Volver

Crónica da segunda Escaramuza Artística: "Os clásicos desexan ser manoseados, pervertidos"

Etiquetas:

A AAAG continúa co seu ciclo de encontros Escaramuzas Artísticas cunha sesión dedicada á adaptación dos clásicos no teatro galego actual. Participaron Santiago Cortegoso, Vanesa Sotelo e Quico Cadaval. Moderou Camilo Franco.

“Revolución ou herexía?” Esa era a pregunta que, dende o seu título, resumía a mecha da segunda Escaramuza Artística organizada onte na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia e centrada na adaptación dos clásicos no teatro galego actual. No encontro, moderado por Camilo Franco, participaron os directores teatrais Santiago Cortegoso e Quico Cadaval e a dramaturga Vanesa Sotelo, directora da erregueté.

Precisamente, tras a presentación de Mabel Rivera, Sotelo foi a primeira en tomar a palabra. Na súa intervención, a directora da erregueté repasou as producións que nos dous últimos anos abordaron textos que poderiamos catalogar entre os clásicos. Así, citou A cabeza do dragón, o primeiro Valle-Inclan levado ao galego tras a liberación dos dereitos por Excéntricas, e as dúas adaptacións desenvolvidos polo Centro Dramático Galego (CDG) do mesmo autor: Martes de Carnaval, dirixido por Marta Pazos en 2017, e a actual Divinas Palabras Revolution, dirixida por Xesús Ron. Ademais, citou os shakespeares que xiraron polos nosos escenarios nos últimos anos, como Soño dunha noite de Verán e A tempestade, de Voadora, ou Conto de Inverno, coprodución do propio CDG coa lusa Guimarães Teatro Oficina. Por últimos, destacou Casa O'Rei, do propio Santiago Cortegoso, que parte dun xogo escénico d'O Rei Lear. Sotelo destacou así a “panorámica ampla” dos achegamentos a textos clásicos desenvolvidas dende “relecturas e reescrituras libres”. Dende o seu punto de vista, Sotelo sinalou que á hora de realizar este tipo de achegamentos pesaba unha “cuestión comercial” e, para rematar a súa primeira intervención, lembrou unha palabras escritas na erregueté polo dramaturgo e crítico Roi Vidal: “Os clásicos desexan ser manoseados, pervertidos”.

Pola súa banda, Cortegoso sinalou que “nada hai de revolucionario” en adaptar os clásicos, xa que se lle deron a volta toda a vida. “Cos clásicos cómpre facer algo, darlles a volta, decontruílos, mesmo desfacelos, pero non é revolucionario, polo menos non dende o punto de vista colectivo. Pode ser revolucionario dende a perspectiva individual”, reflexionou o director e dramaturgo. Nese senso, Cortegoso explicou que como autor non lle gustaban “os clásicos como arqueoloxía”. É dicir, como unha representación exacta de como sería o texto na época na que xurdiu. “Non lle vexo sentido”, admitiu. A partir dese momento, Cortegoso centrouse en destacar os seus achegamentos aos clásicos ao referirse as súas obras El charco de Ulises, versión libre d'A Odisea, ou Casa O'Rei, xogo escénico que parte do shakespiriano Rei Lear. Para Cortegoso, os autores teatrais deben “xogar cos clásicos, manipulalos.”

Cadaval comezou as súas reflexións sinalando que referímonos aos clásicos seguindo os termos marcados por Harold Bloom e lembrou como o concepto de autoría como pedra angular das producións teatrais foi mudando ao longo da historia. Así, lembrou que o autor era considerado o dono da compañía, mentres que o dramaturgo era o poeta. Foi no século XX cando o valor da autoría pasou á dirección. Ademais, Cadaval falou da súa adaptación de Valle-Inclán, A cabeza do dragón, unha montaxe que se converteu no primeiro achegamento ao galego dos textos do pai do esperpento, e que foi musicada por Javier María López e interpretada polo Taller Atlántico Contemporáneo (TAC). Precisamente, este venres 29 de xuño será representada no Auditorio de Galicia por primeira vez coa música en directo nunha función única. Cadaval, sobre esta peza, explicou que fixeron a escolla para achegarse a un texto non tan evidente de Valle-Inclán.

As Escaramuzas Artísticas da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) regresará tras o verán e celebraranse o último mércores de cada mes. De momento, celebráronse dúas sesións. A primeira delas dedicada o audiovisual dende unha perspectiva de xénero baixo o título de Ten cona o audiovisual galego? e esta segunda, centrada na adaptación dos clásicos no teatro galego actual.