Volver

O cristal con que se mira

Llerena Perozo, feminista, editora e formadora en comunicanción e xénero, analiza a setenza de Iria Pinheiro e achega a súa lectura en clave de xénero

Domingo pola tarde. Teño diante a Sentenza nº 00435/2018 do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, na que se desestima a demanda por acoso sexual e laboral que unha actriz galega, que sei que é Iria Pinheiro, interpuxo contra o director e a empresa produtora dun programa, realizado para a TVG, no que traballou en 2017.

Non hai por onde collela.

Téñoa (iso si, con todos os nomes, de persoas e empresas, convenientemente tachados), porque desde a AAAG me pediron a miña opinión. E enviáronme esta copia sen nomes propios. Pedíronme, en concreto, unha lectura, análise e/ou reflexión en clave de xénero.

Son catorce folios, que imprimín para poder ler e anotar. Grampeinos axiña, porque os tribunais non teñen o bo hábito de numerar as páxinas (nin de acentuar as palabras, escribir en galego, revisar a puntuación, usar linguaxe inclusiva ou corrixir a ortografía). Debería ser manexable. Mais non. Tras cinco lecturas, non hai notas. Apenas algún subliñado. Porque, na miña opinión, non hai por onde collela.

A parte mellor razoada deste documento é na que se xustifica a non prescrición dos feitos denunciados, que ocupa dous folios completos. Aburrida, pero ben razoada.

Levo varios días matinando. Pensei moito. Pensei, sobre todo, en porqué non atopaba por onde collela. Quixen poder ver o xuízo, pero non é posible ata onde sei. Lin a versión da demandante, publicada na prensa. Busquei algunha declaración das persoas demandadas e das súas amizades, nas redes. Procurei o programa na páxina web da TVG. E por fin comprendín. Estou, estamos, ante un problema de códigos. Eu falo un idioma e a sentenza, outro.

A miña primeira conclusión é que nin a xuíza, nin a fiscalía, nin as persoas responsables da produtora, nin o equipo de guionistas, nin as compañeiras e compañeiros da actriz que testificaron e que se recollen na sentenza, falan o mesmo idioma ca Iria e ca min. Non poden ver o machismo, non poden comprender que a ela lle resulten humillantes e degradantes comentarios e actitudes que consideran normais e mesmo - estou segura - afagos en moitos casos: son bromas, son agarimos, son coqueteos, son louvanzas, son detalles sen importancia... Non ven a relación de poder entre director - home e actriz - muller. Non ven o abuso de poder, a chantaxe, a indefensión, a ansiedade, a angustia.

Non ven como funciona o sistema patriarcal, porque é a única realidade que coñecen e consideran normais todas esas cousas, que nós sabemos que son violencia contra as mulleres. O construto social que é a nosa cultura, como todas as culturas, arbitrario por definición, é machista. É o patriarcado. Se o cuestionamos, descubriremos que temos que dar a volta a toda a nosa realidade, e iso é complexo, incómodo e, sobre todo, difícil de ver.

Por sorte ou por desgraza, estou familiarizada co sistema xudicial a nivel usuaria. Vinme nos tribunais como demandante, como testemuña, como acompañante no público e ata como demandada. Vaia por diante que tiven a sorte de saír vitoriosa ou airosa todas as veces. Porén, sei como vai. E sei que, aínda tendo razón como a tiña, tiven sorte. Porque sei que non se asemella para nada ás películas e series ianquis nas que sempre prevalece a xustiza moral. Sei que no xuízo oral non se pode falar máis que do que che preguntan, que non che preguntan o que queres contar, que non podes opinar. Que hai asuntos vitais que nin se presentan a debate. Mesmo sei que hai persoas no tribunal que nin sequera te escoitan se a priori non lles gusta o que cren que vas dicir, ou se non lles gustas ti. Sei o que é atoparte durante dúas horas nun corredor, agardando a un metro escaso da persoa á que denunciaches, que te ameaza física e verbalmente, sen que ninguén actúe. E, sobre todo, sei que as sentenzas non reflicten apenas un dez por cento do dito nos xuízos.

Por sorte, son feminista e levo moitos anos traballando a fondo no tema das mulleres e a comunicación, na teoría e na práctica. Por iso podo identificar o que coido é unha cuestión de base neste e noutros moitos xuízos e sentenzas por acoso, violencia de xénero, violación, etc.: o código. Dito doutro xeito, os ollos e ouvidos cos que se ve a realidade. O cristal con que se mira, que dixo Campoamor. A cultura machista.

Por desgraza, teño moi claro que o sistema xudicial non é en absoluto sinónimo de xustiza. Desde os tempos de anti-mili coñezo a evidencia de que o sistema xudicial non é máis ca iso: un sistema. Un sistema social creado para manter a convivencia cidadá, claro que si, e un sistema moi importante. Mais tamén é un sistema que, desde este presuposto, só procura manter o statu quo, e que só actúa conforme ao que ditan as leis, sen mirar máis alá. Sexan xustas ou inxustas. Non esquezamos que ata hai menos de cincuenta anos, o adulterio era un delito e o divorcio, unha utopía; que existía a pena de morte, que estaba prohibido que as mulleres estudasen na universidade ou exercesen a xudicatura, sen ir máis lonxe. Non esquezamos quen fixo e aplicou as leis ata hai ben pouco.

