Volver

Presenza feminina. Máis e mellor.

O pasado mes de novembro coñeciamos a realidade desoladora de desigualdade na quenos atopamos as actrices nas producións de cine e televisión do Estado

O estudo publicado por AISGE (Artistas Intérpretes Sociedad de Gestión) revelaba non só a menor presenza de mulleres nas producións en termos de cantidade, senón na relevancia dos papeis a representar nas obras, cunha menor incidencia nas tramas por parte das personaxes femininas, e nun número menor de personaxes protagonistas. Ademais o desequilibrio vai aumentando de xeito exponencial a medida que avanzamos nos rangos de idade. En resumidas contas, na ficción estatal somos menos, máis novas e menos importantes. Por suposto, como isto implica, cobramos menos.

Neste mes no que, cos diferentes premios, celebramos orgullosas a capacidade de traballo da nosa cultura, tanto no sector audiovisual como teatral, así como a loita polos dereitos fundamentais das mulleres, desde a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, queremos expresar tamén o noso sentir. A nosa reivindicación únese á das compañeiras doutras asociacións do sector que se están facendo oír con esforzo nos últimos tempos.

O reclamo dunha presenza digna de personaxes femininas representativas da realidade social na nosa ficción, non é só un dereito fundamental das traballadoras senón ademais unha obriga social. A obriga de ofrecer á sociedade roles femininos libres de estereotipos, espellos nos que mirarse que contribúan a reducir a existencia de arquetipos sexistas, no canto de multiplicalos.

A reivindicación é clara: presenza. Máis e mellor . Por xustiza e por un exercicio de responsabilidade con nós e coas xeracións que estamos a criar como sociedade e que merecen modelos a seguir libres e igualitarios.