Volver

A identidade e a nova dramaturxia protagonizan unha temporada do CDG cunha única produción propia e cinco coproducións

O Centro Dramático Galego (CDG) presentou hoxe a programación da temporada 2018-2019, que estará protagonizada por cinco coproducións con compañías privadas e por Neorretranca e Posmorriña, única produción propia coa que contará a unidade de teatro público neste ano. Deste xeito, o centro repetirá a tendencia á baixa -tanto na produción coma na contratación- dos últimos anos cun único espectáculo cun elenco de dez intérpretes que se escollerán por un novo procedemento de selección, sobre o cal esta Asociación xa se manifestou no mes de decembro. Durante a presentación, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, abriu amosando a súa “satisfacción polo traballo da directora do CDG, Fefa Noia”, que dende o seu punto de vista continúa con dous piares fundamentais da actividade da institución: “a colaboración coas compañías privadas” e “apoio á dramaturxia”.

Pola súa banda, Fefa Noia detallou a actividade do CDG desta temporada dende a produción propia ás coproducións, pasando polas residencias, o proxecto Dramaturxente ou a formación. Sobre Neorretranca e Posmorriña, Noia sinalou que o espectáculo englobará dúas pezas, unha escrita por Esther F. Carrodeguas (Fantasía nº5 en sol ou non) e Roi Vidal Ponte (Boisaca ou a divina desgraza). Ambos os dous textos xorden no marco de Dramaturxente e do proxecto de creación dramatúrxica dirixido o ano pasado por Manuel Lourenzo con doce autores e autoras. “Naquela iniciativa buscábase escribir pezas que deran resposta a unha pregunta: Que significa ser galega e galego hoxe en día”, sinalou Noia, antes de engadir que xurdiron doce textos magníficos sobre “a identidade”, dos cales se escolleron as obras de Carrodeguas e Vidal Ponte para levar a escena baixo a dirección de Gena Baamonde. Neorretranca e Posmorriña estrearase o vindeiro 12 de abril no Salón Teatro.

Coproducións

No apartado de coproducións, Noia destacou cinco proxectos para o longo do ano. O primeiro deles Doppelgänger, montaxe sobre a duplicidade interior e exterior escrita por Paula Carballeira e dirixida por Chiqui Pereira para Berrobambán xunto a compañía colombiana El Arca de N.O.E. Estrearase este mesmo xoves 24 de xaneiro no Salón Teatro. O 28 de febreiro chegará a segunda estrea de coprodución: A compañeira de piso, de Contraproducións. A peza, dirixida por Vanesa Sotelo a partir do texto de Jen Silverman, estará protagonizada por Rebeca Montero e Patricia Vázquez.

Xa en maio chegará Invisibles, coprodución do CDG, Redrum e a Concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra. A montaxe, xa estreada no pasado mes de novembro, leva a escena o libro homónimo de Montse Fajardo coa dirección de Marián Bañobre e a interpretación de Nieves Rodríguez, Sheyla Fariña e Mela Casal. Ese mesmo mes, o día 25, o coreógrafo Javier Martín presentará a coprodución Soma, unha “experimentación escénica e matérica que se concentra no estudo do corpo e do movemento como fragmento e rito”. E para pechar o apartado de coproducións, Limiar Teatro chegará en decembro con Se fosen turistas levarían gafas de sol, un espectáculo sobre as migracións e a memoria que conta co apoio do Teatro Nacional Dona María II de Lisboa e Comedias do Minho (Portugal), Festival de Teatro de Baía Blanca e Compañía Nacional de Fósforos (Arxentina), Centro Cultural Ignacio Espino (Uruguai), Universidade Okan de Istambul (Turquía) e Comitato 10 Febbraio (Italia)

Formación

A formación será outro dos campos que o CDG desenvolva nos vindeiros meses. Así, ofrecerá entre o 17 e o 21 de xuño o taller de adestramento físico O corpo como forma de expresión, impartido por Mikel Arístegui. Entre o 1 e o 5 de xullo, Rosa Moledo ofrecerá o curso As cancelas do falar. Taller de competencia lingüística, mentres que o autor Jordi Casanovas dará o taller de dramaturxia Ficción e documento entre o 8 e o 12 de xullo. Estes cursos contan con descontos na inscrición para o corpo asociativo da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).

Teatro Ob-Sceno, pola súa banda, continuará un ano máis coa súa actividade. Nesta ocasión, o ciclo -consistente en ofrecer pezas de pequeno formato fóra do escenario- contará con dúas obras: Váter, de Roberto Salgueiro, e Alicia morreu de sobredose, de Noelia Toledano. O Centro Dramático Galego tamén estreará neste 2019 unha nova páxina web, con diferentes novidades, como é o esforzo que relizará na difusión da dramaturxia a través da iniciativa Teatrhoxe, consistente na publicación cada trimestre dunha reflexión escénica ou pequena peza teatral sobre o tema de actualidade que cada autor ou autora escolla. Abrirá a sección María Armesto coa peza Madre salitre.