Volver

O XXIII Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas estrea ‘Estrelecer’, de Carlos Labraña o 14 de novembro

As nosas asociadas María Barcala, Mónica García, Arantza Villar, Iria Sobrado, Paula Sanmartín, Sonsoles Cordón e Dunia Díaz conforman o elenco. A Lectura Dramatizada, que conta un ano máis coa colaboración da AAAG, terá lugar o xoves 14 de novembro ás 21.00 h na Sede da Fundación SGAE en Santiago. Entrada de balde.

O XXIII Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas representará en Santiago de Compostela, co impulso do Consello Territorial da SGAE en Galicia e a colaboración da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a obra seleccionada esta temporada na convocatoria para textos teatrais en galego. Trátase de Estrelecer, orixinal do cedeirés Carlos Labraña, que se estreará o xoves 14 de novembro (21:00 horas), con entrada gratuíta, na sede da Fundación SGAE na capital galega. Compoñen o elenco sete actrices que forman parte da AAAG: María Barcala, Mónica García, Arantza Villar, Iria Sobrado, Paula Sanmartín, Sonsoles Cordón e Dunia Díaz.

Estrelecer é a historia dun grupo de rapazas que deciden ocupar unha mansión abandonada, da que contan estrañas historias, para crear un mundo onde poder ser elas mesmas. Pero a súa brincadeira converterase nunha viaxe ao descoñecido; nese tránsito terán que loitar contra todo tipo de sombras para acadar aquilo polo que devecen.

Trátase dun texto inédito de Carlos Labraña (Cedeira-A Coruña, 1969), dramaturgo especializado en teatro infantil e xuvenil que comezou a súa andaina no Colectivo Garola con obras como O segredo de Daniel e A escada, ambas gañadoras do Certame Xeración Nós. De xeito individual ou en colaboración cos seus irmáns Antón e Sabela, Labraña entregou títulos como Espantallo (Premio O Facho), A Pequena Compaña (Premio Estornela), Moito Morro Corporation SL (Premio Gala do Libro) e O Valo (Premio Manuel María). Os seus traballos teñen sido traducidos ao castelán, catalán e portugués, e representados fóra de Galicia.

Na súa estrea na sede dos autores en Santiago de Compostela, Estrelecer contará coa dirección escénica de Zé Paredes, o dramaturgo premiado este ano no III Torneo de Dramaturxia de Cangas, que tamén apoiou a Fundación SGAE.