Nas próximas semanas, catro espectáculos con compañeiros e compañeiras da Asociación de Actores e Actrices de Galicia estrearanse nos escenarios do Pazo da Cultura de Carballo, no Fórum Metropolitano na Coruña e no Teatro Principal de Santiago.
‘Carabela’
A primeira estrea será a de Carabela, espectáculo para o público familiar de Galeatro. Protagonizada por Alba Bermúdez, Tone Martínez e Davide González, quen tamén se encarga da dirección, a obra está escrita por Paula Carballeira e preséntanos a Carabela, cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico. Está soa, rodeada de peixes mutantes que lle advirten que son tóxicos e de paxaros que non paran de queixarse por ter comido substancias sintéticas. Para aliviar a tristeza, Carabela constrúe unha nena de plástico á que lle conta historias de como é o mundo fóra da Illa Pequena. O corazón a pilas da Nena de Plástico comeza a latexar con forza para coñecer o que hai máis alá dos peixes mutantes e dos paxaros choromicas e, sobre todo, para axudar a Carabela a saír da illa antes de que morra de fame.
A estrea terá lugar este domingo, 19 de xaneiro, ás 18.00 h. no Pazo da Cultura de Carballo.
‘O candil’
Escola Galega de Teatro Musical estrea O candil, un espectáculo cómico musical que xira arredor do cancioneiro galego. A peza está dirixida por Rosa Puga Davila e protagonizada por Sara Fandiño, Lucía Sá, Iria Lamas e Lucas López. O Candil, como espectáculo de cuplé, é unha comedia musical interactiva sobre tres mulleres moi distintas, que buscan o propio ser ante un momento de confusión e cambio da mentalidade global.
Estamos en 1918, o final da Gran Guerra deixa Europa en ruínas. O mundo cambia, a reflexión sobre os erros do pasado revoluciona o mundo laboral, o artístico, o feminino... A Coruña pasa a ser un dos núcleos políticos, artísticos e sociais que máis brillan. Chega o momento de falar desa cidade moderna e atrevida, obreira, culta e innovadora, que non tiña medo ao futuro e daba a mellor acollida ás máis diversas personalidades.
A estrea terá lugar o próximo 24 de xaneiro no Fórum Metropolitano da Coruña ás 21.00 h.
'Poeta en Nova York'
Producións Paloma Lugilde, a través da súa rama de produción Teatro baixo a area e en coprodución co Centro Dramátigo Galego, estreará no Auditorio Gustavo Freire de Lugo Poeta en Nova York, adaptación do título poético de Federico García Lorca, unha obra permanentemente moderna e de irremediable actualidade, abordada desde conceptos pouco habituais: o dó como forza motriz a través do trato coa morte (tema ritual do poemario) ou a crise do desexo. A experimentación ten un grande peso, materializándose nun espazo escénico contemporáneo no que a honestidade estea presente, creado pola directora e dramaturga Paloma Lugilde. O elenco está conformado por Sergio Zearreta, María Roja e Sabela Eiriz.
A estrea terá lugar o vindeiro mércores 29 de xaneiro ás 20.30 h. no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo.
‘O mel non caduca’
Ibuprofeno Teatro estreará O mel non caduca, un espectáculo biodegradable e ecosostible xestado a partir dun proceso de creación colectiva, arredor da obsolescencia programada, da relación do ser humano cos obxectos e da degradación ecolóxica do planeta por mor da perversidade da lóxica capitalista en relación co consumo masivo de produtos. A obra, protagonizada por Marián Bañobre e Avelino González, está escrita e dirixida por Santiago Cortegoso.
A estrea será o venres 31 de xaneiro no Teatro Principal de Santiago, que acollerá ademais unha segunda función o sábado 1 de febreiro. Ambas as dúas funcións serán ás 20.30 h.