Volver

Manifesto das mulleres públicas

A SEGA, plataforma de crítica literaria feminista, envíannos a súa visión tras analizar a sentenza de desestimación no caso de Iria Pinheiro. Baixo a forma de manifesto, analizan os concetos da linguaxe patriarcal en referencia a mulleres públicas vs. homes públicos.

MANIFESTO DAS MULLERES PÚBLICAS

A Sega en apoio a Iria Pinheiro

Velaquí estamos as mulleres públicas. As que traballamos co noso corpo. As que nos expoñemos. As que nunca coñeceremos a xustiza porque a culpa é eternamente nosa. As que debemos aceptar caladas calquera man sobre o noso corpo porque caladiñas estamos máis guapas e esa é a nosa función. As que podemos ocupar certos espazos sempre e cando respondamos ás expectativas patriarcais. Sempre e cando sexamos só corpos desexables e dispoñibles.

A linguaxe patriarcal é certeira: mulleres públicas vs homes públicos. Deles o espazo digno. Na man deles sempre o poder, a escusa, o acubillo dos seus iguais. Perpetuándose uns aos outros nos espazos de relevancia. Botándonos deles cos seus comentarios noxentos, “bromas”, mans que buscan escusas para tocarnos os peitos, o cu e aínda por riba dicirnos que non sorrimos. Deles a capacidade para castigar deixando sen traballo cando non se aceptan os avances. Deles toda a presión da sociedade sobre a nosa carne.

A nosa carne de putas, de cabareteiras, de participantes en faladoiros, de políticas, de modelos, de actrices, de escritoras. Das que nos expoñemos negándonos a ser decorativas. Das que reclamamos para nós o espazo propio, o berro da ira, a ruptura das fronteiras (o público e o privado, o oculto e o visible) que a eles tanto lles conveñen.

Nós, as que non calamos e somos sometidas nos xulgados ás máis burdas farsas. Esas nas que os participantes con poder finxen ignorar -mais saben, porque son cómplices- que a natureza do acoso fai que este aconteza no privado, que finxen ignorar que hai testemuñas con relacións laborais co acosador, que deciden deixar fóra os testemuños de quen apoiou o da vítima. Se algo está claro, fronte toda a morralla patriarcal que nos venden a través precisamente do cinema, do teatro e da literatura, dos medios, sobre como as mulleres somos unhas lurpias mentireiras que como non temos abondo que facer con dobres e triplas xornadas laborais nos dedicamos a “desfacerlles a vida a homes de ben”, é que eles nunca pagan.

Pero as mulleres públicas imos facer que paguen. Levantando a voz e poñéndonos do lado de mulleres como Iria Pinheiro. Das que fronte a todo fican en pé. Das que nos teñen para termar delas cando a aldraxe supera o soportable. Das que non están soas, porque as mulleres públicas, se por algo nos caracterizamos, é por arremuiñarnos e protexernos entre nós. Ante o asoballamento da vía legal temos outras abertas. A primeira, deixar de consumir produtos financiados, producidos, dirixidos e escritos por acosadores. Por desgraza, moito que desbotar. Mais tamén moito novo que acoller, apoiando a quen carga coas consecuencias laborais reais de todo isto. Asistindo a cada unha das representacións, dos novos proxectos que Iria Pinheiro e outras mulleres públicas queiran lanzar.

Porque as mulleres públicas estamos aquí para conquistar, xuntas, o espazo que é noso. Un espazo que outros fan un campo de batalla e no que está na man de todas que deixe de selo. Porque o único que as mulleres públicas queremos é crear, falar e transformar a sociedade. E por todo iso somos tan perigosas. E tan imparables.