Volver

O Fetega 'Celso Parada' do Carballiño celebra a súa trixésima edición a semana que vén

Dende o vindeiro luns 2 de setembro até o venres 6 de setembro, o festival ofrecerá no Auditorio Municipal Manuel María un programa conformado por cinco compañías (Contraproducións, Chévere, A Berberecheira, Redrum Teatro e Enconarte), ademais das montaxes de circo, maxia e de clown que se poderán ver no anfiteatro de Veracruz, os monólogos cómicos que levarán até O Carballiño os artistas Pepo Suevos, Xan Veiga, Fran Campos ou Víctor Grande e as actividades paralelas que completan o cartel.

O Festival de Teatro Galego 'Celso Parada' (Fetega) do Carballiño celebra a súa trixésima edición a semana que vén. Dende o vindeiro luns 2 de setembro até o venres 6 de setembro, o festival ofrecerá no Auditorio Municipal Manuel María un programa conformado por cinco compañías (Contraproducións, Chévere, A Berberecheira, Redrum Teatro e Enconarte), ademais das montaxes de circo, maxia e de clown que se poderán ver no anfiteatro de Veracruz, os monólogos cómicos que levarán até O Carballiño os artistas Pepo Suevos, Xan Veiga, Fran Campos ou Víctor Grande e as actividades paralelas que completan o cartel.

A programación arrincará o luns ás 19.00 h. no Anfiteatro da Veracruz, co espectáculo Catro [4''] segundos, da Compañía IO, peza dirixida por Álvaro Reboredo que, xunto a Beatriz Rubio e Javier Lemus, conforman o elenco. Xa no Auditorio Municipal, ás 22.00 h, o público poderá ver Anatomía dunha serea, obra de teatro documento producida por a Berberecheira e protagonizada por Iria Pinheiro, que leva a escena a súa experiencia persoal coa violencia obstétrica. Para pechar a xornada, ás 00.00 h., a Casa da Cultura abrirá ás súas portas para recibir a Xan Veiga e o seu monólogo Aqueles marabillosos anos.

O martes 3, ás 19.00 h., no Anfiteatro da Veracruz, Dani García ofrecerá o seu Don Gelati, unha peza de maxia e clown destinada a todos os públicos. Ás 22.00 h, no Auditorio Municipal, chegará a quenda d'A compañeira de piso, coprodución de Contraproducións e o Centro Dramático Galego dirixida por Belén Pichel e Cándido Pazó coas actrices Rebeca Montero e Patricia Vázquez. Finalmente, o día volve concluír ás 00.00 h. na Casa da Cultura con Fran Campos e o seu Padre Merino.

O mércores 4, a gran protagonista será Curva España, a nova montaxe de Chévere estreada na pasada Mostra de Ribadavia. A obra poderase ver ás 22.00 h. no Auditorio, mentres que ás 19.00 h, Producións Teatráis Excéntricas presentará Cartoóns, a primeira montaxe infantil desta veterana compañía que neste 2019 está a celebrar o seu 15º aniversario. Os protagonistas son Víctor Mosqueira e Josito Porto. A vida pasa voando, de Víctor Grande, pechará a xornada na Casa da Cultura ás 00.00 h.

O xoves 5 de setembro, Asacocirco presentará no Anfiteatro ás 19.00 h. Lume, mentres que Redrum levará Idiota ao Auditorio ás 22.00 h. Nesta obra, dirixida por Álex Sampayo e protagonizada por Machi Salgado e Susana Sampedro, adáptase o texto de Jordi Casanovas, que se presenta como un xogo negro, divertido e cheo de suspense no que participa un home que se presenta voluntario a unhas probas psicolóxicas remuneradas. Para rematar o día, Pepo Suevos ofrecerá o seu monólogo Humor Salvaxe ás 00.00 na Casa da Cultura.

O venres 6 rematará o Fetega, que este ano rebautizouse para homenaxear o actor Celso Parada, con Sue Moreno 4.0 no Anfiteatro ás 19.00 h. e Enconarte Producións, que pechará a programación no Auditorio con Monstruación. Finalmente, Marián Bañobre, vogal da AAAG, conducirá a gala de entrega de Premios Dorotea Bárcena.

Ademais, a programación do Festival de Teatro Galego 'Celso Parada' inclúe obradoiros de formación, como o ofrecido a semana pasada por Nekane Fernández grazas á coorganización da AAAG e Fetega co patrocinio da Fundación AISGE, animación de rúa da man de Barafunda ou mesas redondas, como a que dirixirá Inma López Silva o venres 6 ás 12,.00 h, na Casa da Cultura con Belén Constenla, Iolanda Muíños, Fefa Noia, Bea Gallega, Silvia Penas, Vanesa Sotelo e Ánxeles Cuña.

Podes consultar a programación completa do Fetega na súa páxina web: www.fetega.gal