Volver

Ribadavia ofrecerá 21 representacións nunha 34ª edición que inaugurará o regreso de 'Commedia. Un xoguete para Goldoni'

O vindeiro sábado 14 de xullo comezará a 34ª Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT Ribadavia) e a unha semana vista, repasamos a programación desta edición na que a AAAG colabora coa organización do curso de formación impartido por Laila Ripoll.

A comedia musical, as linguaxes híbridas da escena actual e a diversidade son as liñas mestras que conforman a programación da 34ª Mostra de Teatro Internacional de Ribadavia (MIT Ribadavia), que entre o vindeiro sábado 14 e o 21 de xullo ofrecerá un total de 21 representacións cun notable reforzo de actuacións de rúa. A xornada inaugural estará protagonizada por Commmedia, un xoguete para Goldoni, dirixida por Cándido Pazó e coproducida por Contraproducións e a propia MIT. A montaxe -que reúne en escena a Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Avelino González, Nuria Sánz, César Goldi e Sergio Zearreta- é unha recuperación da lembrada obra estreada en 1993 durante o encontro de Ribadavia e que acabou por ser un éxito con máis de 200 funcións en xira por España, Portugal e Francia. Hoxe, 25 anos despois, repetindo no posible o mesmo equipo creativo, revisítase aquela experiencia. Esta estrea absoluta terá lugar ás 23.00 horas no Auditorio Rubén García do Castelo e será o prato forte da primeira xornada, que inclúe tamén o concerto de apertura ás 21.00 horas de De Vacas no Patio do Xulgado de Ribadavia, na Praza Maior, e a entrega do Premio de Honra Vidal Bolaño. Precisamente, o galardón nesta edición recoñece a traxectoria dos escenógrafos Suso Montero e Carlos Alonso, que forman parte do equipo de Commedia.

DOMINGO 15

O domingo 15, o peso da programación recaerá en La Giola, montaxe do prestixioso creador italiano Pippo Delbono. Non é a primeira vez que Delbono visita Ribadavia, xa recalou no Auditorio do Castelo co lembrado Raconti di giugno. Nesta ocasión, chega o domingo ás 23.00 horas con La Giola (estrea en España), produción que recrea un espectáculo visual e conceptual a partir da idea da felicidade. O domingo, ademais, terá lugar a presentación do libro Confío-te o meu corpo. A dramaturgia pos-dramática, de Alfonso Becerra de Becerreá, e o obradoiro impartido pola creadora uruguaia Marianella Morena.

LUNS 16

Pecisamente, Morena protagonizará a gran actuación do luns 16 de xullo ás 23.00 horas: Ella sobre ella. Trátase dun traballo escénico realizado a partir da personaxe histórica Carlota Ferreira (1838-1912), en diálogo co hoxe, co agora, establecendo unha ponte coa historia, a arte, as mulleres, as regras ou o erotismo que pautan unha época. Esta peza transita por diferentes técnicas contemporáneas que van desde a escena teatral á musica, pasando pola perfomance ou as artes visuais. A programación do luns inclúe, ademais, a versión do conto O gato con botas, que presenta a compañía A cova das letras, de Cristina Collazo, que na función durante a MIT contará co acompañamento en directo da Banda La Lira de Ribadavia.

Ademais, o luns pola mañá terá lugar na Casa da Cultura Manuel María a primeira sesión do obradoiro 'Imaxes e actuación: Traballo co imaxinario', impartido por Laila Ripoll e coorganizado pola MIT Ribadavia e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, coa inestimable colaboración da Fundación AISGE. O curso -cuxo prazo de inscrición xa está pechado e as prazas, cubertas- está destinado a profesionais da escena e estenderase até o venres 20.

MARTES 17

Xa o martes, Ripoll continuará co curso de formación pola mañá e presentará o novo espectáculo de Micomicón Teatro que, baixo a súa dirección, leva por título Donde el bosque se espesa. Trátase dunha proposta escénica enmarcada no proxecto europeo Horizon 2020 e UNREST para a memoria e a cohesión social transnacional europea. Na montaxe, Ripoll preséntanos a Antonia e Isabel, quen reciben o día da morte da súa nai unha caixa pechada que a defunta gardara durante anos e cuxa existencia descoñecían, como tamén ignoraban as verdadeiras orixes dos seus avós e bisavós. A función será ás 23.00 horas no Auditorio Rubén García do Auditorio.

MÉRCORES 18

No ecuador da MIT, ao Auditorio do Castelo ás 23.00 horas chegará o teatro mexicano da man de Los Colochos, formación creada en 2010 que chega a Ribadavia con Mendoza, unha proposta musical e festiva. Corren os tempos da revolución mexicana e neste contexto, o xeneral José Mendoza recibe os tentadores vaticinios dunha vella bruxa. O espectáculo está a contar cunha gran proxección internacional e acadou o Premio AlmagroOFF 2014. Ese mesmo día, ás 21.30 horas, Roi Vidal presentará o libro Poesía, co que levou o Premio Abrente 2017, e os portugueses Projeto Ez farán o propio con Ez sub na Praza Maior dentro do programa de Ruadavia.

XOVES 19

O xoves celebrarase un dos coloquios de maior interese da mostra, ao reunir nun debate titulado A situación da creación escenográfica en Galicia a Baltasar Patiño, Carlos Alonso, Suso Montero, Montse Piñeiro, Laura Iturralde, Diego Valeiras e a José M. Faro 'Coti'. O encontro será ás 21.00 horas e, dúas horas despois, no Auditorio Rubén García actuará Euroscena coa súa montaxe Tebas Land, texto do franco-uruguaio de Sergio Blanco interpretado por Natalia Menéndez, antiga directora do Festival de Almagro.

VENRES 20

Ás 12.00 horas do venres coñecerase a resolución do XIII Premio Abrente e ás 21.00 horas, José Luis Raymond, presidente da Asociación de Artistas Plásticos Escénicos de España e comisario da mostra Spain on Stage, ofrecerá a conferencia A escenografía en España hoxe. A xornada finalizará coa representación no Auditorio Rubén García de Ragazzo, da compañía catalá Teatro Tot Terreny. A súa proposta escénica, asinada por Lali Álvarez, parte do asasinato de Carlo Giuliani no cumio do G-8 en Xénova do ano 2008.

SÁBADO 21

O peso da programación do sábado recaerá na compañía A Panadaría, que representará o seu galardoado espectáculo Elisa e Marcela no Auditorio Rubén García ás 23.00 horas. A montaxe, protagonizada por Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro coa dirección de Gena Baamonde, reconstrúe con irreverencia a historia das dúas mulleres que casaron pola igrexa en 1901 na Coruña. Ademais, o propio sábado terá lugar a presentación na Alameda ás 21.00 horas de Rojo estándar, da compañía andaluza de circo La Nórdika, e a lectura dramatizada da obra Arquivos de Realidade, de Julio Fernández e Paco Oti (mención do Premio Abrente 2015). Ademais, a xornada rematará ás 01.00 horas coa actuación de El mundo por montera, do músico asturiano Rodrigo Cuevas, na Praza Maior.

DOMINGO 22

A clausura da 34 MIT Ribadavia estará protagonizada polo prestixioso Blind Summit Theatre, que presentará no Auditorio do Castelo The Table, un multipremiado espectáculo de marionetas épicas, inspirado en Samuel Beckett, a Biblia e Ikea. Falamos dunha peza única e extremadamente divertida que significa unha demostración da arte do monicreque e da improvisación cunha marioneta como nunca antes se viu. Entre os galardóns recibidos por esta obra, destaca o premio do Festival Fringe de Edimburgo.