Volver

Pola continuidade das Residencias Escénicas Municipais en Compostela

>> O pleno do Concello de Santiago debaterá este xoves unha proposición de CA para manter e desenvolver a planificación das Residencias Escénicas Municipais da Sala Agustín Magán

>> A AAAG intervirá no pleno para apostar pola continuidade desta iniciativa na capital galega, nunha situación xeral preocupante que estamos a vivir ao respecto do apoio das institucións municipais ás artes escénicas como demostra a saída de Chévere do Concello de Teo ou a retirada de apoio do Concello de Ourense ao FITO

O pleno do Concello de Santiago debaterá este xoves unha proposición para desenvolver a planificación das Residencias Escénicas Municipais da Sala Agustín Magán. O Grupo Municipal de Compostela Aberta presenta esta iniciativa co obxectivo de que o Goberno local manteña as Residencias Escénicas e publique sen máis demora a cuarta Convocatoria de Residencias Escénicas na citada sala, situada no Centro Sociocultural de Santa Marta, de xeito que o espazo continúe a ser, segundo Compostela Aberta, “un lugar que facilite e apoie o traballo das compañías profesionais” tanto de Santiago de Compostela coma do conxunto do país.

Segundo a concelleira Branca Novoneyra, que presentou esta mañá a iniciativa ante os medios, dende 2016, na Sala Agustín Magán “un total de 37 montaxes de compañías medraron” e “fixeron del un espazo dedicado á creación escénica actual”. A concelleira de Compostela Aberta sinalou que a cidade precisa manter estas residencias artísticas nun espacio municipal necesario para “o Concello, a cidadanía e o sector escénico” e aposta por que a Convocatoria “aberta e de concorrencia competitiva” inclúa tamén o Centro Cultural do Romaño como un novo espazo para residencias artísticas. A proposición de Compostela Aberta insta tamén a incluír no proxecto de orzamentos de 2020 unha partida de investimento para a dotación técnica tanto para a Agustín Magán coma para o Auditorio do Centro Cívico do Romaño. Novoneyra, ademais, adiantou que o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Xabier Deive, intervirá do pleno para apoiar que se manteñan as residencias artísticas para compañías profesionais en Santiago.

Por último, na súa intervención ante os medios, amosou a súa preocupación ante “o retroceso” que se está a vivir nas últimas semanas ao respecto do apoio das institucións municipais, facendo referencia a saída de Chévere do Concello de Teo ou a situación que está a vivir Sarabela Teatro, que viu como o consistorio ourensá encabezado por Gonzalo Pérez Jácome, de Democracia Ourensana, retiraba o seu apoio ao Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO).