Volver

Un total de 32 espectáculos e máis de 300 profesionais inscríbense nos XXIII Premios de Teatro María Casares

A primeira rolda de votacións ábrese hoxe, martes 22 de xaneiro, a un censo de votantes conformado por máis de 450 profesionais do sector escénico. O proceso de votación rematará o 11 de febreiro e del sairán as candidaturas finalistas en cada unha das catorce categorías cos que contan os galardóns

Un total de 32 espectáculos e máis de 300 profesionais concorren aos XXIII Premios María Casares, galardóns de teatro organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende a súa creación en 1997. O proceso de inscrición, realizado integramente a través da web da AAAG, finalizou o pasado 7 de xaneiro As candidaturas divídense en catorce categorías: maquillaxe, vestiario, iluminación, escenografía, música orixinal, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección, espectáculo e espectáculo infantil. Para coñecer a listaxe completa de espectáculos que se inscribiron, preme na seguinte ligazón.

Tras esta primeira fase de inscrición, a AAAG inicia a primeira rolda de votacións, aberta xa a un censo formado por máis de 450 profesionais do sector das artes escénicas. Dese xeito, ademais do colectivo de membros da AAAG, poderán votar responsables da xestión e programación cultural, xornalistas, críticos e finalistas en edicións anteriores.

Esta primeira rolda de votacións rematará o luns 11 de febreiro. Das súas votacións, sairán os espectáculos e profesionais finalistas en cada unha das catorce categorías, que se darán a coñecer a mediados de febreiro na xa tradicional Festa de Finalistas dos María Casares. Os votantes poden acceder a través desta ligazón

OS PREMIOS

Os Premios María Casares son os galardóns de carácter anual que distinguen as producións teatrais de intérprete en galego estreadas durante o ano anterior á súa concesión e a calquera profesional que nelas participan. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) promove estes galardóns que, dende o ano 1997, buscan recoñecer o traballo realizado polos diferentes oficios do sector na súa totalidade, dende a maquillaxes até vestiario, pasando por iluminación, música, dramaturxia, tradución, escenógrafía, dirección e o corpo interpretativo.

Deste xeito, os María Casares convértense dende a súa creación no gran escaparate do teatro feito en Galicia e visibiliza o labor desenvolvido por todos os seus traballadores.

Con eses obxectivos, os galardóns constan de catorce categorías diferentes que representan todas as facetas da produción escénica. Ademais, a AAAG entrega cada ano o Premio de Honra Marisa Soto, co que o sector agradece e recoñece a traxectoria de colectivos e persoas relevantes no desenvolvemento do sector teatral. A gala deste 2019 celebrarase o xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

Espectáculos inscritos nos XXIII Premios de Teatro María Casares

Espectáculo

Compañía

1. #caminños

ButacaZero

2. A gata con Zocos

A Cova das Letras

3. A leituga

Eme2 Producións

4. A nena e o grilo máis aló

Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos

5. Aladino e a lámpada marabillosa

Teatro Avento Producións

6. Anatomía dunha serea

Iria Pinheiro

7. Arnoia, Arnoia. O Circo da Casa pequena

Pistacatro Produtora de Soños

8. Casa O’Rei

Ibuprofeno Teatro

9. Casquería

Xerpo Cultural

10. Celebración, a gran noite

Sarabela Teatro

11. Cinco minutos sen respirar

Ítaca Teatro

12. Cinco mulleres que comen tortilla

Señora Supina

13. Commedia

Contraproducións

14. Contos do recreo

Redrum Teatro

15. Da avaricia, a luxuria e a morte

Teatro do Noroeste

16. Divinas palabras revolution

Centro Dramático Galego

17. Dúas donas que bailan

Teatro do Atlántico

18. Estás aí?

Redrum Teatro

19. Garage

Voadora

20. Invisibles

Redrum Teatro

21. Loló e Mamá

De Ste Xeito

22. Nimiedades

Helen Bertels

23. Nómades

Xarope Tulú

24. O Paroleiro

Os contos do Pablísimo

25. O servidor de dous amos

Talía Teatro

26. Orquestra Malabares

Pistacatro Produtora de Soños

27. Os fabulosos Cleaners 2018

Malasombra Producións

28. PATAPATÚM

Elefante Elegante

29. Puño Puñete

Baobab Teatro

30. Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos

Matrioshka Teatro

31. Sofía e as Postsocráticas

Inversa Teatro

32. Somos Criminais

Undodez