Volver

A Mostra de Cangas celebra entre o 29 de xuño e o 8 de xullo a súa 35ª edición con 25 montaxes no cartel

Mabel Rivera, vicepresidenta da AAAG, recibirá o Premio Xiria ao labor Teatral. A xornada inaugural contará co pregón de Tatán e o espectáculo 'Divinas Palabras Revolution', do Centro Dramático Galego.

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCF) celebra neste 2018 a súa 35ª edición con dez días de programación que aglutinarán un total de 25 espectáculos e unha ampla oferta de actividades. A Mostra comezará o vindeiro 29 de xuño coa representación de Divinas palabras Revolution, do Centro Dramático Galego (CDG) e co pregón inaugural de Eduardo Cunha 'Tatán'. A partir de aí e até o 8 de xullo, a Mostra acollerá estreas absolutas como 'Nómades', de Xapore Tulú; Jazz bodas de Fígaro, de Vania producións e Silda &Hadrián, de Casilda Alfraro e Adrián Ríos en corpodución coa Mostra. Ademais, o público terá a oportunidade de gozar coas últimas propostas dunha ducia de formacións chegadas do resto de España e doutros países como Portugal, Italia ou República Checa. Entre estas montaxes, será estrea absoluta Jazz Bodas de Fígaro, da compañía catalá Vania Produccións, baixo a dirección de Paco Mir, mentres que a checa Waxming Theatre representará por primeira vez en España Loutkovistě e haberá outras tres estreas en Galicia da man de Luccettino (Italia), Lanördika Circo y Danza (Andalucía) e Mireia Miracle (Cataluña).

PROGRAMA

O sábado 30 de xuño. Pepa Plana, actriz e pallasa catalana, trae a Cangas o Paraíso Pintado, un espello para vérmonos reflictidos na estremeira do divertido e no canto do tráxico. Pepa Plana é un referente europeo no xénero, tanto pola calidade dos seus espectáculos como pola súa contribución á visualización das pallasas. Xullo arranca coa obra A Leituga, da compañía galega Eme2 producións. Cinco familiares reúnense para celebrar o aniversario dun home que se atopa en estado de coma. A obra, dirixida por Víctor Duplá, aborda en clave de humor un conflito familiar polo que todos pasamos ou pasaremos nalgún momento nas nosas vidas. Entre os actores atópanse Mercedes Castro, Antonio Durán ‘Morris’, María Vázquez, Federico Pérez e Xosé Barato.

O 3 de xuño, o público poderá ver a estrea absoluta Nómades, teatro de obxectos, música, narración oral e traballo de actores para contar a beleza do diverso; texturas e formas de vivir .A estrea galega Maghi per una notte (Magos por unha noite) representarase o 5 xullo. Lucchettino (Luca Regina e Tino Fimiani) gañaron o premio "Mandrake d'Or" en 2016. O espectáculo do dúo italiano ten como obxectivo combinar diferentes estilos e cruzar fronteiras, onde a "Commedia dell´arte " cos seus temas universais, renóvase. O 6 de xullo, o Auditorio de Cangas acollerá a estrea galega de Playoff, unha traxicomedia que transcorre no vestiario dun equipo de fútbol feminino. A obra reflexiona sobre o papel da muller e do deporte feminino nunha sociedade que aínda manifesta un machismo feroz en moitos ámbitos.

O fin de festa da XXXV edición da Mostra será un espectáculo que mestura teatro e música. Jazz Bodas de Fígaro é unha versión jazzística da obra de Mozart na que os cantantes interpretan as súas arias de xeito tradicional pero o acompañamento corre a cargo dun trío de jazz que, conservando os tempos orixinais, reinventa a partitura cunha adaptación musical tan insólita como abraiante. Vania Produccions está detrás dalgúns dos éxitos teatrais máis recoñecidos: 'La cena de los idiotas', 'La venganza de don Mendo', 'Hamelin'...Nesta ocasión, volven unirse ao Tricicle Paco Mir, co que xa teñen levado a escena numerosas montaxes.

TEATRO DE RÚA

Un ano máis, o teatro na rúa, os espazos alternativos, obradoiros, eventos e a sección especial do festival Mulleres en Acción completarán un intenso programa de 10 días. No Teatro na Rúa, un total de nove espectáculos serán representados en espazos abertos a todo o público e con temáticas de carácter familiar, danza, circo e comedia visual. Os espazos alternativos aumentan nesta 35 edición tralo éxito do pasado ano: Sala Salasón, a Capela do Hospital, a sala de exposición do Auditorio Municipal. Volve destacar a II Edición do Torneo de Ode Galicia, unha lectura dramatizada do Tartufo en verso e a estrea absoluta da comedia Silda & Hadrián, unha actriz, un actor, a fama, o éxito, unha paradia deles mesmos escrita para a ocasión polo mestre Manuel Lourenzo.

PREMIO A MABEL RIVERA

O sábado 7 de xullo, será o día para os premios. A XVIII edición das Xornadas Mulleres en Acción, que este ano leva por título Artes vivas. Artes visuais: Somos a metade. Queremos paridade, decidiu outorgarlle o premio Mulleres en Acción a Asunción Fernández Rodal, en recoñecemento ao seu excepcional labor académico e de investigación, sempre con perspectiva de xénero. As súas investigación, relacionadas coa cultura: cine, teatro, literatura, plástica e, especialmente, as dedicadas aos discursos de xénero, tanto textuais como audiovisuais, iluminan o camiño de centos de mulleres e homes que se dedican á comunicación, axudándolles a desprenderse de valores e ideoloxias caducas e machistas.

Outro dos galardóns que se entregará o sábado é o Premio Xiria ao Labor Teatral, que este ano será concedido á actriz Mabel Rivera polo seu labor para a profesionalización da escena galega nos seus inicios e polos seus dereitos. A galardoada conta, entre outros, co premio da Cultura Galega de Artes Escénicas 2017 e co pemio Goya 2004 por Mar Adentro de Alejandro Amenábar, actualmente é vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

ABONOS

Desde o pasado 21 de maio, e ata o vindeiro 18 de xuño, estarán á venda os abonos para os 7 sete espectáculos de sala con interesantes descontos e a posibilidade de elección de butaca durante todo o festival. O prezo total é de 45€. A venda anticipada para cada unha das obras abrirase o 20 de xuño e será de 8€ cada un, agás Nómades (5€)

CONSULTA O PROGRAMA COMPLETO

CONSULTA O PROGRAMA DE 'MULLERES EN ACCIÓN'