Volver

'Ten cona o audiovisual galego?', primeira sesión do ciclo de encontros e debates 'Escaramuzas artísticas' da AAAG

A AAAG inicia o vindeiro mércores 30 de maio ás 20.00 horas na Cafetería do Auditorio de Galicia de Santiago un formato de debates abertos ao público que versarán sobre diferentes aspectos dos sectores escénico e audiovisual

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) iniciará o vindeiro mércores 30 de maio a súa iniciativa Escaramuzas artísticas, unha serie de encontros de debate de periodicidade mensual en que reputadas voces especializadas nos sectores do audiovisual e da escena intercambiarán os seus puntos de vista ao respecto de diferentes temas que atinxan aos/ás profesionais destas disciplinas. As Escaramuzas artísticas, ademais, buscan ir máis aló dos tradicionais coloquios, rompendo as habituais distancias das mesas redondas e achegando un ambiente distendido e participativo.

Deste xeito, durante as Escaramuzas combinaranse as opinións dos poñentes cos apuntamentos realizados por parte do público nun contexto ameno, arredado dos espazos académicos, mentres se pode degustar a carta da Cafetería do Auditorio de Galicia de Santiago (Avenida Burgo das Nación, s/n). Un ciclo que será gratuíto e aberto até completar o aforo, e que está destinado tanto aos/as profesionais do sector coma ao público xeral.

PRIMEIRA SESIÓN

A sesión inaugural do ciclo Escaramuzas Artísticas da AAAG terá lugar na cafetería do Auditorio o vindeiro mércores 30 de maio ás 20.00 horas e estará centrada no audiovisual. Baixo o título Ten cona o audiovisual galego?, a primeira Escaramuza analizará o papel, a proxección, o traballo e o recoñecemento das profesionais nas producións audiovisuais, facendo fincapé en aspectos clave como son a visibilidade, a igualdade profesional ou a perspectiva de xénero nos argumentos das producións audiovisuais en todas as súas vertentes, dende as series de televisión até o cine, pasando polas curtametraxes, documentais ou festivais.

O encontro estará moderado pola xornalista Marta Veiga e contará coa participación das realizadoras Olga Osorio e Noemi Chantada, a actriz e asociada Camila Bossa e o produtor José María Besteiro.

OS POÑENTES

Olga Osorio é unha recoñecida produtora, guionista e directora audiovisual. Entre as súas producións, destacan curtas e producións audiovisuais como son Mouras, reStar ou Einstein-Rosen. Pola súa banda, Noemi Chantada traballou en proxectos de cine como A Bella Otero ou Nove, a cociña do mundo, ademais de amosar o seu traballo en dirección de fotografía e a cámara en traballos como Espírito Rías Baixas ou Vigo in London. Como directora realizou o documental A muller invisible.

Camila Bossa é actriz e asociada da AAAG, coñecida polo gran público polos seus papeis en series como Mareas Vivas ou Matalobos. Formou parte de elencos de películas e telemovies como O ano da carracha, Heroína ou O club da calceta. Finalmente, José María Besteiro é produtor, xestor de dereitos e xornalista audiovisual. Como produtor, lanzou series de impacto televisivo como son Libro de Familia ou Pazo de Familia.