Volver

A AAAG esíxelle a Xunta que a marcha de Fefa Noia non sirva de escusa para sumir na parálise a actividade do CDG

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, asociación sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección de escena, esíxelle á Consellería de Cutura e Turismo que a marcha da Fefa Noia da dirección do Centro Dramática Galego (CDG) en ningún caso sirva de escusa para abandonar unha vez máis a institución pública de teatro na parálise, tal e como aconteceu entre a dimisión de Manuel Guede en 2015 e a incorporación de Fefa Noia en xaneiro de 2016. Nesa transición, o CDG non produciu ningunha montaxe. Pasaron así 18 meses de baleiro entre a estrea de Xardín Suspenso, a última montaxe da dirección de Manuel Guede en marzo de 2015, e a estrea de Tartufo, a primeira obra con Fefa Noia en setembro de 2016.

A AAAG agarda, por outra banda, que o Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), á hora de convocar o futuro procedemento público de selección para buscar a persoa que suceda a Noia no cargo, non se guíe unicamente por criterios de axilidade administrativa ou inmediatez, senón que ao tempo contemple tamén as condicións necesarias para que a vindeira dirección do Centro Dramático Galego poida levar a cabo a imprescindible refundación da institución de teatro público, deixando atrás a convulsa etapa de Fefa Noia. Unha etapa na a institución se viu sumida na polémica principalmente por uns procedementos de selección de elencos que, ademais de non axustarse á realidade laboral da interpretación nin á liberdade creativa precisa da dirección de escena, rexistraron un conxunto de presuntas irregularidades que, dende esta Asociación, denunciamos publicamente.

Nestas últimas temporadas, ademais, o Centro continuou cunha liña mínima na súa actividade, programando unicamente unha produción ao ano cun máximo de dez intérpretes en escena. A escasa produción propia e a baixa contratación afastan a realidade actual do CDG do seu pasado e do que debe ser un auténtico centro dramático. Por outra banda, as xiras de distribución sufriron unha considerable mingua na súa duración e tamaño. Todas estas características non responden ás necesidades do público nin as expectativas do sector e, moito menos, ás funcións da institución, cuxa desconexión cos profesionais e cos espectadores agudizouse nas últimas temporadas.

Por último, cómpre lembrar que tanto Noia coma a dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), entidade da que depende o CDG, careceron da vontade precisa para atender as demandas do sector e procurar así solucións de longo percorrido para a institución. Os chamamentos ao diálogo realizados nos últimos anos delatáronse como aparentes e pouco efectivos, tal e como quedou comprobado nunha mesa de negociación convocada pola propia Noia tras as reiteradas peticións desta Asociación. A intención da AAAG pasaba por empregar esta mesa para abordar a necesaria refundación do CDG, tratando a súa estrutura xurídica, a súa autonomía, a sua escasa contratación, a burocratización ou os evidentes atrancos para a exhibición. Non obstante, a administración atallou calquera intento de máximos e reduciuse o diálogo á buscar un parche para os polémicos procesos de selección de elencos.

Toda esta situación debe quedar atrás parar mirar o futuro. A Consellería de Cultura e Turismo debe abordar xa a necesaria reforma do Centro Dramático Galego co obxectivo de dotalo dos recursos, orzamentos e da estrutura xurídica necesaria para superar a burocatización, a escasa actividade e o seu esmorecemento xeral. Por último, a AAAG deséxalle a Fefa Noia o maior dos éxitos na nova etapa profesional e persoal que abrirá o vindeiro 1 de outubro, día no que xa non ocupará a dirección do CDG.

Na imaxe, cartel promocional ilustrado por Blanca Millán da temporada 2018/2019 do CDG.