Volver

A AAAG reafirma o seu pleno apoio a Iria Pinheiro

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia achega cumpridas explicacións ao respecto do comunicado lanzado o mércores 3 de outubro en referencia á desestimación da denuncia por acoso sexual e laboral presentada por Iria Pinheiro no pasado mes de marzo. Un comunicado desafortunado e escaso que procuramos corrixir con esta nova publicación na que aclaramos por que se tomou, como se tomou e dende onde se tomou a decisión de envialo, así como emendar calquera erro ou omisión.

Como é sabido, o pasado 9 de marzo publicouse en Sermos Galiza que a nosa compañeira Iria Pinheiro presentara esta denuncia. Ese mesmo día, enviamos un comunicado no que, por unha banda, clarexábase, polas alusións publicadas no citado medio, o proceder desta asociación e, pola outra, manifestábase o noso pleno apoio e solidariedade con Iria Pinheiro. Un apoio e unha solidariedade que expresamos entón, que segue vixente hoxe e que nunca retiramos nin quixemos retirar, nin implícita nin explicitamente. Xamais foi esa a nosa intención, malia que así se entendeu. Por iso, hoxe reafirmamos claramente e sen ningún xénero de dúbidas o apoio da AAAG a Iria Pinheiro.

O día 28 de setembro saltou aos medios a noticia sobre a desestimación da denuncia. Dende ese momento, esta Xunta Directiva comezou a debater ao respecto e o luns 1 de outubro mantivemos unha reunión na que se comezou a debullar unha decisión: a de informar, mais sen retirarlle o apoio á nosa asociada e compañeira. Ese mesmo día, ás 16.05 horas, esta e outras asociacións do sector recibiron por escrito unha comunicación da produtora (axuntando como parte implicada no procedemento xudicial o texto íntegro da sentenza de desestimación) cun ultimato para que rectificásemos o comunicado de marzo, ou cando menos, difundísemos a decisión xudicial nun prazo de máximo 48 horas.

Tras recibir a declaración de intencións da produtora, esta Xunta Directiva, continuou coa reflexión, a discusión e o debate iniciado previamente e no que sempre tivemos claras as seguintes cuestións:

1. As decisións da Xunta Directiva han tomarse illándose de presións e ameazas externas.

2. Non podíamos retractarnos nin retirar o apoio a unha asociada nunha situación coma esta.

3. Debiamos informar o corpo asociativo dos pasos dados e dos acontecementos, xa que comprendemos que entra dentro das nosas funcións.

Logo dun longo debate no que tamén se analizou a sentenza (remitida pola produtora), realizamos unha votación na que a maioría da Xunta Directiva optou pola decisión coñecida: a publicación e remisión da noticia, tanto na nosa páxina web coma por correo electrónico, do xeito máis aséptico posible e cunha pretensión só informativa da evolución do caso, sen que iso significase en ningún caso retirar o apoio a Iria Pinheiro nin ceder ás presións exteriores.

Tras todo o exposto, chegamos á emenda e manifestamos o seguinte:

1. A AAAG nunca retirou o apoio a Iria Pinheiro, o cal mantén e reiteramos hoxe nos mesmos termos manifestados o 9 de marzo.

2. A AAAG ten como obriga o amparo do seu corpo asociativo, máxime en situacións como a que nos ocupa.

3. A AAAG non discute nin nega, nin está en posición de facelo, se a sentenza se acolle a dereito, mais si consideramos que o seu texto íntegro pode e debe someterse ao escrutinio do pensamento crítico e do cuestionamento cívico nun contexto social no que moitas sentenzas nos enchen de estupor e indignación en campos esenciais como a liberdade de expresión, os dereitos de pensamento e –como é o caso- do cuestionamento do patriarcado, das súas dinámicas e dos seus privilexios.

4. A a AAAG emenda a asepsia no seu comunicado da semana pasada e transmite, como conclusión final, unha certeza: o comunicado de hoxe, e non outro, debeu ser o lanzado tras a decisión xudicial de desestimación.

Por último, informamos de que a AAAG, no convencemento de que existe a necesidade de analizar dende ese pensamento crítico e ese cuestionamento cívico o texto da sentenza, iniciamos contactos con diferentes personalidades e plataformas que pola súa traxectoria e o seu coñecemento, atópanse en clara disposición para desenvolver algo que xulgamos imprescindible: unha lectura en clave de xénero da sentenza para difundir as súas conclusións e fomentar un debate amplo e necesario nas próximas semanas.