Volver

A AAAG amosa o seu pleno apoio e solidariedade á nosa compañeira Iria Pinheiro

Etiquetas:

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a máis de 300 profesionais da interpretación e da dirección escénica, amosa o seu total apoio á actriz e asociada Iria Pinheiro tras presentar unha denuncia penal no Xulgado de Garda número 3 de Santiago de Compostela na que describe unha situación continuada de acoso por parte do director do programa emitido pola Televisión de Galicia Con amor e compañía, José Luís Viñas Horta. Na citada denuncia, tal e como recolle o medio Sermos Galiza, a nosa compañeira Iria Pinheiro relata unha serie de feitos de extrema gravidade que, dende a AAAG, só podemos definir como deplorables e completamente intolerables ao tempo que os condenamos de forma enérxica.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, hoxe e sempre, está en plena disposición para brindarlle apoio legal ao conxunto do seu corpo asociativo fronte calquera situación denunciable como á que nos estamos a referir. No caso denunciado por Iria Pinheiro, a AAAG puxo a súa disposición no momento solicitado o asesoramento legal necesario e as persoas implicadas gardaron estrita confidencialidade ao respecto tanto da situación vivida coma das conversas que mantidas no contexto do asesoramento legal entre a nosa asociada coa letrada. Unha confidencialidade que se perserva até que Pinheiro decidiu presentar formalmente esta denuncia, que aplaudimos pola valentía que significa romper o silencio.

A AAAG solidarízase con Iria Pinheiro, compañeira desta asociación e profesional de contrastada traxectoria no noso oficio, fronte os abusos denunciados ao longo dos meses que durou a gravación do citado programa, situación que cualificamos de denigrante e noxenta, completamente incompatible cunha sociedade de plena igualdade real e sen violencias machistas pola que apostamos e que defendemos dende a Asociación, constituída por profesionais do sector, mais tamén por cidadáns concienciados que procuran a erradicación tanto deste tipo de condutas de asoballamento machista, abusos de poder e acoso laboral coma o silencio e a invisibilización.

A AAAG conclúe este comunicando amosando unha vez máis o pleno apoio á nosa compañeira Iria Pinheiro, poñéndonos publicamente á súa disposición unha vez máis e aplaudimos a súa valentía. Ademais, lembramos ao noso corpo asociativo que esta Asociación e os seus recursos están ao seu servizo para enfrontar situacións desta gravidade.