Volver

Un total de 38 espectáculos na programación dun FIOT Carballo coa mirada posta no teatro social

>> Carmen Maura, Teatro Kamikaze, Cándido Pazó, Quico Cadaval, Tito Asorey, Carolina Román, Álvaro Tato ou a Companhia do Chapitô formarán parte da programación, que se desenvolve do 27 de setembro ao 1 de novembro.

>> Producións Teatráis Excéntricas estrea, en coprodución co FIOT, 'Medida x Medida' o próximo 4 de outubro. Contraproducións, tamén en coprodución co Festival e o Focus, presentará no festival 'O electo'

O 28º Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) regresa ás salas e ás rúas de Carballo entre o 27 de setembro e o 1 de novembro, cun cartel extenso e diverso, que concentra un total de 38 espectáculos. Carmen Maura, Teatro Kamikaze, Cándido Pazó, Quico Cadaval, Tito Asorey, Carolina Román, Álvaro Tato ou a Companhia do Chapitô formarán parte do FIOT deste ano, que na súa programación inclúe propostas de dinamización cultural como exposicións, encontros con artistas, teatro de rúa, microteatro e un circuíto gastronómico de inspiración teatral. Neste 2019, o festival sitúa o foco sobre o teatro social, co obxectivo de poñer en valor a capacidade das artes e da cultura.

O programa do Festival Internacional Outono de Teatro abrangue unha ampla diversidade de xéneros, formatos e linguaxes escénicas cun prisma contemporáneo, no que teñen cabida teatro de texto, novo circo, teatro xestual ou clown ou o teatro de obxecto. A súa rica oferta, orientada a todo tipo de públicos, articúlase arredor de diferentes seccións: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa ou o certame de Microescenas Metro Cadrado (M2).

Unha das citas máis esperadas do festival chegará o 13 de outubro, coa xa tradicional visita de Kamikaze Producciones. A compañía presentará en Carballo Jauría, o impactante e desgarrador espectáculo de teatro documento sobre o xuízo de La Manada. A peza, asinada por Jordi Casanovas e dirixida polo aclamado Miguel del Arco, é a revolución teatral do momento, e conta no seu reparto con María Hervás, Pablo Béjar, Fran Cantos, Ignacio Mateos e o galego Martiño Rivas.

Á semana seguinte será a quenda doutra das grandes artistas do panorama estatal, como é Carmen Maura. A actriz regresa aos escenarios con La Golondrina, de LaZona, unha conmovedora historia escrita polo xenial dramaturgo Guillem Clua que ten, como pano de fondo, o terrorismo e a homofobia. Sobre o escenario do Pazo da Cultura, o actor Dafnis Balduz daralle a réplica a Maura o domingo 20 de outubro, ás 20.30 horas.

Tamén xerará moita expectación entre o público do FIOT a representación de Fariña, a nova creación de Undodez Producións, que ten como protagonista a Xosé Antonio Touriñán. Baixo a dirección de Tito Asorey, a produtora de Touriñán presenta unha obra de gran formato, baseada no ensaio do xornalista coruñés Nacho Carretero, que porá o broche de ouro á presente edición do festival o día 1 de novembro.

Coprodución con Excéntricas

Por outra banda, o FIOT seguirá a apostar por un dos seus sinais de identidade como é o fomento e o apoio estable á difusión da creación escénica en Galicia a través da coprodución de dúas obras que terán a súa estrea absoluta durante o festival. É o caso de Medida x medida, unha das grandes propostas da tempada teatral galega, que abrirá o Programa de Sala o venres 4 de outubro. A nova creación de Producións Teatrais Excéntricas, que está a celebrar o seu 15º aniversario, achegará á obra de William Shakespeare a irreverencia e frescura do seu director, Quico Cadaval. A segunda das coproducións do FIOT que se estrearán será O electo, unha aguda comedia de Contraproducións que aborda a vocación política. A peza, dirixida por Cándido Pazó e que conta coa coprodución da catalá Focus, unha das maiores produtoras do Estado, poderase ver os días 25 e 26 de outubro no Pazo da Cultura de Carballo.

Este ano, o FIOT dará continuidade á procura de novas fórmulas de cooperación a través da colaboración coa compañía madrileña El Sol de York. Deste xeito, Carballo acollerá o 18 de outubro a estrea absoluta da contundente e conmovedora Chicas y chicos que, baixo a dirección de Lucía Miranda, reflexionará sobre a violencia machista a través do percorrido vital da protagonista.

O Programa de Sala completarase con tres estreas en Galicia, entre as que destaca un dos pratos fortes desta edición do FIOT: Hamlet, de Compahia do Chapitô, unha comedia visual e física na que a recoñecida compañía portuguesa despregará todo o seu humor e creatividade á vez que desafía o enxeño do público. A cita terá lugar o domingo, 27 de outubro, no Pazo da Cultura. A segunda das estreas no país desta liña de programación será Juguetes rotos, unha peza dura e fermosa na que a directora e dramaturga Carolina Román constrúe o conmovedor relato dun transexual na España de finais dos 60. A obra conta con Nacho Guerreros como protagonista, un traballo polo que foi recoñecido como finalista, ao igual que o seu compañeiro de reparto, Kike Guaza, na última edición dos Premios Max por este traballo. Finalmente, Carballo acollerá a estrea en Galicia da última creación de Ay teatro, Todas hieren y una mata. O texto, asinado por Álvaro Tato, supón a primeira comedia en verso do século XXI que aborda cuestións como o amor, a procura da identidade ou a loita da muller polo dereito a decidir e que reivindica a conquista da súa liberdade.

CONSULTA O PROGRAMA COMPLETO