Volver

O XI Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) celébrase dende este xoves até o vindeiro domingo 14 de outubro cun total de quince espectáculos

O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), organizado por Sarabela Teatro, celebrarase do 4 ao 14 de outubro cunha quincena de montaxes de cinco países, así como o IV Encontro Mulleres Creando e o curso O xogo, motor da creación. O encontro mantén un forte compromiso co teatro feito en Galicia

O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), organizado por Sarabela Teatro, celebrarase do 4 ao 14 de outubro cunha quincena de montaxes de cinco países, así como o IV Encontro Mulleres Creando e o curso O xogo, motor da creación. O encontro mantén un forte compromiso co teatro feito en Galicia, coas actuacións da compañía de circo IO, de A Panadaría en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), de Trécola e de Matarile Teatro, que estrea no FITO Os limóns, a neve e todo o demais. As súas propostas comparten carteleira coas de compañías de Portugal (Projecto Ez), Arxentina (Suttotos), Israel (Davai) e Chile (La Mona Ilustre), así como doutras comunidades autónomas: Madrid (Produción Off, Teatro en Vilo e Clara Sanchís), Andalucía (T.A. Plancha) e Cataluña (Moma Teatre).

Os integrantes de Suttotos Gadiel Szrtryk e Andrés Camiños serán, ademais, os encargados de impartir o día 7 o curso O xogo, motor da creación, deseñado para que calquera persoa interesada no teatro poida descubrir dun xeito lúdico a súa propia poética e as súas capacidades creativas.

O programa desta undécima edición complétase coas actividades do IV Encontro Mulleres Creando, dedicado a analizar o papel feminino no teatro, a cultura e a sociedade. No marco desta iniciativa, que se desenvolverá do 12 ao 14 de outubro, achegaráselle ao público unha reflexión sobre xénero e cultura en diferentes ámbitos a través da ollada dunha trintena de mulleres que participarán na súas seis mesas redondas. O colectivo A Caixa de Pandora e a artista galega Ana de Matos ofrecerán, ademais, cadansúa performance, mentres Dúas Gamberras e un Micro porán en escena o espectáculo A revolución das mulleres floreiro.

PODEDES CONSULTAR O PROGRAMA COMPLETO NA PÁXINA WEB DO FESTIVAL