Volver

Presentación do Manifesto "O Cinema heroico galego" da Mesa pola Normalización Lingüística

Na presentación, que tivo lugar na véspera deste 25 de xullo, asistiron Nieves Rodríguez e Mabel Rivera, en representación da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG)

A Mesa Pola Normalización Lingüística presentou en Santiago, na véspera do 25 de xullo, o manifesto O cinema heroico galego, texto para reivindicar unha produción audiovisual na nosa lingua e esixir un necesario apoio por parte tanto das institucións coma do conxunto da sociedade. Na presentación, conducida por Marcos Maceira, presidente da Mesa; Ignacio Vilar, director e autor do manifesto; Uxía Caride, en representación de Agapi (Asociación Galega de Produtoras Independentes), Anxos Fazáns, directora, e Nieves Rodríguez e Mabel Rivera, presidenta e vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Na súa intervención, Vilar explicou que toda cultura “precisa da gran pantalla para estar no mundo” ao tempo que lembrou que non só o sector ou a administración teñen responsabilidade nesta materia, senón que “cada un de nós é responsable” para acadar un audiovisual visible e visibilizador. Ademais, o director d'A esmorga quixo citar a Chano Piñeiro, director de Sempre Xonxa, quen defendía que “facer cinema en Galicia é posible, facelo en galego é necesario”.

Nieves Rodríguez, pola súa banda, subliñou a importancia da nosa lingua “na profesión dos actores e actrices” e insistiu en que “o noso idioma une, non nos arreda”. “O cinema quere galego e o galego quere cinema”, resumiu a presidenta da AAAG na súa intervención, na que manifestou “o compromiso da AAAG coas iniciativas de fomento do idioma no audiovisual” e o importante papel que xoga os intérpretes na normalización. Mabel Rivera engadiu nesa mesma liña que os actores e actrices son “axentes normalizadores da lingua, portadores do idioma” e reivindicou o traballo e compromiso do sector teatral co galego xa en tempos das primeiras Mostras de Teatro de Ribadavia, cando “aínda nin normativa había”. Uxía Caride, en representación de Agapi, resumiua súa achega trasladando a idea de que o desenvolvemento completo do cinema galego “debe ser normal e deixar de ser heroico”. Finalmente, a realizadora Anxos Fazáns, reflexionou sobre “as dificultades para producir fitas en galego, pero sobre todo para a súa distribución”.

Marcos Maceiras concluíu a presentación anunciando que o Manifesto conta “co apoio de entidades como a Academia Galega do Audiovisual” e creadores e creadoras do sector cultural como “Marilar Aleixandre, Margarita Ledo, Alfonso Zarauza, Quico Cadaval, Xurxo Lobato ou Manuel Rivas”. O manifesto xa se pode consultar na rede, a través da web www.manifestocinemagalego.gal, e está aberto a novas adhesións.