas en cada unha das catorce categorías cos que contan os galardóns

Un total de 30 espectáculos e máis de 200 profesionais concorren aos XXIV Premios de Teatro María Casares, galardóns organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, Fundación SGAE e Fundación AISGE. O proceso de inscrición, realizado integramente a través da web da AAAG, finalizou o pasado 8 de xaneiro rexistrando unha gran participación Estas montaxes postúlanse nas catorce categorías que se dividen os premios: maquillaxe, vestiario, iluminación, escenografía, música orixinal, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección, espectáculo e espectáculo infantil.

Tras esta primeira fase de inscrición, a AAAG inicia a primeira rolda de votacións, aberta xa a un censo formado por máis de 450 profesionais do sector das artes escénicas. Dese xeito, ademais do colectivo de membros da AAAG, poderán votar responsables da xestión e programación cultural, xornalistas, críticos e as persoas finalistas en edicións anteriores. Esta primeira rolda de votacións rematará o 17 febreiro. Das súas votacións, sairán os espectáculos e profesionais finalistas en cada unha das catorce categorías, que se darán a coñecer a finais do mes de febreiro na tradicional Festa de Finalistas dos Premios de Teatro María Casares.

Os Premios de Teatro María Casares entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para toda a profesión do sector. Durante a gala, entregarase o Premio de Honra Marisa Soto e darase a coñecer o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro. Este ano, a gala de entrega dos galardóns celebrarse o xoves 26 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

Espectáculos inscritos nos XXIV Premios de Teatro María Casares

Espectáculo

Compañía

Santa Inés

A Feroz

O empapelado amarelo

A Quinta do Cuadrante

Unha noite na praia

Ainé Producións, Undodez e Condetrespés

O montacargas

Ainé Producións e Acusmaser Opus

Animal sagrado

Aporía Escénica

Mai Mai

Baobab Teatro

Doppelgänger

Berrombambán, Centro Dramático Galego e Arca de N.O.E.

Despois das ondas

ButacaZero

Neorretranca e posmorriña

Centro Dramático Galego

A compañeira de piso

Contraproducións e Centro Dramático Galego

Running unha comedia suorenta

De Ste Xeito Producións

Macbeth. O ruído e a furia

Estudo Momento

Bernarda

Malasombra

NÓS (A historia de Galicia)

Malasombra

Liberto

Marelas Teatro

Karelu

Os Náufragos Teatro

Tódalas marabillas do mundo

Producións Dispersas

Cartóons

Producións Teatráis Excéntricas

Carpe Diem

Producións Teatráis Excéntricas

Medida x Medida

Producións Teatráis Excéntricas

Idiota

Redrum Teatro

Crónicas do Paraíso

Sarabela Teatro

Vida de cans

Talía Teatro

A primeira vez

Talía Teatro

Lambetadas

Talía Teatro

Umm! Unha comedia musical para... chupar os dedos

Avento Producións

O meu mundo non é deste reino

Teatro da Ramboia

Fariña

Ainé Producións, Undodez e Oqueteño Media

Hemos venido a darlo todo

Voadora

SÓ.

Xampatito Pato