Volver

A Academia Galega de Teatro presenta o I Congreso Internacional do Teatro Galego

A AAAG colabora na organización do Congreso, que se celebrará en Santiago entre o 25 e o 28 de marzo de 2020

A Academia Galega de Teatro (AGT) presentou esta mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) o I Congreso Internacional Teatro Galego, que se celebrará entre o 25 e o 28 de marzo de 2020 na Cidade da Cultura. “Será un congreso equilibrado entre o “académico e a trincheira, no que nos centraremos en temas básicos como a experiencia, o teatro e os públicos ou a creación e os seus procesos”, sinalou Imma António, presidenta da Academia Galega de Teatro, quen tamén agradeceu a “complicidade de asociacións e entidades que conforman o tecido teatral”. Nese senso, Imma António destacou a participación na comisión organizadora da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Escena Galega, Asociación de Xestores Culturais ou Unima. No apartado institucional, a presidenta da Academia destacou a a colaboración da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, a Deputación da Coruña ou o Concello de Santiago, que estiveron representadas na presentación polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra, e a secretaria do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra.

Imma António destacou que a presentación é “un motivo de celebración por dar a luz un proxecto no que se leva traballando máis dun ano” e cuxos obxectivos son crear “un punto de encontro, un espazo de todos os profesionais do teatro, con vocación de servizo e ambición”. “Ambición que se reflicte no subtítulo que acompaña o nome do Congreso, Co horizonte 2030 , e que busca xerar un plan estratéxico para a década e, por que non, quizais unha lei do teatro”, sinalou a presidenta da Academia, conformada actualmente por 35 membros. Imma António, ademais, sinalou que na páxina web do congreso (www.congresodoteatro.gal) se detalla toda a información.

Pola súa banda, Goretti Sanmartín sinalou que o congreso “aglutinará o coñecemento teatral” e servirá para “darlle saída a cuestións, reflexións ou reivindicacións” que levan presentes dende hai décadas no ámbito esénico. Anxo Lorenzo destacou que o 2020 será un ano cheo de celebracións e de coñecemento, xa que tamén terá lugar o congreos internacional da Cultura Galega. Finalmente, Dolores Vilavedra destacou o “compromiso do CCG coas artés escénicas”, sector esencial para “o desenvolvemento económico e a configuración colectiva”.