Volver

A AAAG reivindica o inxente labor do programa Diario Cultural e lembra as funcións de servizo público da Radio Galega e da TVG

A AAAG solicita os responsables da Radio Galega que recapaciten, recúen nesta inxustificable decisión, conserven o Diario Cultural e aposten verdadeiramente pola visibilidade da nosa cultura, obriga do ente público que está lonxe de cumprirse

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a gran parte dos profesionais da interpretación e da dirección escénica, cuestiona a triste decisión da Radio Galega de suprimir o histórico Diario Cultural no seu formato habitual para diluír os seus contidos ao longo da programación diaria en microseccións incrustadas noutros programas, tal e como recolleron no día de onte diversos medios de comunicación.

A AAAG considera irresponsable e incomprensible a determinación de baleirar, desvirtuar e esmiuzar un programa de tan longo e brillante percorrido, referencial para os ouvintes e de indiscutible prestixio para o sector cultural no seu conxunto. Para esta asociación, a desaparición do Diario Cultural como tal é un novo empobrecemento da calidade informativa da Radio Galega e acrecenta o habitual desleixo no tratamento da actualidade da nosa cultura que, de ningún xeito, será emendado co desmantelamento do citado programa. A AAAG solicita os responsables da Radio Galega que recapaciten, recúen nesta inxustificable decisión, conserven o Diario Cultural e aposten verdadeiramente pola visibilidade da nosa cultura, obriga do ente público que está lonxe de cumprirse e cuxo cumprimento arredarase aínda máis o 10 de setembro, día no que comece a nova programación e o Diario Cultural seguiría só como unha marca baleirada da súa natureza e como recordatorio do que unha vez foi, pero xa non.

A AAAG quere reivindicar o inxente labor desenvolvido polo Diario Cultural nestes 28 anos de traxectoria radiofónica. Ao longo destas case tres décadas, o citado programa converteuse nun espazo de acubillo, difusión e rigor para a actividade de todo o sector cultural, dende o mundo do libro até ao ámbito da música, pasando polos campos do pensamento, do patrimonio histórico, da cultura de base ou das artes plásticas. E por suposto, tamén os eidos que nos atinxen como asociación sindical: o audiovisual e a escena. No Diario Cultural, informouse sempre da realidade escénica e audiovisual deste país, ao tempo que se fomentou a crítica ou se creou o Premio de Teatro Radiofónico. Dende a AAAG queremos transmitirlle o noso agradecemento e felicitación polo seu traballo ao conxunto do persoal que encabeza a xornalista Ana Romaní, a quen xa recoñecemos o seu labor en 2008 co Premio de Honra Marisa Soto.

Finalmente, lembrámoslle á dirección da CRTVG que as verdadeiras funcións tanto dunha emisora coma dunha canle de televisión pública veñen definidas, entre outras cuestións, pola pluralidade informativa, por un reflexo do interese común, por unha programación de calidade ou pola difusión da lingua e da cultura propias. Solicitamos así unha fonda reflexión aos seus responsables da CRTVG a este respecto para que analicen se realmente a súa acción responde a este criterios ou atenden a outras consideracións alleas ás obrigas esperables dun ente público.

FOTO: Distrito Xermar