Un total de 30 espectáculos e máis de 200 profesionais concorren aos XXIV Premios de Teatro María Casares, galardóns organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, Fundación SGAE e Fundación AISGE. O proceso de inscrición, realizado integramente a través da web da AAAG, finalizou o pasado 8 de xaneiro rexistrando unha gran participación Estas montaxes postúlanse nas catorce categorías que se dividen os premios: maquillaxe, vestiario, iluminación, escenografía, música orixinal, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección, espectáculo e espectáculo infantil.
Tras esta primeira fase de inscrición, a AAAG inicia a primeira rolda de votacións, aberta xa a un censo formado por máis de 450 profesionais do sector das artes escénicas. Dese xeito, ademais do colectivo de membros da AAAG, poderán votar responsables da xestión e programación cultural, xornalistas, críticos e as persoas finalistas en edicións anteriores. Esta primeira rolda de votacións rematará o 17 febreiro. Das súas votacións, sairán os espectáculos e profesionais finalistas en cada unha das catorce categorías, que se darán a coñecer a finais do mes de febreiro na tradicional Festa de Finalistas dos Premios de Teatro María Casares.
Os Premios de Teatro María Casares entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para toda a profesión do sector. Durante a gala, entregarase o Premio de Honra Marisa Soto e darase a coñecer o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro. Este ano, a gala de entrega dos galardóns celebrarse o xoves 26 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
Espectáculos inscritos nos XXIV Premios de Teatro María Casares
Espectáculo | Compañía |
Santa Inés | A Feroz |
O empapelado amarelo | A Quinta do Cuadrante |
Unha noite na praia | Ainé Producións, Undodez e Condetrespés |
O montacargas | Ainé Producións e Acusmaser Opus |
Animal sagrado | Aporía Escénica |
Mai Mai | Baobab Teatro |
Doppelgänger | Berrombambán, Centro Dramático Galego e Arca de N.O.E. |
Despois das ondas | ButacaZero |
Neorretranca e posmorriña | Centro Dramático Galego |
A compañeira de piso | Contraproducións e Centro Dramático Galego |
Running unha comedia suorenta | De Ste Xeito Producións |
Macbeth. O ruído e a furia | Estudo Momento |
Bernarda | Malasombra |
NÓS (A historia de Galicia) | Malasombra |
Liberto | Marelas Teatro |
Karelu | Os Náufragos Teatro |
Tódalas marabillas do mundo | Producións Dispersas |
Cartóons | Producións Teatráis Excéntricas |
Carpe Diem | Producións Teatráis Excéntricas |
Medida x Medida | Producións Teatráis Excéntricas |
Idiota | Redrum Teatro |
Crónicas do Paraíso | Sarabela Teatro |
Vida de cans | Talía Teatro |
A primeira vez | Talía Teatro |
Lambetadas | Talía Teatro |
Umm! Unha comedia musical para... chupar os dedos | Avento Producións |
O meu mundo non é deste reino | Teatro da Ramboia |
Fariña | Ainé Producións, Undodez e Oqueteño Media |
Hemos venido a darlo todo | Voadora |
SÓ. | Xampatito Pato |