Volver

A AAAG organiza mañá mércores un coloquio sobre María Casares na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña

Etiquetas:

O acto, enmarcado no programa de actividades da Asociación para difundir a figura da actriz, terá lugar ás 20.15 horas e nel participarán a investigadora María Lopo, o dramaturgo Ernesto Is, a actriz Sabela Hermida e a vicepresidenta da AAAG, Mabel Rivera

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) organiza para mañá mércores, 11 de abril, na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña (Rúa Panaderas, 12) un coloquio sobre María Casares. O acto terá lugar ás 20.15 horas e contará coa participación da investigadora María Lopo, do dramaturgo Ernesto Is e da actriz Sabela Hermida. Presentará o acto Mabel Rivera, vicepresidenta da AAAAG, e estará moderado polo xornalista Alberto Ramos. O encontro enmárcase dentro das actividades paralelas dos Premios de Teatro María Casares, cuxo obxectivo é difundir a figura da actriz. Tanto os propios premios coma as actividades paralelas contan co apoio de entidades e institucións como a Concellería de Culturas da Coruña, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Fundación AISGE ou a Fundación SGAE.

Ao longo do coloquio, analizarase dende diferentes puntos de vista a traxectoria de María Casares, figura representativa e referencial en ámbitos da memoria histórica, a escena ou o feminismo. Con ese obxectivo, a AAAG reúne a tres persoas que nos últimos anos achegaron o seu traballo á difusión da figura da actriz. María Lopo é investigadora e biógrafa de María Casares. Publicou no ano 2008 Cartas do exilio, volume que reúne a correspondencia conservada entre Santiago Casares Quiroga e a actriz; e no 2016 lanzou co Consello da Cultura Galega (CCG) o libro O tempo das mareas, un repaso á biografía de María Casares en relación con Galicia. Durante o coloquio, achegará a súa visión ao respecto da correspondencia entre Albert Camus e María Casares, publicada a finais do ano pasado en Francia.

Pola súa banda, o dramaturgo Ernesto Is gañou en 2017 o XVIII Premio de Teatro Rafael Dieste, organizado pola Deputación da Coruña, co texto dramático Despois das ondas, achegamento escénico á figura de María Casares. Ademais, Is ten recibido outros galardóns como o Premio Abrente 2016 (ex aequo) con Fendas (edición en Difusora de Letras, Artes e Ideas) e foi seleccionado no VI Programa de Dramaturgias Actuales do INAEM para desenvolver a súa peza El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas.

A actriz e investigadora Sabela Hermida será a terceira das participantes deste coloquio organizado pola AAAG. Hermida centrou a súa tese de doutoramento, titulada Desarrollo artístico de María Casares dentro del marco existencialista francés, na traxectoria nos escenarios galos da intérprete nacida da Coruña. Ademais, Sabela Hermida interpreta a María Casares na montaxe Política Sentimental.