Volver

Galicia Escena Pro arrinca o luns cun total de 17 espectáculos de compañías galegas

Dúas compañías madrileñas únense ao programa en calidade de convidadas. Na sesión de 'pitching' presentaranse dez novos proxectos escénicos.

Galicia Escena Pro, a feira profesional das artes escénicas organizada pola Agadic, celebrará entre o vindeiro luns 11 de xuño e o xoves 14 de xuño a súa edición de 2018. Ao longo dos catro días que dura o encontro, programadores/a, xestores/as culturais, profesionais do sector e público xeral poderán asistir ás representacións dun total de 17 espectáculos, quince deles producidos por compañías galegas e dous asinados por compañías madrileñas convidadas. Galicia Escena Pro repartirá a súa actividade polos escenarios da Fundación SGAE, do Salón Teatro, do Auditorio Abanca e do Teatro Principal. Ademais, un total de dez compañías presentarán os seus futuros proxectos na xa tradicional sesión de 'pithing', que terá lugar o xoves 14 na Fundación SGAE ás 12.30 h.

LUNS 11

A programación arrincará no Salón Teatro o luns ás 11.00 horas, momento en que a compañía de danza Entremáns ofrecerá a súa montaxe destinada ao público familiar Gaia. A peza, está dirixida e interpretada por Kirena C. Martínez e Estefanía Gómez. Ás 13.00 horas, Galicia Escena Pro levará a súa atención á Sala Germán Coppini da Fundación SGAE, onde Katarsis representará o seu espectáculo familiar Bathtime, dirixido por Carolina Ramos e Kevin Stewart. Este útlimo, xunto a Estíbaliz Veiga, subirá ás táboas para interpretar a peza.

Xa pola tarde, ás 17.30 h., Contraproducións representará no Auditorio Abanca Fillos do sol, obra escrita e dirixida por Cándido Pazó e coproducida polo FIOT Carballo. Na peza, interpretada por César Cambeiro, Alba Bermúdez e Adrián Ríos, realízase unha aproximación á figura de Eduardo Pondal e a súa obsesión coa obra que ocupou toda a súa vida como escritor: Os Eoas. O servidorde dous amos, a última proposta de Talía Teatro, representarase ás 19.30 horas no Teatro Principal de Santiago. A montaxe, dirixida por Diego Rey, conta cun elenco formado por Artur Trillo, María Ordóñez, Marta Lado, Marta Ríos, Xurxo Barcala, Toño Casais, Diego Rey e Dani Trillo, e actualiza o clásico homónimo de Goldoni. Para clausurar a primeira xornada, a feira regresará ao Salón Teatro e á danza contemporánea. Paula Quintas e Traspediante representan ante o público Plastic, proposta dirixida por Rut Balbís.

MARTES 12

A segunda xornada comezará ás 11.00 horas na Fundación SGAE. No escenario da súa Sala Germán Coppini, Tanxarina porá en escena A Galiña azul, adaptación realizada por Cándido Pazó da célebre novela de Carlos Casares. Xa ás 12.15 horas, na Sala 2 da Fundación SGAE, Borja Fernández presentará o seu Salvador, montaxe de teatro documento naque o intérprete pescuda nas súas orixes familiares para descubrir a figura do seu avó, quen na posguerra emigrou -coma tantos outros galegos e galegas- para non volver dar sinais á familia que deixaba atrás.

O Auditorio Abanca, ás 17.30 h.,recibirá a Mofa e Befa. Víctor Mosqueira, acompañado nesta ocasión por Josito Porto, desenvolverán sobre o escenario a filosofía deste histórico dúo cómico na obra Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira, obra dirixida por Carlos Santiago, quen escribiu xunto a Pepe Sendón o libreto. Dúas horas máis tarde, ás 19.30 horas, Sarabela Teatro presentará O rei morre, adaptación dirixida por Ana Vallés do texto dramático de Ionescu. Os intérpretes Fernando Dacosta, Fina Calleja, Nate Borraja, Sabela Gago e Alfonso Míguez conforman o elenco. Finalmente, o día péchase no Salón Teatro ás 22.00 horas con Procedimientos ante el vacío, obra da compañía Ensalle dirixida por Pedro Fresnada e protagonizada por Raquel Hernández, Diego Anido, David Santos, Nacho Muñoz e opropio Fresnada.

