Volver

A AAAG homenaxea a Rosa Álvarez ao concederlle o Premio de Honra Marisa Soto

O galardón recoñece a traxectoria da actriz, auténtica pioneira do teatro profesional. Álvarez foi impulsora de iniciativas históricos como son a Agrupación Cultural Abrente, as primeiras Mostras de Ribadavia ou a propia AAAG, entidade da que é a asociada nº1

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) concédelle este ano a Rosa Álvarez o Premio de Honra Marisa Soto, galardón que recoñece a longa traxectoria desta actriz e directora teatral, auténtica pioneira do teatro profesional galego. O premio será entregado durante a gala dos XXII Premios María Casares, que se celebrará o vindeiro mércores 21 de marzo. Deste xeito, Rosa Álvarez únese á nómina de profesionais, entidades e colectivos teatrais que recibiron o citado premio dende a súa creación en 1997. Nesta lista de ilustres homenaxeados atópanse, entre outros, Maruxa Villanueva, Ana Romaní, Manuel Lourenzo, a Sala Nasa, Vicente Montoto, Eduardo Alonso ou a Erreguete (Revista Galega de Teatro).

A directiva da AAAG, responsable de outorgar este galardón, recoñece así o labor de Rosa Álvarez ao longo dunha carreira profesional na que desempeñou principalmente os oficios de actriz e directora teatral. A Xunta Directiva, ademais, concédelle o Marisa Soto neste 2018, ano no que se cumpre o corenta aniversario das primeiras funcións profesionais do noso teatro. Sen persoas dedicadas como Álvarez, a profesionalización do sector non tería chegado a ser realidade. “O noso teatro precisou, precisa e seguirá a precisar persoas como a nosa compañeira Rosa, quen sempre abriu camiños dende o seu papel de pioneira, dende o espertar en Ribadavia até a creación de compañías como Malbarate ou Lagarta Lagarta, pasando pola fundación da nosa propia Asociación, da que ostenta o número 1 de asociada ”, sinala a Xunta Directiva, que conclúe lembrando que o galardón deste ano conta cun significado especial, xa que “Rosa creou Malbarate, unha compañía pioneira formada integramente con actrices xunto a Mabel Rivera e a propia Marisa Soto”.

Os Premios de Teatro María Casares celebran neste 2018 a súa 22ª edición. Os nomeados/as aos galardóns coñeceranse o vindeiro mércores 21 de febreiro na tradicional Festa dos/as Nomeados/as, mentres que a gala de entrega celebrarase xusto un mes des pois, o 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os Premios de Teatro María Casares contan co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic-Xunta de Galicia), o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o Padroado da Cultura do Concello de Narón, a Fundación SGAE e a Fundación AISGE.

BIOGRAFÍA ROSA ÁLVAREZ

Rosa Álvarez (Carballeda de Avia, 1950) iniciou a súa implicación co teatro nos anos setenta, converténdose nunha auténtica pioneira nas artes escénicas de Galicia. O seu labor en favor da escena iniciouse así nunha época na que todo estaba por inventar. Formou parte do grupo de fundadores/as que puxeron en marcha primeiramente a Agrupación Cultural Abrente –da que chegou a ser presidenta– e, pouco despois, as primeiras Mostras de Teatro de Ribadavia. Ambos fitos son considerados, xunto ao teatro independente que agromou na Coruña a finais dos sesenta, como pasos imprescindibles para a fundación do teatro profesional en Galicia en 1978.

A súa pegada como pioneira non remata aquí, xa que tamén impulsou a creación da Sala Carral de Teatro de Vigo, da compañía Teatro do Malbarate (compañía formada integramente por actrices xunto a Mabel Rivera e Marisa Soto) ou da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), da que ostenta o número 1 de asociada e da que exerceu como presidenta entre 1994 e 1996.

Actriz e directora teatral, Rosa Álvarez conta cunha dilatada traxectoria que a levou a participar nun gran número de montaxes de compañías privadas e do Centro Dramático Galego (CDG). Ademais, realizou abondosas incursións no audiovisual, tanto no formato televisivo coma no cinematográfico.

No CDG, Álvarez ten participado nalgunhas das producións máis emblemáticas da entidade. Formou parte do elenco do Woyzeck dirixido por Xúlio Lago de 1984, montaxe fundacional da institución pública de teatro. A partir dese momento, converteuse nunha habitual nas obras desenvolvidas polo Centro. Dese xeito, participou en pezas como Os vellos non deben de namorarse (1985), O enfermo imaxinario (1986) ou As alegres casadas (1986). Ao longo dos anos noventa, continuou a súa colaboración coa institución actuando en O incerto señor don Hamlet (1991), Un soño de verán (1992), Lisístrata (1996) ou Memoria de Antígona (1998). As súas últimas interpretacións no CDG chegaron con Eu estaba na casa e agardaba que a chuvia viñese ou A boa persoa de Sezúan.

No seu labor coas compañías privadas, Rosa Álvarez -ademais de traballar con formacións como Teatro do Atlántico, Teatro Artello, Redrum ou a xa citada Malbarate- fundou xunto a Ernesto Chao a compañía Lagarta Lagarta, na que traballou de actriz e directora. En montaxes como Aeroplanos, Cásting, O segredo dos Hoffman e Unha hora na vida de Stefan Zweig exerceu como directora, mentres que nas lembradas Fobias e As últimas lúas traballou como intérprete. No cine participou en películas como Doentes (Gustavo Balza, 2010), Os mortos van ás présas (Ángel de la Cruz, 2005), De bares (Mario Iglesias, 2004), Heroína (Gerardo Herero, 2004), Trece Badaladas (Xabier Villaverde 2002) ou Entre Bateas (Jorge Coira, 2001).

A súa carreira foi distinguida con galardóns como o Premio Mestre Mateo á mellor actriz secundaria por De bares, o Premio á mellor actriz protagonista por La Buena Caligrafía nos festivais de Zaragoza, Pasaia (Ikiska-Xapón), Xerez ou Torrelavega. Nos María Casares, levou o premio á mellor actriz protagonista en dúas ocasións: por Fobias e por Compañía. Recibiu, ademais, o premio Maruxa Villanueva á traxectoria no ano 2003. Tamén recibiu o Premio Fetega en 2014 á mellor actriz por O país do pato Donald e o Premio Xociviga á traxectoria profesional.

FOTOGRAFÍA: Fotograma da película 'Sea Beast'