Volver

Cariño celebra corenta anos de Mostra entre o 11 e o 17 de agosto con dez compañías galegas

Redrum Teatro, Baobab Teatro, Chévere ou Mofa e Befa levan os seus espectáculos a Mostra de Teatro Galego de Cariño que, neste 2018, acada a súa cuadraxésima edición

A Mostra de Teatro Galego de Cariño celebrará entre o 11 e o 17 de agosto a súa cuadraxésima edición cunha programación especial, que inclúe unha vintena de citas escénicas e a participación de dez compañías galegas Polo encontro, organizada polo Concello de Cariño, pasarán formacións como Mofa e Befa, Trompicallo, Redrum Teatro ou Chévere. Ademais, nesta edición, dúas compañías portuguesas (Partículas Elementares e Godot), unha de Castela e León (Circk About It), unha vasca (Shakti Olaizola) e unha belga (Okidok) formarán parte dun amplo programa que incluíra dous concertos (Ukestra do Medio e María Fumaça).

A actividade da Mostra principiará o sábado 11 de agosto cunha marcada presenza do mundo circense. Así, ás 12.30 horas, na Porta da Pulida, Natalia Outeiro 'Pajarito' presentará A vida tola, mentres que Cirk About It fará o propio na Praza Roxa ás 20.30 horas co seu espectáculo O apartamento. Xa o domingo, as actuacións a pé de rúa e gratuítas continuarán da man de Culturactiva, que ás 12.00 horas na Praza da Ribeira, dará a coñecer o seu Saaabor!, espectáculo dirixido por Avelino González con Fran Rei e Félix Rodríguez como intérpretes. Ás 13.15 terá lugar no Parque do Concello Campín a primeira sesión musical desta Mostra co concerto de Ukestra do Medio. A actividade do domingo finaliza ás 20.30 horas na Praza do Mercado coa actuación de Shakti Olaizola e o seu Baldín Bada.

LUNS: 'Commedia'

O luns 13 de agosto, o protagonismo recaerá nun dos pratos fortes desta Mostra. Ese día, ás 22.15 h., o Auditorio Municipal acollerá a función de Commedia. Un xoguete para Goldoni, montaxe dirixida por Cándido Pazó que regresa 25 anos despois do éxito da súa estrea. Sobre o escenario, reúnense Nuria Sanz, Marcos Orsi, César Goldi, Avelino González, Víctor Mosqueira e Sergio Zearreta. Pola mañá, ás 12.00 horas, os portugueses Partículas Elementares presentarán O Ninho, o seu espectáculo de monicreques para o público familiar.

MARTES: 'Elisa e Marcela',

Baobab Teatro e A Panadaría repartiranse a programación do martes. Deste xeito, a primeira presentará ás 12.00 diante do público da Mostra a súa peza para todos os públicos Pum, Pum!, protagonizada por Davide González e Andrea Bayer. Pola noite, A Panadaría chegará ás 22.15 ao Auditorio con Elisa e Marcela, un dos grandes éxitos da temporada. Neste espectáculo, interpretado por Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro baixo a dirección de Gena Baamonde, dáse a coñecer dende o humor a historia das dúas mulleres que se converteron en pioneiras e referentes de orgullo ao casar en 1901.

MÉRCORES: Mofa e Befa

O mércores, Trompicallo será a compañía encargada de presentar a función para público familiar ás 12.00 horas coa súa peza Planeta Ardora. Xa pola tarde, o teatro de rúa regresará á Praza Roxa cos portugueses de Godot, que darán a coñecer o seu Lullaby, espectáculo de clown premiado na Feira de Teatro Castela León-Ciudad Rodrigo de 2017. Ás 22.15, o teatro regresará ao Auditorio Municipal con Mofa e Befa e a súa obra Cranios Privilexiados... Ou crítica da razón perralleira. A montaxe conta coa interpretación de Víctor Mosqueira e Josito Porto, quen toma o relevo de Evaristo Calvo nesta peza dirixida por Carlos Santiago.

XOVES: Redrum Teatro

O xoves 16, Redrum Teatro levará ao Auditorio ás 22.15 A canción do elefante, un thriller psicolóxico escrito por Nicolas Billon e dirixido por Álex Sampayo. A obra reúne en escena a Guillermo Carbajo, Machi Salgado e Patricia Vázquez. Un par de horas antes, ás 20.00 h., o Local Social acollerá a Lectura-Concerto de Lear, obra premiada co Premi Born de Teatre en 2016 de Francesc Meseguer. A obra traducida ao galego incluíuse no número 92 da 'erregueté'. A cabeceira organiza en colaboración coa Mostra a lectura dramatizada deste texto da man de Davide González e Vanesa Sotelo. A función para o público familiar das 12.00 horas recaerá en Ghazafelhos, que representarán Lúa.

VENRES: Chévere e 'Río Bravo'

A xornada de clausura da corenta edición da Mostra de Teatro Galego de Cariño terá como prato forte o regreso de Chévere e a súa mítica montaxe Río Bravo. A compañía recupera unha vez máis o seu histórico espectáculo nunha función especial protagonizada por Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Xron, Manuel Cortés, Marco Ptt, Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez e Manuel Cebrián. Para completar a xornada de despedida, María Fumaça ofrecerá o seu concerto Aire no Auditorio Municipal ás 12.00 horas e a compañía belga Okidok ofrecerá Slips Exprience ás 20.00 horas na Praza do Mercado.