Porén, e aínda así, as leis están suxeitas á interpretación dos tribunais. E nesa interpretación, tamén interveñen os códigos. Especialmente, en cuestións de xénero.

Na páxina número once a xuíza di que “os guionistas”, un home e unha muller, manifestaron que os guións non eran machistas, nin humillantes, nin vexatorios. Algo máis adiante, conta que nunha lectura de guión a demandante protestou polo machismo dun texto, pero que ante a súa queixa se pediu opinión ao resto de persoas presentes e concluíron que “non era machista e que se trataba dun chiste ou dunha broma”. Asume eses xuízos das testemuñas como certos e de valor, e consígnao así na sentenza. Por que? Porque, obviamente, concorda. Porque o seu código é o mesmo que o desas persoas.

Ao longo da sentenza, repítese que as compañeiras de Iria non se sentiron acosadas. Claro. Porque un acosador acosa a canta muller teña ás súas ordes. Iso di a crenza popular. Di tamén que a ninguén lle pareceu que existise “algunha forma de tocamento ou achegamento de contido sexual por parte do director á demandante”. Insístese en que o equipo ten ao director por “unha persoa cariñosa, afectuosa, que saudaba con dous bicos, dando unha aperta”, e que abondou con que unha das traballadoras lle indicase que non se sentía cómoda coa súa actitude cariñosa e afectuosa, e lle pedise ao director que non o fixese, para que este “o entendese”.

Nas dúas últimas páxinas, a xuíza afirma que é innegable que a actriz estaba incómoda co programa, cos seus personaxes, co seu vestiario e co guión. Fala dun Late-Night que pretendía ser “un programa de humor, de parodia, con tono jocoso y hasta pícaro” con guións confeccionados en “tono cómico, irónico, de parodia y a veces hasta sexual”. Todo isto dio a mesma xuíza que unhas páxinas antes afirma que non se achegaron os guións como proba. A mesma que afirma que estes guións respondían “quizás al formato de programa (...) y a lo que demandaban los espectadores del mismo, que al fin y al cabo, son los que marcan la pauta de los productos que finalmente se ofrecen por televisión”.

Ahá. Acabáramos: a economía de mercado para xustificar e absolver o machismo. Porque a xuíza non pensou, nunca, estou segura, na relación entre o patriarcado e o capitalismo. Tampouco ten esa clave do código.

O que non explica a sentenza é por que a demandante, e este é un feito que declara probado, lle dixo ao director que quitase “tus sucias manos de mi rodilla”. Por que se sentiu tan acosada e abusada que renunciou a traballar na segunda tempada cando llo ofreceron. Por que considera a xuíza que o Protocolo de acoso laboral, sexual e/ou por razón de sexo da produtora, que se activou cando a actriz demandante comunicou os feitos á empresa, é “palabra de Deus”. Un protocolo que se arquivou porque o resto de traballadoras dixeron non sentirse acosadas polo director.

Tampouco explica a sentenza por que unha muller se viu tan maltratada que decidiu denunciar o que lle fixeran, aínda sabendo o calvario no que “se metía”. Eu teño a resposta: porque o foi. Porque todas somos, de cote, vítimas de acoso. Pero a meirande parte non o identifica. Séntese mal, incómoda, vai ao médico e recéitanlle ansiolíticos, as súas amizades -con sorte- suxírenlles que cambien de traballo, de parella, sabe que lle incomoda a actitude do director e achácao á súa propia personalidade...

Nesa sala número 3 (para empezar, “do social”, cando o acoso sexual debería ser tratado como parte da violencia de xénero), ninguén miraba polo mesmo cristal que a vítima, véxase a actriz Iria Pinheiro. Ninguén tiña a mínima formación en xénero. Ninguén tiña os códigos para empatizar coa demandante e comprender a súa denuncia. E a de tantas. Por iso ninguén a creu e si a aquelas persoas que actuaban e pensaban desde claves e códigos que lles resultan recoñecibles. Por iso os “feitos probados” da sentenza son os que son.

É preciso e urxente que o sistema xudicial e o poder lexislativo, dous alicerces do teórico sistema democrático, se actualicen en cuestión de xénero e violencia contra as mulleres. Mentres isto non aconteza, non viviremos en democracia. Logo moitas persoas non acataremos o seu poder, non asimilaremos sistema xudicial con xustiza. Submisas nos queren, insubmisas nos terán.

Santiago de Compostela, domingo 21 de outubro de 2018.

Llerena Perozo Porteiro

Feminista, editora e formadora en comunicación e xénero.