Volver

O XIX Festival de Títeres de Redondela conta cun total de 26 compañías

A nova edición do Festival hoxe, luns 14 de maio coa programación escolar e a súa programación de sala inclúe formacións procedentes de Chile, Francia e Inglaterra.

A XIX edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanho Amoedo) comeza hoxe, luns 14 de maio, coas funcións escolares que se sucederán no Auditorio de Chapela até este venres e no que está previsto que asistan preto de 2.400 rapaces e rapazas. O programa escolar está conformado por obras das compañías Tanxarina, Viravolta Títeres, Don Davel e Periferia Teatro. Xa a partir do mércores, comezará a programación de sala no Multiusos da Xunqueira, cuxo escenario recibirá a proxectos escénicos internacionais (procedentes de Francia, Inglaterra, Chile) e estatais (chegados de Murcia, Andalucía, Cataluña e Galicia). A programación está formada polos espectáculos Le fumiste, de Don Davel; The Parachute, de Stephen Mottram; El juego del Tiempo, de David Zuazola; Vuela Pluma, de Periferia Teatro; Poemes Visuals, da Compañía Jordi Beltrán; Pum! Pum!, de Baobab Teatro, e El Alma del Pueblo, de Etcétera.

LETRAS GALEGAS E RUADAS

Un ano máis, o 17 de maio e durante a fin de semana, os monicreques sairán ás prazas e rúas de Redondela. Nesta edición, ademais, o programa de ruadas, acollerá outras disciplinas artísticas. Así, María Fumaça ofrecerá o seu concerto no Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea a escritora María Victoria Moreno; e Teatro ao Cubo encargarase de achegarlle ao público espectáculos de novo circo. O domingo, a gran protagonista da ruada participativa 10.000 leguas de viaxe pola vila, será a cativada da vila, que acompañará un grande submarino, dos portugueses Projecto EZ. A rapazada irá disfrazada de chocos ou de calquera outro animal mariño. O percorrido comezará no peirao de Cesantes até o Centro de Redondela. O programa deste ano do Festival de Títeres de Redondela contará con 26 compañías diferentes.

VENDA DE ENTRADAS

Os espectáculos de rúa serán gratuítos, mentres que as actuacións de sala contarán con entradas a un prezo de 6 euros para os adultos e 4 euros para os nenos e nenas. A venda farase unicamente no despacho de billetes do Multiusos e comezará o día 16 ás 19.00 horas.

PROGRAMA COMPLETO