Volver

O Festival de Cans celebra a súa décimo quinta edición entre o 23 e o 26 de maio

O Festival conta coa participación de preto dun cento de realizadores e realizadoras. Entre os coloquios e encontros, destacan referentes como Fernando Trueba e Gracia Querejeta. Ademais, os Encontros de Aisge contará coa participación de Berta Ojea, Tamara Canosa, Isabel Blanco, Nieves de Medina, Manuel Lourenzo, Mariana Carballal, Pilar Pereira ou Nieves Rodríguez, presidenta da AAAG

O Festival de Cans celebra a súa 15ª edición neste 2018 entre os días 23 e 26 de maio coa participación de preto dun cento de realizadores e realizadoras, convertendo unha vez máis esta localidade pontevedresa no gran escaparate da produción audiovisual galega actual e futura. Nese senso, cómpre destacar que as seccións A que andas? ou Fillos e fillas de Cans permitirán botarlles unha ollada aos proxectos en proceso de Dani de la Torre (La sombra de la ley), Jaione Camborda (Arima), Ángeles Huerta, Ignacio Vilar ou Javi Camino (Nación de muchachos). A apertura do Festival estará protagonizada pola estrea no ámbito da imaxe real de Roque Cameselle coa fita British Windters e pola A estación violenta primeira longa de Anxos Fazáns, que adapta libremente a novela homónima de Manuel Jabois. Protagonizada por Alberto Rolán, Xosé Barato e Nerea Barros, a película terá en Cans a súa primeira grande proxección pública en Galicia, xusto antes da súa estrea comercial en salas. Ademais, o festival homenaxeará á produtora Chelo Loureiro co premio Pedigree 2018.

Unha das grandes novidades deste ano será que o Festival de Cans incorpora na súa Sección Oficial unha competición de curtas de non ficción, que leva o nome de FuraCans. Deste xeitou, outorga un espazo prominente aqueles filmes que exploran as diferentes variantes do documental e o cinema experimental, dando un novo pulo a estes xéneros ao ofrecerlle ao público de Cans unha mostra de pezas cheas de procura estética e con xeitos de narrar afastados do convencional.

SECCIÓN OFICIAL

O Festival de Cans conta cunha variada sección oficial dividida en diversos apartados. Na competición de Curtametraxes, compiten un total de catorce obras (seis delas estreas) que representan con fidelidade o carácter cada vez máis rico e diverso do cinema galego. Lonxe de limitarse a un ámbito ou un método de traballo, Cans presenta a oportunidade de desfrutar dunha fenomenal variedade de enfoques e xéneros cinematográficos: ciencia-ficción como Paxaro escuro, terror como Alicia ou Die Höhle, comedia como Cortoterapia ou road movie como Van. Pola súa banda, o apartado de Animación amosa as diferentes tendencias presentes no mundo da imaxe animada a nivel internacional: veremos curtas realizadas por veteranos e veteranas de diferentes técnicas, como Sabrina Zerkowitz, Juan Carlos Pena ou Luis Usón, pero tamén traballos realizados por cineastas que veñen das Belas Artes como Borja Santomé ou David Fidalgo Omil e o debut de Ariadna Cordal, estudante da UVigo. Seis pezas, dúas das cales (Estela e Siglo XXI) son estreas.

O concurso de videoclips do Festival de Cans, que ten lugar na Noite Gia do xoves 24 de maio, é un evento de enorme popularidade que recolle a variedade de estilos e talentos da música galega e a destes realizadores e realizadoras. No visual, o abano da selección desta 15ª edición vai dende o traballo co found footage de Adrián Canoura á sensibilidade paisaxística de Mar Catarina ou Xaime Miranda, pasando pola animación de Myriam Pato ou Rubén Domínguez. No musical, poderemos escoitar dende o hip hop combativo de Ezetaerre ao folk intimista de Peña, pasando polo rock alternativo de You Dog!! ou o noise de Disco Las Palmeras!

Os xurados dos diferentes apartados están constituídos por persoas de referencia no sector do audiovisual. As actrices Isabel Naveira e Nieve de Medina, os cineastas Anxos Fazáns, Borja Cobeaga, Ángeles Huerta, Luis Avilés e Paloma Zapata, os xornalistas Eduardo Herrero, Isabelle Le Gonidec e Fernando F. Rego e o produtor Felipe Lage, ademais de cinco veciños e veciñas de Cans, serán os encargados de decidir o palmarés deste 2018.

ENCONTROS E COLOQUIOS

Outros dos pratos fortes da programación do Festival de Cans é o apartado de encontros e coloquios. Na edición deste ano, destacan os dous Coloquios na Leira que se celebrarán neste Festival. O primeiro deles terá lugar o sábado 26 ás 12.00 h. e contará como gran protagonista co director Fernando Trueba. O segundo encontro terá lugar no mesmo espazo e o mesmo día, pero ás 17.00 h. e coa presenza de Gracia Querejeta. Pola súa banda, o Café con Crea deste ano (Venres 25, ás 10.00 h.) terá lugar no Baixo de Moncho e será un coloquio con Borja Cobeaga. Os Encontros AiSGE con actores e actrices celebraranse o mércores 23, xoves 24 e venres 25 ás 11.30 horas no Baixo de Moncho coa participación de Manuel Lourenzo, Pilar Pereira, Tamara Canosa, Berta Ojea, Mariana Carballal, Tamara Canosa, Isabel Blanco, Nieves de Medina ou Nieves Rodríguez, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG)

MÚSICA

Cómpre destacar, que a programación musical de Cans tamén é outro dos atractivos da súa programación e este ano estará centrada nas actuacións de Familia Caamagno, Tanxugeiras, Depedro, Triángulo de Amor Bizarro, Magín Blanco, a histórica banda Burning ou djs como David Van Bylen ou Rafa Morcego. Ademais, Xurxo Souto realizará un roteiro CanSoro.