Volver

A AAAG organiza unha nova sesión dos seus encontros de debate 'Escaramuzas artísticas' baixo o título 'Revolución ou Herexía? Os clásicos no teatro galego actual'

Nesta ocasión, o encontro estará moderado polo xornalista Camilo Franco e contará coa participación da directora da Revista Galega de Teatro 'erregueté', Vanesa Sotelo, e os directores Quico Cadaval e Santiago Cortegoso

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) celebra o vindeiro mércores 27 de xuño a segunda sesión das súas Escaramuzas artísticas, unha serie de encontros de debate de periodicidade mensual en que reputadas voces especializadas nos sectores do audiovisual e da escena intercambiarán os seus puntos de vista ao respecto de diferentes temas que atinxan aos/ás profesionais destas disciplinas. As Escaramuzas artísticas, ademais, buscan ir máis aló dos tradicionais coloquios, rompendo as habituais distancias das mesas redondas e achegando un ambiente distendido e participativo. Estes encontros están destinados tanto aos/ás profesionais do sector coma o público xeral.

Esta segunda sesión, que se celebra ás 20.00 horas na Lasso-Cafetería do Auditorio de Galicia de Santiago (Avenida Burgo das Nación, s/n), centrarase no ámbito teatral e na adaptación dos textos dramáticos clásicos. A entrada é gratuíta até completar o aforo.

SEGUNDA SESIÓN

Esta segunda sesión do ciclo Escaramuzas Artísticas da AAAG terá lugar na cafetería do Auditorio o mércores 27 de xuño ás 20.00 horas e estará centrada na escena. Baixo o título Revolución ou herexía? Os clásicos no teatro galego actual, a Escaramuza abordará os proxectos escénicos e as novas achegas que se están a realizar na actualidade sobre textos de autores clásicos, así como tamén as controversias artísticas que poden envolver as reinvencións de dramaturgos canónicos. Deste xeito, a sesión contará coa participación de Quico Cadaval, director escénico que dirixiu e adaptou con Producións Excéntricas o primeiro Valle-Inclán en galego, A cabeza do dragón; e Santiago Cortegoso, que escribe e dirixe a última obra de Ibuprofeno Teatro, Casa O'Rei, na que o autor propón un xogo escénico ao trasladar a esencia d'O Rei Lear shakespiriano a unha tradicional casa de xantares galega. A Escaramuza complétase con Vanesa Sotelo, directora da erregueté (Revista Galega de Teatro), quen achegará o punto de vista da crítica. O Encontro estará moderado por Camilo Franco.

As Escaramuzas Artísticas pararán durante os meses de verán e regresarán no mes de setembro, para celebrar as súas seguintes sesións de forma periódica, tomando como referencia o derradeiro mércores de cada mes. Esta iniciativa de debate está organizada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).