Volver

A AAAG e a Academia Galega de Teatro alertan da privatización da actividade, o recorte da autonomía e a redución de competencias do CDG e do CCG

As citadas entidades profesionais esixen a retirada dun Proxecto de Decreto para modificar os Estatutos da Agadic que se está a levar a cabo de costas ao groso do sector e que acentuará o desmantelamento sistemático que a Xunta de Galicia está a practicar coas unidades de produción institucional

A asociación Músicas ao Vivo comparte as preocupacións da AAAG e da Academia de Teatro e sinala que o novo Departamento de Música e Danza previsto no novo estatuto da Agadic carece de contidos para o sector musical

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia xunto a Academia Galega de Teatro alertan dun novo capítulo no desmantelamento sistemático que a Xunta está a levar a cabo no Centro Dramático Galego (CDG) e no Centro Coreográfico Galego (CCG), dúas institucións públicas de creación escénica que dende hai dez anos padecen de forma continuada a mingua da súa actividade, os recortes nos seus orzamentos, a asfixia burocrática e o puro esmorecemento. Nesta ocasión, a Xunta ten a intención de laminar a xa escasa autonomía do CDG, reducir as funcións da súa dirección e eliminar a súa representatividade, e abrir as portas á completa externalización e privatización das súas montaxes escénicas. No caso do Centro Coreográfico Galego, a súa actividade quedará diluída na burocratización e a súa dirección ficará sen funcións atribuídas. Estas son algunhas conclusións que se desprenden do proxecto de decreto polo que se modificará parcialmente o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), entidade integrada na estrutura da Consellería de Cultura e Turismo e da que dependen tanto o CDG coma o CCG. Así o explicaron en rolda de prensa Xose Barato, da AAAG, e Imma António, de Academia Galega de Teatro, que denunciaron ademais que todas as modificacións se están a desenvolver de costas ao sector, sen informar nin consultar ao groso das asociacións do tecido profesional e explicaron que Músicas Ao Vivo apoian as preocupacións expostas e este comunicado.

O pasado 20 de novembro, no pleno do Parlamento, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, anunciou un novo Estatuto da Agadic, que viría a substituír o que está en vigor dende 2012. Rodríguez asegurou que entre os cambios, atopábanse a creación da figura do xerente da Agadic; a inclusión na axencia do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e a creación dun novo departamento de danza no que se situará o Centro Coreográfico. Non obstante, o conselleiro omitiu outra serie de cambios de maior calado que se descobren agora ao consultar o proxecto de novo estatuto, que está pendurado no portal de transparencia da Xunta de Galicia.

Modificacións no CDG

O actual estatuto da Agadic estipula que o titular do Departamento de Produción Teatral exerce unha serie de funcións. Entre os seus cometidos, constan:

-Exercer a dirección artística do Centro Dramático Galego

-Decidir o plan de programación anual do CDG e, en particular, o do Salón Teatro.

-Seleccionar e contratar as compañías artísticas e/ou produtoras encargadas de producir cada espectáculo programado; facer a selección e o contrato dos artistas para aqueles espectáculos que o requiran; e, en xeral, xestionar o programa de actividades culturais do CDG.

-Exercer a representación ordinaria do Centro.

Coa modificación que ten en marcha a Xunta, reduciríanse sensiblemente estas competencias, xa que o titular xa non decidirá o plan de programación anual, senón que simplemente se encargará de “propoñer” o citado plan e entre as súas funcións desaparece a representación ordinaria do Centro. Ademais, xa non terá a obriga de “seleccionar e facer o contrato dos artistas”, senón que o seu papel se limitará a “participar na selección dos artistas”.

Estes cambios significan un recorte da autonomía da dirección do CDG, a supresión do seu labor de representación e abre as portas á externalización e á privatización das montaxes, xa que non se contempla a necesidade de que sexa a propia institución pública quen se encargue da contratación e poderíase derivar a contratación do elenco e do conxunto do equipo artístico a compañías privadas. Ademais, considérase que estes inasumibles cambios chegaranlle como unha difícil herdanza ao novo responsable do Departamento de Produción Teatral, posto aínda vacante dende a marcha de Fefa Noia o pasado 1 de outubro.

Modificacións Centro Coreográfico

Por outra banda, o conselleiro de Cultura no seu anuncio na Cámara asegurou que a danza contaría cun novo departamento no que se integraría o Centro Coreográfico. Porén, a realidade que se recolle no Proxecto de Decreto é diferente. Se no Estatuto da Agadic de 2012, se constituía un Departamento de Produción Coreográfica, na mudanza que se está preparando, tal departamento substitúese por un novo Departamento de Música e Danza. Entre as diferentes funcións do seu titular, recóllese unicamente unha vaga referencia ao CCG: “Exercer a dirección do Centro Coreográfico”. Deste xeito, desaparecen importantes cometidos: “Seleccionar e contratar as compañías artísticas”, “facer a selección e o contrato dos artistas”, “impulsar os acordos de cooperación e colaboración con outros centros análogos” e “exercer a representación ordinaria do Centro”. Dende Músicas ao Vivo, alértase ademais que este Departamento de Música e Danza estará baleiro de contidos para o sector musical.

Na rolda, tamén se quixo alertar ao respecto da situación do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), xa que a través deste novo estatuto pasaría a adscribirse funcionalmente á Agadic e a formar parte do Departamento de Produción Audiovisual, abríndose a porta a que o titular deste departamento asuma as competencias do posto de dirección do CGAI. Provocaríase así tamén unha perda de independencia da filmoteca galega.

Falta de diálogo e recortes

Na rolda, aproveitouse tamén a ocasión para desmentir ao Conselleiro de Cultura, quen en sede parlamentaria asegurou ao anunciar o novo estatuto da Agadic que se falara co sector ao respecto. As entidades convocantes afirmaron que non consta contactos sobre este asunto co groso do tecido asociativo profesional nin se informou dos sensibles cambios que se emprenderán, polo que se debe considerar que o novo estatuto se realiza de costas ao sector.

Ademais, na rolda de prensa lembrouse que esta situación ao respecto do estatuto chega tan só quince días despois das dúbidas xeradas -e non suficientemente aclaradas por parte da administración pública- sobre o Proxecto de Orzamentos de 2020, que recolle significativas baixadas no investimento real do CDG e do CCG. No caso da institución de teatro público, as partidas baixarían dos 600.000 destinados en 2019 aos 350.000 euros previstos en 2020. No caso do CCG, a cifra pasaría dos 150.000 a 50.000 euros. Tras a denuncia pública de diferentes asociacións do sector, a Agadic limitouse a asegurar que non habería recortes e que no 2020 habería proxectos do CCG e do CDG ao abeiro do Xacobeo. Tales explicacións resultan totalmente insuficientes: non se clarifica con transparencia as contas do vindeiro exercicio.

Por último, esixiuse que a Consellería de Cultura retire este proxecto de decreto e se reúna coas diferentes asociacións que conforman o sector; non só para abordar as modificacións do Estatuto da Agadic, senón para emprender de forma colectiva un cambio de rumbo na xestión dunhas políticas culturais da Consellería que non son acordes á realidade profesional nin ás necesidades artísticas nin ás demandas da cidadanía.