MÉRCORES 13

Planeta Ardora, de Trompicallo, porá en marcha a terceira xornada de Galicia Escena Pro. A obra representarase na Sala 2 da Fundación SGAE ás 11.00 horas. A seguinte montaxe da programación será Patapatúm, do Elefante Elegante. A compañía de Gonçalo Guerreiro e MaríaTorres presentará esta obra para o público familiar acabada de estrear no mes de abril de 2018. Trátase dunha peza de teatro xestual sen palabras que reflexiona sobre o tempo, a crianza e os subterfuxios cos que enchemos as nosas ausencias.

A tarde estará protagonizada por Elisa e Marcela, obra de A Panadaría que nos pasados María Casares acadou catro galardóns, incluído os de mellor espectáculo e dirección. A súa función terá lugar no Auditorio Abanca ás 17.30 horas. Ás 19.30, o Teatro Principal recibirá a primeira das dúas compañías madrileñas convidadas: La Estampida, que ofrecerá Lo nunca visto. A xornada pecharase co coreógrafo e investigador Javier Martín, cuxa obra performativa Método negro veraseás 22.00 horas no Salón Teatro.

XOVES 14

La Tartana é a segunda das compañías madrileñas convidadas e a encargada de abrir a derradeira xornada desta Galicia Escena Pro. Ás 11.00 horas, na Sala Germán Coppini, representará a peza infantil Soñando a Pinocho, na que como non podía ser doutro xeito se fusionan o teatro de actor e de monicreques. A danza volverá ás 17.30 horas ao Teatro Abanca con La soledad de Wally, produción de danza urbana constituída por catro pezas ('Water', 'Impermeable', 'Protocolo' e 'Pipas al aire'). A montaxe pertence á compañía Elahood, formada en 2017 por Sabela Domínguez Pérez e Julia Laport Rivas.

Pola súa banda, Emedous chegará ás 19.30 horas ao Teatro Principal para presentar a súa última proposta escénica: A leituga. Trátase dunha comedia dramática dirixida por Víctor Duplá a partir dun texto do venezolano César Sierra, cuxa trama pivota sobre a vida, a familia e os coidados. En escena reúnense Antonio Durán'Morris', Mercedes Catro, Federico Pérez, María Vázquez e Xosé Barato.

Por último, a compañía encargada de clausurar este ano Galicia Escena Pro será Ibuprofeno Teatro, compañía que finaliza a súa triloxía gastronómica con Casa O'Rei, un xogo escénico escrito e dirixido por Santiago Cortegoso que traslada o clásico shakespiriano d'O rei lear á unha típica casa de xantares galega. Miguel Borines, Marián Bañobre, Víctor Mosqueira, Victoria Teijeiro, Teté García e Xosé M. Esperante conforman o elenco.

PITCHING

O xoves será o día en que se celebre o pitching, sesión de presentación na que varias compañías presentan as súas vindeiras propostas escénicas. En total, son dez as formacións que participan este ano. Deste xeito, o Colectivo Verticalia (formado polas compañías Deulirum e Traspediente) presentarán Alma (non é hippie), Iria Pinheiro fará o propio co seu proxecto Anatomaía dunha Serea, que partirá da violencia obstetricia para chegar a temas como a maternidade, a familia, a economía; e PistaCatro adiantará as esencias de Arnoia Arnoia: o Circo da Casa pequena, montaxe dirixida por Quico Cadaval que adapta o texto de Méndez Ferrín.

Fantoches Baj presentará Auga que non vas beber, obra gañadora do Barriga Verde para textos de teatro de títeres na modalidade de adultos en 2009; Señora Supina adiantará as claves de Cinco mulleres que comen tortilla e a compañía de Mikel Arístegui presentará In Between. Teatro del Andamio falará de Insubmisión, Alfredo Muíño de Involución e Inversa Teatro realizará un novo achegamento á filosofía para abordar a violencia machista. Por último, Tamara Canosa, Lucía Aldao e María Vázquez falarán do seu proxecto Marelas.