Volver

Os XXIII Premios de Teatro María Casares prescindirán das tradicionais xerras de Sargadelos

A AAAG, como entidade organizadora dos galardóns, toma esta determinación de cara á 23ª edición dos María Casares por mor das decisións empresarias do grupo e a actitude hostil da dirección fronte a acción sindical

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, como entidade organizadora dos Premios de Teatro María Casares, prescindirá das tradicionais xerras de Sargadelos como trofeo para as gañadoras e os gañadores das catorce categorías nas que se dividen os galardóns. A Xunta Directiva da AAAG, despois de informar a súa Asemblea, tomou esta difícil decisión tras 22 anos entregando as xerras do histórico grupo empresarial.

Os motivos residen na dirección que tomou o grupo Sargadelos nos últimos tempos que, aos nosos ollos, desvirtúa o histórico proxecto promovido dende a súa orixe por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane. Por outra banda, a actitude completamente hostil por parte do administrador único do grupo Sargadelos cara á acción sindical do seu cadro de persoal parécenos completamente censurable. A AAAG, como entidade sindical, só pode reprobar tal actitude e iniciar unha nova etapa dentro dos seus premios sen as xerras fabricadas por Sargadelos.

Dende a AAAG, queremos lembrar a gran implicación persoal de Díaz Pardo na creación dos María Casares, que celebraron xa a súa primeira edición en 1997 coa xerra reproducindo o rostro da actriz como trofeo. Ademais, non deixamos pasar esta ocasión para agradecer ao persoal de Sargadelos que, nestas dúas décadas, desenvolveu o seu traballo de modo impecable, con gran comprensión e máxima dilixencia.

A gala dos XXIII Premios de Teatro María Casares celebrarase o próximo 21 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e o prazo de inscrición de espectáculos está aberta na páxina web da AAAG até o vindeiro 7 de xaneiro. Durante a cerimonia, desvelaranse os gañadores e gañadoras das catorce categorías. O novo trofeo que recibirán darase a coñecer a comezos de 2019.