Volver

A AAAG lamenta o falecemento do actor, director e dramaturgo Gustavo Pernas Cora

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) lamenta o falecemento de Gustavo Pernas Cora, compañeiro polifacético que desenvolveu unha frutífera traxectoria nos campos da dirección, da interpretación e da escrita. “Referente do noso teatro, cunha ampla e recoñecida obra dramática, Gustavo Pernas ergueu palabras nos escenarios do país. Para o noso sector, é e sempre será exemplo de como ser pioneiro e de como abrir camiños tanto na escrita de textos teatrais coma na produción escénica. Lembrarémolo sempre como actor e dramaturgo. Nunca o esqueceremos como compañeiro”, sinala a Xunta Directiva da AAAG, quen lembra nestes momentos as palabras coas que o propio Pernas definiu o noso oficio no Manifesto Galego do Teatro que redactou e leu na Gala dos María Casares de 2009: “O teatro é compromiso, nunca un acto de partido. Xogamos coa mentira para alumear a verdade. Mirar cara a fóra, mergullar nos sumidoiros, petar nos muros de Gaza ou nos suburbios das nosas vilas. O teatro é un laboratorio de conflitos onde se ensaian vacinas contra a angustia de vivir. Dá a luz, dá vida. É o único espazo onde homes e mulleres paren e nacen outros do seu corpo.”

Gustavo Pernas Cora naceu en Viveiro en 1959. Estudou Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela e Arte Dramática en Madrid. Desenvolveu diversos traballos de investigación no campo do cine e do teatro. Ao longo da súa vida, exerceu a docencia na Escola de Imaxe e Son da Coruña e na Universidade da Coruña en materias vencelladas ao noso oficio, tanto na vertente audiovisual coma na teatral. A súa carreira profesional na escena principiou a mediados dos anos oitenta. En 1989, fundou xunto a Anxela G. Abalo Ancora Producións, compañía de teatro coa que levou a escena os seus propios textos e visitou en longas xiras os escenarios galegos.

A súa ampla obra dramática inclúe textos como O galego, a mulata e o negro, editada por Tris Tram, galardoada en 1991 co Premio Compostela ao Mellor Texto Dramático. Por aquela obra, levada a escena por Ancora, tamén foi finalista como Mellor Actor Protagonista. Cinco anos despois, en 1996, Pernas Cora levou o I Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal por Ladraremos.Con obras como Fábula -Comedia nun só acto... sexual.- (1997), Anatomía dun hipocondríaco ou Snakizados (2012), ficou finalista do Premio Maria Casares na mesma categoría.

No ano 2001, Gustavo Pernas gañou co texto Footing o Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña, certame que gañaría tamén en 2005 co texto Final de película. Como dramaturgo, escribiu un gran número de pezas, entre as que se poden destacar Paso de cebra, Medidas Preventivas, Taras Mínimas, Colgados, Pisados ou Isóbaras, título polo que acadou o Premio Álvaro Cunqueiro no 2012. Entre outras distincións, Gustavo Pernas acadou o Premio AELG de Teatro no 2007 por Medidas preventivas ou o Premio Max das Artes Escénicas no 2006 por Paso de cebra, galardón que repetiría ex un ano despois con Final de Película.